Ai que peniña dá que remate o verán! Aínda por riba, con tan bo tempo que tivemos, non queremos que isto chegue ao fin. Menos mal que o mes de setembro vén cargadiño de festas por toda Galicia e así se levará mellor o cambio de estación.
Para comezar o mes, Pontevedra celebra a súa Feira Franca na que a cidade se traslada ao século XV durante os días 2 e 3 de setembro, para desfrutar do privilexio, concedido polo rei Henrique IV no ano 1467, de celebrar un mercado libre de impostos. Ao saír de Pontevedra podemos tirar para o norte, ata Neda, e asistir á súa Festa do Pan que se celebra o 4 de setembro; nunca está de máis probar as nosas delicicias gastronómicas
Se o que queres é desfrutar dunhas tradicións máis arraigadas na nosa terra podes visitar o concello de Taboada na Ribeira Sacra de Lugo onde se celebra a queima das Fachas no castro de Castelo o 7 de setembro, tradición relacionada coa simboloxía druída. E se queres ver unha das danzas máis antigas de Galicia, datada no século XVI, podes acudir a Darbo, no concello de Cangas. Alí, o 8 de setembro os galáns e damas bailan para lle agradecer á Virxe os favores recibidos durante o ano.
Pero no mes de setembro os pratos fortes das festas son a Virxe da Barca de Muxía e a Guadalupe de Rianxo. As dúas comezan o 9 de setembro, pero a da Barca remata o 12 e a Guadalupe (ou “Juadalupe”, como din os rianxeiros), remata o 16. Nesas datas tanto en Muxía como en Rianxo está asegurada a festa ata as mil, e tamén o bo xantar e a boa música… todo que precisamos para paso xenial.
Neste vídeo podes facerche unha idea do ben que o pasan en Rianxo ;)
O 8 de setembro tamén se celebran en Galicia outras festas relixiosas que atraen a moitos visitantes e devotos como son a Festa da Virxe da Franqueira na Cañiza e as Miragres de Caión. E o 16 de setembro, a Pobra do Caramiñal celebra as súas grandes festas patronais na honra do Xesús Nazareno.
Para rematar as festas do verán o concello de Rairiz de Veiga celebra o último domingo de setembro a Romaría da Saínza, na que se representa unha batalla entre mouros e cristiáns e que se remonta a 1840.
E saíndo do tema das festas, os amantes do deporte tamén teñen unha cita importante co surf na comarca de Ferrolterra, pois do 30 de agosto ao 4 de setembro celébrase unha nova edición do Pantín Classic, que dende este ano está declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”.
Con este panorama de festas de seguro que o final do verán será menos duro e quedará un sabor de boca máis doce.
Ata outra!