Chega unha nova edición de "Enredando Tour R". A aula móbil de Cruz Vermella e R, en colaboración coa Consellería de Política Social, organizan estes talleres móbiles que percorren diferentes localidades de Galicia para que os maiores de 60 anos aprendan de tecnoloxía e se acheguen máis ao mundo dixital. E xa temos datas para xullo!

Seguro que oíches falar da fenda dixital. Traducido en números, significa que só un 6,5% dos maiores de 75 anos ten habilidades dixitais. Isto é un problema cada vez que necesitan sacar unha cita médica, acceder á banca en liña, facer algún trámite administrativo ou simplemente queren comprar dende a casa. E, por exemplo, durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, no puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais.

En R propuxémonos reducir esta brecha e conseguir que os maiores non vexan as novas tecnoloxías como unha barreira, para que tamén eles se convertan en usuarios dixitais de pleno dereito ;)

Contidos dos talleres de tecnoloxía “Enredando tour R”

Para empezar, queremos que perdan o medo a estas tecnoloxías novas e descoñecidas, comezando por conceptos básicos e avanzando logo en usos prácticos e cotiáns do día a día.

talleres para maiores

Como cada usuario/a é un mundo, pensamos en catro formacións diferentes en función das necesidades e os intereses de cada participante.

A primeira é a máis básica e está pensada para achegarse como principiante na internet e os seus usos. Chamámola "Vivo non mundo analóxico, rapaza".

Temos outra opción ideal para conseguir auténticos expertos nunha das aplicacións máis usadas: Whatsapp. É: "E ti… de quen vés sendo?"

Unha terceira opción, "Dixitalízate, ho!", quere axudar a resolver problemas tan cotiáns como acceder ao Sergas, ao banco ou facer a compra.

A cuarta das opcións é a de "Menú R: móbilR". Nela contarémosche os detalles da factura electrónica que che enviamos cada mes e unha chea de aplicacións prácticas coas que sacar partido ao teu smartphone, como compartir o móbilR con netos/as sen sustos: instalar/desinstalar apps e coñecer Youtube Kids.

Duración dos talleres de tecnoloxía para maiores

Cada taller dura uns 45 minutos e todos eles celebraranse en aulas móbiles súperequipadas con smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes...

E, por suposto, contarán con persoal especializado e voluntarios de Cruz Vermella que resolverán todas as dúbidas e acompañarán aos participantes nesta viaxe dixital.

Vaia, o que se di o lugar ideal para fedellar, descubrir e preguntar.

talleres

Localidades ás que chegará "Enredando tour R"

Esta é a segunda edición de “Enredando tour R”, que no 2021 levou a cabo preto de medio milleiro de formacións por toda Galicia, involucrando a máis de 400 persoas entre usuarios, profesionais e voluntarios de Cruz Vermella.

Para este mes de xullo, xa temos parada prevista do “Enredando tour R” en varias localidades:

  • 20 de xullo: Lugo
  • 21 de xullo: Chantada
  • 22 de xullo: A Fonsagrada
  • 27 de xullo: Vigo
  • 28 de xullo: Pontevedra
  • 29 de xullo: A Estrada

Onde e como apuntarse aos talleres de tecnoloxía "Enredando tour R"?

Para participar nas actividades de "Enredando tour R", podes ir a unha tenda de R ou inscribirte neste formulario: http://i.r.gal/enredandotour

E se queres saber cando chega "Enredando tour R" ao teu concello e ter máis información sobre as actividades, datas e horarios, tamén podes acceder á páxina enredando.gal.