Xa non vivimos en Galicia, se non en Galifornia. Buscamos terrazas ao sol como auténticos lagartos. E, por suposto, non saímos de casa sen consultar antes unha app para saber o tempo. Nun mesmo día pode facer calor, nublarse, chispear, saír o sol, soprar o vento, tronar... Non podemos evitalo, pero si adiantarnos. Non mires ao ceo, senón ao teu móbil. Recompilamos as mellores aplicacións da meteo.
- AEMET: dispoñible en Google Play e App Store
Para os clásicos, a aplicación da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) ofrece predicións a 7 días. De forma automática recoñece a túa localización e indícache o tempo. Terás información sobre temperatura e sensación térmica, orientación e velocidade do vento, probabilidade de choiva, humidade, índice de radiación ultravioleta (UVI), cúmulos, cirrocúmulos , etc.
- MeteoGalicia: dispoñible en Google Play e App Store
Moi completa e con predición a 10 días. Ademais do prognóstico xeral do tempo, podes consultar o estado do mar (aquilo que dicía Pemán: marusía a forte marusía ) e as mareas, o tempo específico nunha praia, as horas de amencer e ocaso, fases da lúa, calidade do aire, etc. No botón “Observación” verás imaxes en tempo real do radar de Meteogalicia e do satélite Meteosat, ademais de vídeos das últimas horas. Como ves, non lle falta de nada.
- El tiempo.es: dispoñible en Google Play e App Store
Seguro que máis dunha vez consultáchela na web, pero igual non sabías que tamén tiña app para móbil, ademais dun widget que podes personalizar ao teu gusto no escritorio do teu móbil. Eltiempo.es avanza a predición de ata 14 días, moi útil se vas ir de viaxe. Ademais, podes darlles envexa aos teus amigos subindo as túas propias fotos coa información meteorolóxica xeolocalizada, ou enviarlles unha postal que ti mesmo podes crear desde a app.
- Windguru: dispoñible en Google Play
Minimalista no seu deseño, os que a usan habitualmente falan da súa fiabilidade. Moi popular entre xente do mar e surfeiros (tamén padel surf que está de moda ) que queren coñecer ao detalle o estado do vento e as ondas. Para usar a aplicación tes que rexistrarche antes na web de Windguru. Para móbiles con sistema operativo iOS, tedes Windfinder, dispoñible en App Store e tamén en Google Play.
- AccuWeather: dispoñible en Google Play e App Store
Quen dá máis? Pois gaña AccuWeather con predición a 90 días. Ademais da información do tempo, podes ver vídeos espectaculares con tormentas, choivas, etc. Con MinuteCast® terás un prognóstico das precipitacións minuto a minuto nas dúas horas seguintes.
- Yahoo Tiempo: dispoñible en Google Play e App Store
Moi valorada polo seu deseño. Non en balde, gañou o Apple Design Award en 2013. Destaca polas súas incribles fotos que cambian segundo a localización, hora do día e estado do tempo actual. Os usuarios da app son os que soben as imaxes e ti podes facer o mesmo en www.flickr.com/projectweather
- The Weather Channel: dispoñible en Google Play e App Store
Tamén moi exitosa, con prognóstico a 9 días. Podes crear alertas personalizadas, compartir o estado do tempo, etc. E moi útil, como sempre, o widget.
- Smart Weather: disponible en Google Play y App Store
Terminamos esta selección cunha aplicación feita por xente de aquí. A empresa galega Smart GalApps desenvolveu Smart Weather, unha app na que destaca o slider temporal co que podes animar as imaxes e ver a evolución da choiva coma se fose un vídeo, para ver cara a onde vai e se vai chover. E falando de choiva, outra app súa chámase Chove (dispoñible en Google Play), directo ao gran
Esperamos que Lorenzo se porte este verán
Vós cal usades?
Un saúdo!