Por que ser do “team” Papá Noel, se en Galicia temos a O Apalpador? Este personaxe tan entrañable da nosa tradición do Nadal nin bebe Coca-Cola, nin o levan en zorra uns renos 😉, nin conta con campañas de márketing e espazo en películas e anuncios. Queres saber quen é O Apalpador en Galicia? Pois segue a ler para coñecer ao Apalpador galego, a súa orixe e significado, en que localidades podes velo este Nadal 2025 e moitas máis cousas do Papá Noel galego.
Quen é O Apalpador?

Imaxe: Turismo de Galicia
O Apalpador é unha figura lendaria, un señor gordecho e mangallón, algo esfarrapado, de profesión carboeiro e un gran corazón.
O Apalpador no Nadal de Galicia, baixa das montañas cada Noiteboa e Noitevella para palpar as barrigas dos nenos e comprobar se comeron ben, déixalles un puñado de castañas e agasallos para desexarlles un ano de prosperidade e comida con estas palabras: “Así, así esteas todo o ano”.
Onde vive e orixe do Apalpador galego

Do interior rural galego xorde a lenda do Apalpador. Crese que ten a súa orixe nas montañas do Courel e Os Ancares, aldeas de Sarria, Terra de Trives, onde alí chámaselle Pendigueiro.
É dicir, que O Apalpador galego nace nunha contorna rural onde os nenos, ademais, non tiñan todas as comodidades que poidan ter hoxe en día. En todo caso, el encargábase de levar un pouco de felicidade ás aldeas, co seu aspecto de bonachón, coa súa gran barba e o seu enorme pelo vermello baixo boina, fumando en pipa e camiñando grazas a un pau de carballo.
Dende estas montañas baixaba ás aldeas os días 24 ou 31 de decembro, entraba nos cuartos dos nenos e palpáballes a barriga para ver se comeran o suficiente ese ano e deixáballes unha chea de castañas, desexándolles abundancia e boas colleitas.
Por que O Apalpador en Galicia deixaba castañas?
Entón as necesidades eran outras. Hoxe non podemos imaxinarnos un Nadal sen caixas e caixas de agasallos. Desexamos que O Apalpador nos deixe un móbil, unha videoconsola ou a nosa colonia favorita, mentres que, no seu día, este personaxe o único que buscaba era tentar cubrir unha necesidade tan básica para os nenos como era a comida. E, como non, desexarlle saúde e un bo ano a toda a familia.
Por que castañas e non outros alimentos? Pois sinxelamente porque a castaña, durante moito tempo, foi o alimento fundamental das familias no rural, ao achegar moitas calorías. Lembremos que a pataca chegou moitos anos despois, porque veu de América, mentres que a castaña a trouxeron os romanos e en Galicia está moi estendida. Só hai que pensar na cantidade de magostos que aínda se celebran agora.
Iso si, á pataca en Galicia aínda hai zonas onde lla chama “castaña” ou “castaña da terra”.
O Apalpador en Santiago de Compostela 2025

Imaxe: Semente Compostela
Son moitas as localidades galegas onde podes coñecer en persoa ao Apalpador. É o caso de Santiago de Compostela. Aquí celébrase a Ruada do Apalpador, visitas da Apalpadora e obradoiros.
Deixámosche por aquí o programa do Apalpador en Santiago de Compostela 2025:
Tradicional Ruada do Apalpador 2025
- Venres, 19 de decembro de 2025, ás 18:30 h. Saída Gentalha do Pichel.
Visitas da Apalpadora 2025
Entrada de balde ata completar aforo.
- Mércores, 17 de decembro 2025, 18:30 h. CSC Santa Marta.
- Xoves, 18 de decembro 2025, 18:00 h. CSC A Lavacolla.
- Venres, 19 de decembro 2025, 18:30 h. CSC As Fontiñas.
- Sábado, 20 de decembro 2025, 12:30 h. CSC O Castiñeiriño.
- Sábado, 20 de decembro 2025, 18:00 h. CSC Vidán.
- Domingo, 21 de decembro 2025, 13:00 h. CSC Marrozos.
- Martes, 23 de decembro 2025, 18:00 h. CSC Conxo.
- Martes, 23 de decembro 2025, 18:00 h. CSC A Gracia.
E se queres preparar a túa carta, a Carpa Roxa acolle un obradoiro de cartas ao Apalpador o luns 22 de decembro de 2025, ás 12:00 h.
Máis información aquí: Nadal Santiago de Compostela 205 - 2026.
O Apalpador en Pontevedra 2025
A cidade do Lérez tamén recibe ao Apalpador con pasarrúas, nos que está acompañado pola música da Banda do Monte Furado.
Anota as datas para ver ao Apalpador en Pontevedra 2025:
- Venres, 12 de decembro 2025, ás 18:00 h. Pasarrúas O Apalpador e a Banda do Monte Furado. Percorrido: Zona Virxe do Camiño, Joaquín Costa, avenida de Vigo e Cruz Gallástegui.
- Domingo, 14 de decembro 2025, ás 18:00 h. Pasarrúas O Apalpador e a Banda do Monte Furado. Percorrido: Centro Histórico.
- Domingo, 21 de decembro 2025, ás 18:00 h. Pasarrúas O Apalpador e a Banda do Monte Furado. Percorrido: Centro Histórico.
Máis información aquí: Nadal en Pontevedra 2025 - 2026.
O Apalpador en Lugo 2025

Imaxe: Sarria Turismo
Na cidade de Lugo, O Apalpador visita o Mercado onde recibe unha agarimosa benvida. Esta é a data e hora da benvida ao Apalpador en Lugo 2025.
- Sábado, 20 de decembro de 2025, ás 17:00 h. Mercado municipal de Lugo.
Ademais, na provincia de Lugo, podes visitar á Apalpadora, a filla do Apalpador, que baixa das montañas para contar lendas, traer agasallos e moito máis.
A Apalpadora en Lugo 2025 estará en Chantada, Guitiriz, Sarria e máis cidades que pode ver a continuación no programa da Deputación de Lugo:
Canción do Apalpador
Para tranquilizar aos nenos ante a chegada do Apalpador, os habitantes da montaña adoitaban cantarlles esta cantiga para que se fosen pronto á cama: Coñecías a canción do Apalpador? Deixámosche aquí a letra:
Vaite logo meu neniño,
marcha agora para camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.
Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba,
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Recuperación da lenda do Apalpador en Nadal
As lendas tradicionais sobre O Apalpador foron quedando aos poucos no esquecemento. Foi grazas a algúns testemuños escritos que empezou un proceso de recuperación desta figura, hoxe tan querida por peques e maiores en toda Galicia.
Os primeiros textos sobre O Apalpador son de Xesús Taboada Chivite sobre La Navidad gallega y su ritualidad. José André Lôpez Gonçâlez tamén escribiría sobre este personaxe nun estudo publicado en AGAL en 2008, que A Gentalha do Pichel retomou na súa publicación Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador, iniciando así a recuperación definitiva deste personaxe lendario.
Grazas a ese traballo, hoxe gozamos de novo desta tradición tan nosa. E non hai Nadal sen que O Apalpador coe nas casas dos nenos galegos para deixarlles agasallos.
E, por suposto, veralo en pasacalles, actuacións, desfiles... en cada aldea e cidade de Galicia.
Somos do “team” Apalpador 😊, e ti?
E se queres coñecer máis personaxes lendarios galegos, consulta este post:
