Vivimos expostos a bulos constantes, noticias falsas, vídeos e imaxes manipulados. Contido viral que compartes nas túas redes sociais sen decatarte de que é un fake. E máis nestes días nos que estás saturado de información. Non todo o que ves e oes é verdade, por iso ímosche a axudar a identificar as fake e false news cuns cantos trucos.
Fake e false news
Antes de darche algunhas recomendacións para que non che dean gato por lebre, debes saber que é isto das fake e false news.
Compártense millóns de vídeos e fotos en redes sociais, moitas delas retocadas con Photoshop ou algún filtro que non fai dano a ninguén. Si o fan os deepfakes, para entendernos, falsificacións profundas, vídeos que distorsionan a realidade, realizados con ferramentas de Intelixencia Artificial e técnicas de Deep learning. Paradoxalmente esas mesmas ferramentas utilízanse para identificar as fake news.
O que fan, en resumo, é crear falsificacións profundas de persoas grazas á intelixencia artificial e a aprendizaxe automática. Nestes vídeos combínanse, substitúense ou superpóñense contidos para que pareza auténtico. E así xa está feita a trampa.
Os xigantes tecnolóxicos queren destapar e acabar con estas prácticas: Facebook, Google, Microsoft, Instagram... traballan para identificar usuarios falsos, contas trolls, bots ou contas automatizadas que simulan ser persoas. Ademais teñen un exército de revisores e verificadores independentes, entre eles a española Maldita.es. Se che interesa o tema, podes ler máis aquí.
Consellos para que ti mesmo detectes contido falso
Ti tamén podes detectar as fake news. O primeiro, aplicar o sentido común. Hai cousas que, por inverosímis, non as tragas nin de broma. Tanto se es bo detective coma se non, segue estes trucos:
- Ollo coas fotos: se algo te cheira mal, busca a foto en Google para verificar de onde procede, cal é a súa autoría e data de publicación.
- Revisa a URL: ás veces a URL dunha noticia pode darnos a pista. Moitas imitan a URL de páxinas auténticas e fiables. Podes comparalas dende a barra do teu navegador.
- Desconfía dos titulares capciosos: adoitan levar frases impactantes e con moitas exclamacións. Se che soa moi estrambótico, probablemente sexa falso.
- Verifica as fontes: se a noticia ou imaxe víchela nunha páxina ou conta que descoñeces ou non che soa, se non achegan probas ou mencionan a expertos sen dar o seu nome, busca máis información para asegurarte de que provén dunha fonte fiable.
- Atopa o gazapo: as faltas de ortografía, unha redacción pobre ou sen sentido, un deseño demasiado cutre… poden darte pistas de ser fake.
- Mantén sempre unha actitude crítica: filtra o que les antes de compartir desmedidamente. Podes ser manipulado sen decatarte.
- Denúnciao na plataforma: se despois de aplicar as recomendacións anteriores, cres que estás ante unha fake new, denúnciao. Nas opcións dunha publicación, atoparás case sempre o botón de denunciar. Así poderás poñerlle freo á propagación de rumores e bulos.
Esperamos que, con estas recomendacións, non caias na trampa das fake news. E se queres axudar a outros a identificar contido falso, comparte este artigo nas túas redes sociais.