Se che custa un ril (en galego) facer un reel, (en inglés), estás en bo sitio. Porque imos explicarche todo o que necesitas para crear e compartir vídeos curtos en Instagram, Facebook ou TikTok. Aprenderás que son os reels e como funcionan, e o máis importante, como facer reels. Así que fai espazo a estas apps para facer reels no teu móbil.

O da graza, a creatividade e o enxeño, xa corren da túa conta 😉.

Que é un reel

A palabra reel coouse no noso día a día coma se nada. Reels de como maquillarse, peitearse, receitas de cociña, cambios de decoración na casa, covers de bailes virais do momento… É que estes vídeos curtos son os contidos máis vistos en Instagram, Facebook, TikTok

Por que? Porque son vídeos curtos e moi divertidos.

Para crear o teu reel podes gravar un vídeo ou subir un vídeo da túa galería.

Pódeslles poñer filtros, efectos, transicións, texto, stickers, a canción que o peta, o teu propio audio ou voz en off, cambiar a velocidade… Que falando de stickers, non se se sabes que en R temos os nosos propios e son unha chulada.

Tamén che permite elixir a duración do reel, entre varios clips de 15, 30, 60 ou 90 segundos como máximo. Aínda que o tempo e formato varía segundo a rede social.

Imos ver agora, precisamente, algunhas diferenzas entre os reels de cada rede.

Como funcionan os reels de Instagram

Os reels de Instagram poden verse dende a icona “reels” do menú, onde o formato é de 1080 x 1920 e unha relación de 9:16; e tamén no “feed”, que o mostra a 1080 x 1350 ou 4:5.

A súa duración vai dende os 15 aos 90 segundos.

Podes darlle a gústame, gardalos, comentalos, engadilos á túa storie ou enviar por mensaxe privada dentro do propio Instagram. E tamén podes compartilos noutras aplicacións como WhatsApp, Facebook, Twitter, correo electrónico... dándolle á opción “Compartir” no menú de tres puntiños inferior.

Para crear un reel dende Instagram, só tes que darlle á icona + do menú inferior e seleccionar reel. Aí podes gravar un vídeo dende o botón central ou seleccionar un vídeo do teu teléfono dende o botón galería que verás na parte inferior esquerda.

E empezar a tunealo.

Que é e como se fai un reel de Facebook

En Facebook a duración é de 15, 30, 60 ou 90 segundos e en formato vertical.

Podes velo no menú “reels” e no “feeds” de noticias, pero neste caso non hai un buscador.

Para crear un reel dende Facebook tes varias opcións: no teu perfil, no botón “reels” (á beira do de “publicacións”); ou dende a caixa de publicacións “Que estás a pensar?”, pulsando no botón “reels”.

Tamén podes gravar un vídeo ou seleccionar un da túa galería e interactuar con estes vídeos curtos.

Como son os vídeos de TikTok

TikTok é a rede social de vídeos por excelencia e o seu éxito foi brutal durante a pandemia.

En TikTok a duración dos vídeos aumentou ata os 10 minutos, así que te podes gravar facendo uns macarróns e sóbrache tempo 😉.

Podes gravar un vídeo, cargalo dende a túa galería, usar plantillas...

E, dende logo, personalizalo con mil opcións de edición, onde un dos puntos fortes é a música que che ofrece.

O formato de vídeo é de 1080 x 1920 píxeles.

Apps para facer reels

Xa viches que dende as propias redes sociais tes a posibilidade de crear os teus reels. Pero se queres mellorar aínda máis e ter a man moitas máis opcións de edición, recomendámosche que utilices estas apps para facer reels dende o teu móbil.

CapCut

CapCut. Apps para facer reels

Ferramenta gratuíta con versión escritorio e app para o móbil. É un dos editores de vídeo máis usados polos creadores de contido. E non é de estrañar, porque che dá moito xogo: animación de fotogramas clave, subtítulos automáticos, eliminación de fondo de imaxe, texto a voz... Recomendámosche que a probes.

Para Android e iOS.

