Melchor, Gaspar e Baltasar encherán de maxia e ilusión a cidade herculina na Cabalgata de Reis na Coruña 2026, o luns 5 de xaneiro. Preparado para coller caramelos? Pois infórmate aquí do horario e do percorrido da Cabalgata na Coruña 2026 para velos no mellor sitio.
Horario da Cabalgata de Reis A Coruña 2026

Queres saber a que hora empeza a Cabalgata de Reis A Coruña 2026? Este ano comezará o luns 5 de xaneiro 2026 ás 17:30 h, segundo anunciou o Concello da Coruña.
A duración da Cabalgata será de dúas horas e media, polo que a chegada á Praza de María Pita terá lugar ao redor das 20:00 h. E xusto despois, será o momento no que Melchor, Gaspar e Baltasar se dirixan á cidadanía dende o balcón do Concello.
Este é o horario da Cabalgata de Reis A Coruña 2026:
Luns, 5 de xaneiro de 2026
- 17:30 h. Inicio da Cabalgata de Reis da Coruña 2026 dende Vioño.
- 20:00 h. Chegada dos Reis á Praza de María Pita e saúdo dos Reis dende o balcón do Concello.
Percorrido da Cabalgata na Coruña 2026

Imaxe: Concello da Coruña
Por onde van os Reis Magos na Coruña 2026? A comitiva sae da rúa Revolución Francesa, en Vioño e o percorrido da Cabalgata A Coruña 2026 ten 4, 4 quilómetros.
O desfile pasará pola rúa Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, Avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, avenida Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, avenida da Marina, avenida de Montoto, Porta Real, María Barbeito e María Pita.
Debido ás obras nos Cantóns, o público non poderá situarse no cruzamento de Entrexardíns e o Teatro Colón.
Para que toda a cidadanía poida gozar do paso de Melchor, Gaspar e Baltasar, o Concello habilita puntos accesibles, situados en Pérez Ardá, diante do Corte Inglés, e diante de Autoridade Portuaria.
Tamén se habilitarán puntos sen ruído na rolda de Outeiro, onde o hotel Avenida, e no Teatro Colón.
Deixámosche por aquí todo o percorrido da Cabalgata na Coruña 2026, que tamén podes descargar aquí:
- Rúa Revolución Francesa
- Rúa Igualdade
- Rolda de Outeiro
- Alcalde Pérez Ardá
- Avenida Santiago Rey Fernández-Latorre
- Catro Camiños
- Costa da Palloza
- Avenida Primo de Rivera
- Linares Rivas
- Cantón Grande
- Avenida da Marina
- Avenida de Montoto
- Porta Real
- María Barbeito
- Praza de María Pita
Cabalgata de Reis 2026 A Coruña

E como vai ser a Cabalgata de Reis 2026 A Coruña? O 12 de agosto de 2026 haberá en Galicia unha eclipse solar total, un fenómeno astronómico histórico que fai máis dun século non se ve en España. Por iso, a temática da Cabalgata de Reis A Coruña 2026 será a eclipse e a astronomía.
Na Cabalgata da Coruña 2026 desfilarán 13 carrozas, 6 trens e contará con 16 compañías artísticas de animación e música. E por suposto, o sempre esperado camión dos Bombeiros da Coruña que pecha a comitiva e ao que os peques e maiores gritan cada ano: “eses bombeiros, que tiren caramelos”.
Visita dos Reis Magos A Coruña 2026
Antes da Cabalgata de Reis na Coruña 2026, podes ver a Melchor, Gaspar e Baltasar en persoa no Pazo Municipal de María Pita e noutros barrios da cidade.
Se queres saudalos e entregar a túa carta, consulta aquí as datas e horarios da visita dos Reis Magos A Coruña 2026.
Coa Cabalgata, o Nadal A Coruña 2025 - 2026 despídese ata o ano que vén.
