Nos seus máis de 1700 quilómetros de costa, Galicia reúne fantásticas praias, portos pesqueiros de todo tipo e tamaño... e faros. Situados en contornas únicas, sempre co mar de fondo e rodeados de certo halo de misterio e lenda, os faros son un atractivo indiscutible da paisaxe galega.

Aproveitando que o 7 de agosto se celebra o Día Mundial dos Faros, levámoste a percorrer a costa de Galicia de faro en faro, dende as Rías Altas e Rías Baixas á Costa da Morte. Estás preparado/a?

Faro Silleiro

As súas características franxas vermellas e brancas son o sinal de identidade dun dos faros máis recoñecibles da costa galega.

O faro orixinal situábase ao nivel do mar en Cabo Silleiro, preto de Baiona. O seu primeiro combustible foi unha lámpada de mecha de aceite vexetal e xa en 1909 comezou a funcionar cunha lámpada de petróleo.

Pola súa localización estratéxica, este faro é unha referencia no mundo da navegación e foi espectador silencioso de naufraxios e disputas ao longo da historia. De feito, moi cerquiña podes visitar restos de antigas baterías militares.

Faro Cabo Home

O Faro Cabo Home marca a entrada da ría de Vigo entre as Illas Cíes e a Costa da Vela.

De cores azul e branco, é un faro moi alto; grazas aos 18 metros de altura, a súa luz alcanza os 12 quilómetros de distancia.

Faro O Monte do Faro

Nun dos nosos grandes paraísos naturais, as illas Cíes, está o Faro de Monte Faro. Atoparalo se realizas algunhas dos roteiros de sendeirismo máis populares das illas.

Ata os anos 60 estivo habitado. Para acceder debes subir unha costa. Cando chegues a el, gozarás dunha fantástica panorámica da paisaxe insular e vertixinosos cantís.

Faro de Punta Candieira

Entre rocas e a poucos metros sobre o nivel do mar, atópase o Faro de Candieira, en Cedeira, entre a Punta Valteira e Felgueira.

O camiño para chegar a el comeza no Monte Purrido e trátase dun impresionante descenso no que mar ofrece todo o seu esplendor, con cantís e illotes próximos.

O faro, de cores branco e vermello, segue en funcionamento dende a súa inauguración en 1954.

Faro Cabo Prior

O Cabo Prior está formado por unha lingua de terra de 1,75 quilómetros de ancho que se adentra no mar. E aí, no mesmo lugar no que antes había instalacións militares, eríxese o Faro Cabo Prior.

Unha situación aberta ao mar perfecta como miradoiro natural dende o que ven as dúas enseadas entre as que se atopa esta península, Santa Comba ao leste e San Jorge ao Oeste. De lonxe, pódese ver tamén Punta Frouxeira.

Faro Punta Frouxeira

O toque vangardista aos faros galegos pono o Faro Punta Frouxeira.

A súa estética é moi diferente á dos faros tradicionais, con cadrados de cor azul e branco.

Está situado no Espazo Natural da Lagoa e Areal de Valdoviño, integrado pola praia, a lagoa e as marismas.

Faro Punta Nariga

O faro galego máis novo é o Faro Punta Nariga, preto de Malpica.

Construído en 1995 a partir dun deseño de César Portela, os seus 50 metros de altura e 22 millas de alcance de luz, convérteno en todo un referente de integración da arquitectura coa paisaxe.

Torre de Hércules

A Torre de Hércules é o faro romano máis antigo do mundo e o único que aínda se atopa en funcionamento. Convertido en símbolo da cidade da Coruña, pódese visitar.

Está situado entre a enseada do Orzán e o Golfo Ártabro, sobre un outeiro de 60 metros sobre o nivel do mar e conta cunha altura de 59 metros.

Dende o 2009 é, ademais, Patrimonio da Humanidade.

Faro de Isla Pancha

Na Mariña de Lugo, a tiro de pedra da popular Praia das Catedrais, atópase o Faro de Isla Pancha. Está nunha illa comunicada coa costa a través dunha ponte.

O faro é unha torre circular de formigón con franxas brancas e negras. Recentemente converteuse nun establecemento hostaleiro, converténdose no primeiro hotel-faro de España.

Faro Cabo Vilán

Se queres descubrir a Costa da Morte, coas súas escarpadas rocas e os seus fortes ventos, convidámoste a coñecer a espectacular paraxe no que se atopa o Faro Cabo Vilán, en Camariñas. De feito, toda a zona foi declarada Sitio Natural de Interese Nacional e forma parte do percorrido do Camiño dos Faros, un roteiro de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra a carón do mar.

O edificio é o faro eléctrico máis antigo de España. Foi construido en 1896, varios anos despois do naufraxio do acoirazado inglés HMS Serpent (1890) en Punta do Boi.

A vivenda está separada da lanterna e comunicada por un túnel cuberto que vai á torre.

Faro Touriñán

As perigosas augas da Costa da Morte facían necesarios faros que guiasen aos barcos no seu percorrido. E a finais do século XIX construíuse o Faro Touriñán.

Na actualidade é unha torre de formigón de 11 metros de altura cunha luz que alcanza as 23 millas e emite 1 e 2 escintileos cada 15 segundos.

Como curiosidade, sabes que este é o lugar onde máis tarde se pon o sol entre o 21 de marzo e o 25 de abril e do 13 de agosto ao 22 de setembro?

Faro Cabo Ortegal

Presidindo os cantís de máis de 600 metros de altura do cabo Ortegal, atópase o Faro Cabo Ortegal, constituíndo outra das estampas máis espectaculares da Costa da Morte.

É cilíndrico, de cor branca, cunha franxa vermella e dous balcóns voados.

Faro de Fisterra

Acabamos o noso percorrido no "fin do mundo" ("Finis Terrae"). No punto máis occidental da península e quilómetro 0 do Camiño de Santiago, atopamos o Faro Fisterra, un dos máis emblemáticos e lendarios.

En canto á súa construción, é obra do enxeñeiro Félix Uhagón e conta cunha torre feita de cantería de base octogonal. Á beira atópase un edificio anexo, a Sirena, pensada para os días nos que a néboa non deixaba ver a luz do faro e que emite dous sons estridentes cada minuto.

Que che parece a nosa pequena selección de faros galegos? Cóntanos cales coñeces e cal é o teu favorito.

Imaxes de: Turismo de Galicia.