VideoShow

VideoShow. Apps para facer reels

App gratuíta para mellorar os teus vídeos con moitas opcións de música, máis de 30 filtros, achegar e afastar imaxes, cámara rápida e lenta, fondo difuminado ou compresión de vídeo. Ten un servizo de subscrición, no que se inclúen funcións máis avanzadas.

Para Android e iOS.

Canva

Canva. Apps para facer reels

Unha das ferramentas máis completas para conseguir resultados profesionais en redes sociais e deseño. En canto á edición de vídeo: edita, curta e une vídeos dende o móbil ou tablet, xoga con transicións, efectos e música, ou comparte directamente nas túas redes sociais. Conta tamén cunha subscrición para funcións máis pro.

Para Android e iOS.

InShot

InShot. Apps para facer reels

Potente editor de vídeo e fotos gratuíto con funcións de auténtico instagrammer: divide clips en varios anacos ou combina varios nun, engade animacións a fotogramas clave, agrega capas e fotos encima do clip, clave de croma, extrae audio doutros vídeos, filtros con estilo de cinema, exporta a 4K... Tamén podes subscribirte para eliminar marcas de auga ou anuncios.

Para Android e iOS.

Viva Cut

Viva Cut. Apps para facer reels

Sinxela e rápida de usar, esta app podes descargala gratis para editar videoclips con efectos de transición, cámara lenta e rápida, música, resolución personalizada, texto animado, superposición de capas e moito máis. Próbaa no teu próximo reel.

Para Android e iOS.

VivaVideo

VivaVideo. Apps para facer reels

Aplicación gratuíta con opción de subscrición, VivaVideo pon á túa disposición estilos de texto e efectos dinámicos, transicións e cambio de velocidade, recorte e rotación dunha área do vídeo, etc. Outra ferramenta útil para facer reels.

Para Android e iOS.

iMovie

iMovie. Apps para facer reels

Dálles un toque aos teus vídeos antes de subilos a reels con esta app para iOS. iMovie é gratis, sinxela e completa: crea un vídeo por ti a partir dun álbum, grupo de imaxes ou vídeos, reordena ou elimina clips, guións gráficos, persoais de tráileres, filtros, títulos animados, garda os teus vídeos en resolución 4K...

Para iOS.

Clips

Clips. Apps para facer reels

Crea vídeos en vertical e horizontal rapidamente dende o móbil con esta app gratuíta. Pon títulos dinámicos que se xeran directamente a partir da túa voz, engade emojis animados, grava clips con memojis, espazos de realidade aumentada... Descárgaa e ve probando cousiñas nos teus vídeos para redes.

Para iOS.

KineMaster

KineMaster. Apps para facer reels

Outra das apps gratuítas máis valoradas entre os creadores de contido en reels. Ás funcións habituais de edición, incorpora elementos moi interesantes como a clave chroma, a eliminación de fondo ou o vídeo inverso. Ademais, ofrece moitísimos plantillas para empezar a crear clips.

Para Android e iOS.

Splice

Splice. Apps para facer reels

Edita vídeos de forma gratuíta dende unha aplicación sinxela e completa: elimina o fondo, recorta fotos e clips, engade voz en off, modifica contraste ou saturación, superpón fotos ou vídeos e aplica máscaras... Comproba ti mesmo o resultado da túa peza para reels.

Para Android e iOS.

Filmora

Filmora. Apps para facer reels

Crea vídeos incribles en só uns minutos con esta ferramenta gratuíta que che permite: unir vídeos, virar clips, engadir música libre de dereitos ou a túa voz en off, superpón capas de vídeo, fotos, stickers... cambia fondos dos clips ou anima fotogramas clave.

Para Android e iOS.

Xa ves que a tecnoloxía pode ser a túa mellor aliada para crear e editar vídeos para os teus reels en Instagram, Facebook, TikTok… Agora xa sabes como o fan os creadores de contido profesionais e os instagrammers que máis segues.

Téntao ti tamén, probando algunha das apps para facer reels que acabas de ver.