Un castelo que foi escenario de Revoltas Irmandiñas e que hoxe acolle un auténtico Museo de Artesanía Viva. Falamos do castelo de Vimianzo. Contámosche todo o que necesitas saber sobre a súa historia, os seus horarios, como chegar e que podes visitar no seu interior.
O castelo de Vimianzo é un dos castelos mellor conservados de Galicia. Declarado Ben de Interese Cultural en 1994, os seus grosos muros foron testemuñas de grandes acontecementos da nosa historia.
Actualmente, o castelo de Vimianzo exerce como museo, monumento, centro de actividades culturais e como escenario dunha das nosas festas máis populares: o "Asalto ao Castelo".
Historia do castelo de Vimianzo
O castelo de Vimianzo foi construído entre finais do século XII e principios do XIII polos Mariño de Lobeira.
A mediados do século XIV foi confiscado polo rei Alfonso XI e vendido ao arcebispo Juan García de Manrique.
Xa no século XV, a propiedade do castelo converteuse en obxecto de desexo e disputa entre o arcebispo de Santiago e a familia Moscoso, condes de Altamira.
A súa proximidade á costa, preto dos principais roteiros comerciais marítimos e dos negocios máis prósperos por aqueles tempos, sardiña e sal, xunto co fácil acceso a botíns dos numerosos naufraxios que se producían na zona, convertíano nun lugar estratéxico e de enorme valor para uns e outros.
Nesta época teñen lugar tamén as Guerras Irmandiñas, que enfrontaron aos campesiños cos señores feudais galegos, e boa parte do castelo é derruido. O arcebispo Fonseca quere apropiarse del coa escusa da reconstrución pero Lope Sánchez de Moscoso reclama a súa propiedade, que finalmente conseguirá e conservará a súa liñaxe ata ben entrado o século XIX, cando pasa a mans do entón presidente da Deputación da Coruña, Ramón Martelo Núñez.
Xa nos anos 70 do século XX, o castelo sofre un novo incendio e a familia véndeo definitivamente á Deputación da Coruña, que o rehabilita e o adica dende entón a uso público.
Como é o castelo de Vimianzo
O castelo de Vimianzo é unha fortaleza de estilo medieval con catro torres, murallas e un foso, con ponte elevada incluída, que rodea todo o perímetro do recinto.
Especialmente impoñente é o seu patio de armas, rodeado de grosos muros e almeas con forma de diamante, o único que a día de hoxe se conserva da fortaleza orixinal. Probablemente foi concibido como unha especie de Torre da Homenaxe. Na súa entrada pode verse o escudo coa cabeza de lobo da familia Moscoso.
A planta ten forma poligonal e irregular, adaptándose así mellor ao terreo sobre o que se asenta.
A torre leste é a de maior tamaño e a que dá acceso ao soto do torreón.
Que podes ver no Castillo de Vimianzo
O castelo de Vimianzo é, actualmente, un auténtico museo de artesanía.
Alí podes atopar palilleiras, artesás do liño e cesteiras realizando o seu traballo en vivo. Se che apetece, mesmo podes comprar algunha das súas creacións.
Nas súas salas de exposicións, unha infinidade de obxectos artesanais, encaixes, elementos decorativos realizados en prata ou coiro, maquetas de barcos... Un lugar destacado ocupa a Olaría de Buño, a parroquia do municipio de Malpica de Bergantiños convertida en todo un referente da olaría tradicional.
Tamén seguen en pé e podes ver varias dependencias que servían como albergue da guarnición e da servidume.
Acceso e visita ao castelo de Vimianzo
O castelo de Vimianzo está situado na entrada da localidade e a forma máis sinxela de chegar é a través da estrada comarcal 552 que une A Coruña con Fisterra.
A entrada é gratuíta e pódese visitar todo o recinto do castelo, patio de armas e salas interiores. Ademais, nunha das torres hai un Centro de Interpretación da Costa da Morte.
Dous datos a ter en conta: non se permite o acceso con cans e para grupos de máis de 10 persoas hai que facer reserva previa escribindo a [email protected].
Horario do castelo de Vimianzo
O castelo está aberto todos os días do ano, excepto os luns. No verán, o seu horario amplíase e pecha un par de horas máis tarde que no inverno.
• Dende o 16 de setembro ao 30 de xuño: De martes a domingo, de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 h.
• Entre o 1 de xullo e o 15 de setembro: De martes a domingo, de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 h. Este é tamén o horario de datas especiais, como a Semana Santa.
Os días de Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e 22 de maio o castelo de Vimianzo estará pechado.
Podes optar pola entrada libre ou polas visitas guiadas que se organizan ás 11:00 e ás 19:00 h.
Tamén existen visitas teatralizadas os domingos de xullo, agosto e primeira quincena de setembro ás 12:15 e ás 16:45 h.
E hai unha ocasión moi especial na axenda do castelo de Vimianzo; ese día a fortaleza pecha as súas portas un pouco antes do habitual. Falamos da celebración do "Asalto ao Castelo".
"Asalto ao Castelo" de Vimianzo
A primeira fin de semana de xullo, Vimianzo e o seu castelo rememoran a Revolta Irmandiña co "Asalto ao Castelo".
É unha festa de marcado carácter simbólico que se celebra dende fai máis de vinte anos e que recrea esa contenda nas que os veciños, fartos dos seus abusos, conseguiron destronar aos nobres da época.
Na recreación non falta unha boa dose de retranca galega, aderezada con toques de sátira e surrealismo, con personaxes variados, dende guerreiros a meigas, asaltando a fortaleza.
Da organización do evento ocúpase Cherinkas, unha asociación sen ánimo de lucro formada por xentes de Terra de Soneira. Conta coa colaboración do Concello de Vimianzo, entidade que actualmente se encarga da xestión do castelo de Vimianzo.
Para rematar a grande festa irmandiña de Galicia, música folk e boa gastronomía. É momento de degustar os Petiscos Irmandiños na hostalería local.
Curiosidades do castelo de Vimianzo
Antes de converterse nun museo público, ao longo dos anos, o castelo de Vimianzo foi escenario de guerras, delitos ou poemas.
Ao castelo de Vimianzo coñéceselle tamén como Torres de Martelo, xa que foi refuxio e inspiración do poeta Evaristo Martelo, autor do Rexurdimento que escribiu obras como "Os afiliados do demo" ou "Líricas gallegas".
En tempos irmandiños, o castelo sería testemuña de disputas varias que alimentan a cultura popular. Di a lenda, por exemplo, que Bernal Sánchez de Moscoso mantivo alí retido nunha gaiola de ouro durante un par de anos ao arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca.
Doutra banda, tamén se conta que Pedro Madruga retivo neste mesmo castelo ao bispo de Tui, Diego de Muros, que só recuperou a súa liberdade tras pagar un rescate de setecentos mil reais.
E terminamos este apartado de curiosidades falando dos corredores e túneles secretos e subterráneos que, supostamente, comunican o castelo co veciño Pazo de Trasariz e co Castro das Barreiras. Non sabemos onde están, pero si é certo que era habitual que este tipo de construcións contasen con pasadizos para esconderse ou fuxir dos inimigos.
Máis aló de lendas e historias, o castelo de Vimianzo é unha impoñente construción que se conserva en moi bo estado e que merece unha visita.
Fonte imaxe cabeceira: Concello de Vimianzo.