Ola a todos. Dende a app de R podedes seleccionar os servizos que queredes ter activos ou limitados no voso móbil para controlar o gasto. Non estamos en Halloween , así que se non queredes sustos na factura, axudámosvos con este post.
Para que desfrutedes do móbil como máis se axuste ás vosas necesidades, non esquezades configurar as restricións. É moi sinxelo dende a app de R (dispoñible para Android e iOS) e sen custo algún, só vos levará un minutiño ou menos. Garantido!
Tedes que abrir a app de R e seguir a ruta configurar > configurar móbilR > restricións on/off e seleccionar a liña de móbilR que queirades axustar.
Nesa pantalla podedes marcar os servizos que non queirades usar. Poderedes elixir as restricións que mellor vos veñan para as chamadas nacionais e internacionais, enviar sms ou conectarvos a internet.
Cun só clic seleccionaredes tamén as vosas preferencias para cando vaiades ao estranxeiro. Deste xeito evitaredes que vos entren chamadas que non queirades contestar polo seu custo e así os vosos amigos non pensarán que non lles queredes coller o teléfono .
Ou podedes indicar que queredes chamar, pero non navegar a través de internet móbil porque é máis caro e vos ides a conectar a través de redes wifi.
Outra opción de gran utilidade é restrinxir sen custo algún a entrada de SMS e chamadas Premium. Falamos dos números que empezan por 803 (servizos para adultos), 806 (lecer e entretemento), 807 (servizos profesionais) e 905 (televoto).
Ollo, estes servizos que habitualmente usamos para subscribirnos a noticias, para votar nun concurso ou descargar tons de música ou xogos, teñen un custo adicional. Aquí tenéis más info.
Se queredes coñecer máis utilidades da app de R, non perdades as próximas entregas.
Un saúdo!