Xa case non lembramos como sobrevivimos antes de Internet. E é que agora non somos ninguén sen a rede que nos facilita o día a día. Así que temos que celebrar este grande invento, que se conmemora cada 17 de maio en todo o mundo. Pero, por que ese día é o Día Mundial de Internet?
Aquí atoparás esta e outras curiosidades de Internet, así coma un repaso por algúns dos grandes momentos que revolucionaron a rede e moito máis.
Se queres saber máis sobre o Día Mundial de Internet, continúa lendo.
Cando naceu o Día Mundial de Internet?
A primeira celebración do Día Mundial de Internet non foi o 17 de maio, senón en outubro. En concreto, celebrouse o 25 de outubro de 2005.
Daquela foi promovido pola Asociación de Usuarios de Internet.
Pero en novembro dese mesmo ano, no Cumio da Sociedade da Información, celebrado en Tunisia, propúxoselles ás Nacións Unidas (ONU) que designase o 17 de maio como Día Mundial da Internet, xa que nesa xornada se celebra o Día Mundial das Telecomunicacións. E así, a ONU engadiu ese día como Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, é dicir, o Día Mundial de Internet de xeito oficial.
Día Mundial de Internet: que se celebra
A finalidade desta xornada é dar a coñecer as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e promover a súa accesibilidade á rede. Digamos que o que se busca co Día Mundial de Internet é que coñezas o que che ofrece a rede, todas as súas posibilidades para informarte, difundir contidos e xerar emprego e que poidas utilizalo sen limitacións.
Hoxe o seu uso é case universal. Aquí, en Galicia, internet está no 93% dos fogares, segundo os datos da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) do ano 2021, e o seu uso chega ao 100% dos/as galegos/as de entre 16 e 34 anos.
E, non é por presumir 😉, pero en R temos moito que ver para que internet chegue a todos os recunchos de Galicia.
Como naceu Internet
Só 23 anos despois do nacemento de Internet, o seu día xa se celebraba "oficialmente". Dende aquel 1983 ata a actualidade Internet deunos moitas alegrías. Non só por facer o noso día a día máis fácil ou levadío, senón tamén por como influíu na nosa forma de relacionarnos socialmente. Que fariamos sen as redes sociais e as aplicacións de citas!
Pero Internet non naceu para ligar nin para un uso na mellora do traballo. Curiosamente, en 1983 foi o Departamento de Defensa dos Estados Unidos o que deu o estoupido de saída. Decidiu utilizar o protocolo TCP/IP na súa rede Arpanet, creando así a rede Arpa Internet, que co paso dos anos quedaría só en "Internet".
A seguinte data que compre sinalar é marzo de 1989. Foi entón cando se describe por primeira vez o protocolo de transferencia de hipertextos. Faino Tim Berners-Lee. O de protocolo de transferencia de hipertextos probablemente non che di nada, pero é a base sobre a que naceu a primeira web. De feito, un ano despois, no 1990, nacía Internet no seo da Organización Europea para a Investigación Nuclear, CERN. Fíxoo de forma pechada. Non obstante, non hai que esperar moito ata que Internet se faga pública, ata que o resto de usuarios/as poidan acceder a ela. Foi en agosto de 1991.
A World Wide Web creceu enormemente dende entón. En 1993 só había 100 páxinas web. Catro anos despois, en 1997, xa había 200.000. Hoxe hai millóns. E o bonito é que millóns de persoas en todo o mundo teñen acceso a unha conexión. Estímase que o 60% da poboación mundial se conecta regularmente. Estamos a falar de máis de 4.600 millóns de persoas. Queda moito por facer, pero as perspectivas son optimistas.
Datas importantes na historia de Internet
Que representa Internet para ti hoxe en día? A pregunta é doada e seguramente cada quen ten un concepto ou un uso diferente de Internet, pero imos falarvos deses momentos que se consideran clave na historia de Internet. Xa sexa porque representaron un avance ou porque se produciu un cambio social importante.
Os inicios de Internet
- 1983: dentro do Ministerio de Defensa dos Estados Unidos xorde o xerme de Internet.
- 1991: o creador da www, Tim Berners-Lee, carga a primeira páxina web.
- 1992: o CERN sube a Internet a primeira fotografía.
- 1995: aparece o embrión das redes sociais, GeoCities.
- 1994: nace a primeira web de comercio electrónico.
- 1995: o 3 de abril mércase o primeiro libro en Amazon.
- 1995: a primeira rede social coñecida, sixdegrees.com, naceu este ano e desapareceu en 2001.
- 1996: sae á venda o Nokia 900, o primeiro teléfono móbil con Internet.
- 1999: aquí nacen os emojis, que tanto usamos nas redes sociais ou no WhatsApp.
- 2001: nace a Wikipedia.
- 2003: unha das redes sociais máis famosas do seu día, MySpace, aparece este ano. Venderase por 580 millóns no 2005.
- 2003: Skype aparece aquí.
- 2003: este ano nace a rede social de orientación empresarial e laboral, Linkedin. Microsoft comprouna en xullo de 2016 por 26.600 millóns de dólares.
- 2004: este ano aparece Facebook, que aínda é a rede social máis coñecida. Hoxe conta con máis de 1.900 millóns de usuarios e factura 29.000 millóns de dólares.
- 2005: súbese o primeiro vídeo a Youtube.
- 2006: Xorde Tuenti. Foi unha rede social española, a máis utilizada polos mozos entre o 2009 e o 2012, con 15 millóns de usuarios. A marca desaparece definitivamente en 2022.
- 2006: envíase o primeiro chío de Twitter.
- 2011: xorde Twitch para transmitir vídeos en liña. No 2014 Amazon paga 970 millóns de dólares.
- 2016: TikTok, a aplicación que actualmente ten máis de 2.000 millóns de descargas na PlayStore, nace este ano en China.
- 2016: Xorde Onlyfans. Moitos dos seus creadores viven dos seus subscritores. É unha rede social moi coñecida polo seu contido para adultos.
Lembras todos estes fitos?, cal cambiou máis a túa vida? Hai para todos os gustos, pero Internet cambiou moito a nosa vida social, e estes momentos ben o demostran.