O Centro de Transición á Vida Autónoma de Cáritas Diocesana de Ourense contribuíu a reinserir a 23 persoas desde que abriu as súas portas en 2017. É o único que existe en Galicia das súas características xa que, entre os 5 educadores que forman parte do proxecto, cobren as 24 horas do día.

Paula Ribao, a responsable do centro, hai 15 anos que traballa para Cáritas, e cóntanos como é o día a día neste centro. E a súa importancia para continuar o traballo con estas persoas ás que a sociedade lles deu as costas.

Acompañamento

A educadora cóntanos que se trata dun centro que busca finalmente a reinserción á vida autónoma das persoas sen fogar. Son “persoas que non poden pagar un aluguer, que non teñen unha rede social nin familiar que as acompañe”, matiza. E faise a través dun proceso de acompañamento individualizado.

O prazo medio de estancia neste centro oscilan entre os seis e os oito meses. O máximo é dun ano, pero é flexible xa que, “cada un ten o seu ritmo segundo as súas necesidades, bagaxe e soidade”.

Este programa ten un éxito do 50% en reinserción laboral e hai unha continuidade no tempo.

A soidade

É o concepto máis importante dentro deste proceso, e por iso é capital a presenza 24 horas. Cóntanos Paula que tan relevante como o apoio na procura activa de emprego é “que esteas aí para almorzar, para dar un paseo ou ir a un partido de fútbol”, isto permítelles ter mellores obxectivos para a súa saída.

“O lecer é fundamental para que eles se sintan parte dunha sociedade que dalgunha maneira lles deu as costas”. Algo tan sinxelo como acudir a un partido de fútbol sen ter a presión de non poder pagalo, ou que che miren de forma estraña.

Fan saídas para coñecer a contorna, ou cidades como Santiago de Compostela. Tamén teñen acordos con clubs deportivos da cidade para asistir a partidos.

O día a día

Cóntanos Paula que procura que “estean sempre ocupados”. Cando entran no programa valóranse as súas necesidades e estado de saúde, xa que moitas veces non foron ao dentista na súa vida, e necesitan atopar unha estabilidade.

Unha estabilidade que pasa por saber que non teñen que buscar onde durmir, poder abrir a neveira e comer o que queiran. Algo que todos damos por sentado.

Despois vén a inclusión laboral. Apuntarse ao INEM, buscar emprego, formarse… “eles toman as decisións, pero nós somos os guías”, asegura a responsable do centro.

En canto á convivencia, funciona coma se compartisen piso, hai unhas normas básicas de convivencia como coidar espazos comúns e respectar as horas de descanso.

Axuda económica

Os recursos económicos do centro veñen por unha banda do financiamento propio e, por outro, da casa do 0,7% de IRPF para fins sociais da declaración da renda. Esta última, cada ano vaise reducindo, polo que as achegas dos socios son moi importantes.

Continuidade do programa

O traballo non termina cando os usuarios atopan un emprego e saen do centro. Poden seguir participando nas actividades, “hai un contacto, facemos visitas domiciliarias e seguimento telefónico”, coméntanos Paula, “é moi habitual que nos chamen para vir comer porque se senten raros vivindo sós”, engade. É primordial que todo o traballo que se fixo se siga mantendo no tempo, por iso faise un seguimento da súa evolución.