Desta volta 411 novos inmobles dos núcleos de Casal, Zapateira, Laxe e Iglesia, en Mos (Pontevedra), xa poden dispor de accesos ultrarrápidos a internet de ata 10 xigas simétricos e gozar dos servizos máis avanzados de telecomunicacións do mercado.
Todo iso, grazas á nova rede de fibra que estamos a modernizar nas catro provincias de Galicia dende a pasada primavera.
Así, recentemente vimos de rematar outro treito das tarefas de despregadura da nosa rede de fibra en Mos, aproveitando ao máximo as infraestruturas dos devanditos núcleos. Quedaron conectados 9 fogares e negocios en Casal, 81 en Zapateira, 209 en Laxe e 112 en Iglesia respectivamente.
Despregadura de rede
Esta despregadura súmase á que xa viñamos de acometer hai meses en Mos nos núcleos de Atín, Casal, Campo de Eiro, Rebullón, Gándara e Balteiro e daquela conectáranse ás nosa redes avanzadas de R arredor de 380 vivendas e empresas deste concello da Ría de Vigo.
Cando rematen as despregaduras enmarcadas no vixente Plan Avanza no que estamos a traballar arestora, 2.724 fogares e negocios teranse unido xa á nosa modernísima rede de fibra no concello de Mos.
Aos inmobles incorporados na contorna do plan do Ministerio haberá que sumarlles os conectados a través doutros traballos de desenvolvemento de rede que vimos realizando na zona dende hai anos.
O sur da provincia de Pontevedra segue sumando fibra
Como sabes, Mos é un concello situado entre Vigo, Ponteareas e O Porriño.
Do seu rico patrimonio artístico destacan os chamados 'petos de ánimas' (pequenos santuarios en camiños ou encrucilladas), ademais de coidadas igrexas e multitude de cruceiros.
Tamén é indubidable a súa riqueza natural. A Serra do Galleiro é un dos mellores miradoiros naturais de toda a provincia de Pontevedra. Nela nace o Regato de Chenlo, que termina nunha fervenza de case 30 metros de alto, formando a Fervenza de San Xoán de Chenlo.
Por Mos pasa tamén unha antiga calzada romana que unía Bracara Augusta con Tui e Santiago, paso habitual de peregrinos/as que camiñan á tumba do Apóstolo. Aos pés deste vial sitúase o histórico Pazo de Mos, hoxe convertido en Fundación de interese galego.
E da herdanza da tradición e da historia ao desenvolvemento tecnolóxico, porque Mos continúa agora sumando máis fogares e negocios conectados á nosa moderna rede de fibra óptica, que pode ofrecer accesos simétricos de ata 10 xigas.
10 millóns de investimento e fondos europeos
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras de Mos enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75M€.
A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, chegamos por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.
A rede máis rápida do mercado para os/as clientes/as de R
Os/as clientes/as de R dos núcleos de Mos conectados xa podedes gozar dos servizos máis innovadores que ofrece a nosa nova rede de fibra, coa posibilidade de accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.
A nova rede de R, a máis rápida de España segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf, utiliza a tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e permite velocidades simétricas (iguais de suba e de baixada) en toda a súa extensión. É a última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming… etc. Un sistema que permite habilitar eses accesos de ata 10 xigas, o que supón 4 veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual e ata 8 veces máis capacidade de subida.
Cambio de equipos gratuíto e 5G
A medida que imos despregando a nova rede, os/as clientes/as de R sodes avisados/as e informados/as dos pasos que debedes seguir para cambiar os equipos por outros de nova xeración, máis avanzados, de forma totalmente gratuíta. E as novas altas de R xa están a contratar maioritariamente sobre a nova rede de fibra óptica.
Cando ao longo deste ano completemos os traballos de despregadura da tecnoloxía 5G e da nova rede de fibra FTTH, os novos equipos quedarán instalados en todos os inmobles e Galicia converterase nunha das rexións máis avanzadas de Europa en tecnoloxía, preparada para o uso e desenvolvemento de todos os servizos da chamada quinta xeración. Esta tecnoloxía avanzada 5G apóiase na rede de fibra óptica, supón máis velocidade (10 veces máis que o 4G), maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.
Con esta infraestrutura de última xeración que en R estamos despregando dende a pasada primavera, Galicia poderá competir en calquera lugar do mundo ao máximo nivel, ofrecendo a fogares e negocios galegos os servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio.
Imaxe de Concello de Mos: Fundación Pazo de Mos.