A que te miraron mal cando, fóra de Galicia, dicías que o pan estaba reseso? A todos nos pasou. Dicir que o pan está ‘revenido’ para un galego é case imposible. Hai palabras ou expresións galegas que teñen un sentido tan difícil de explicar, de traducir ou que están tan interiorizadas só as entendemos nós ou non sabemos como dicilas doutro xeito.

Imos falar dalgunhas expresións que temos os galegos e que fóra das nosas fronteiras non se entenderán ou poden dar lugar a malentendidos. Ademais, teñen algúns matices que tentaremos explicar e que, ás veces, son difíciles de traducir. Cantas delas usas a diario?

  1. “Chegar e encher”
  2. É o que todos buscamos, algo así coma a versión festiva e non relixiosa de “chegar e bicar o santo”, é dicir, conseguíchelo á primeira e sen o esforzo esperado.

  1. “Malo será”
  2. Curiosamente os galegos temos un espírito positivo e non, non dicimos que esperemos o mal de ninguén. O que se di con esta frase é que, aínda que haxa adversidades, sempre hai maneira de saír adiante.

  1. “Ser un toxo”
  2. Aquí non hai interpretacións. Non te están a definir coma unha rosa, bonita pero con espiñas. Non. "Ser un toxo" é ser túzaro, malhumorado, retraído. Cómpre dicir que se está a espallar unha variante desta frase: "ser un toxiño" que, coma sempre, o sufixo matiza a frase orixinal, e dise da persoa que, aínda que é túzara, é “apertable”... coñecíalo?

Expresiones gallegas: outra vaca no millo

  1. “Outra vaca no millo”
  2. Esta frase galega engloba moita información, xa que expresa que unha persoa actúa igual de mal que outra ou que xa fixo o mesmo que outra antes. Pode ser o equivalente a “outro que tal baila” ou “eramos poucos e pariu a avoa!”. Hai outra expresión moi semellante en castelán: “otra vez la burra al trigo”.

  1. “Non sexa o demo”
  2. Frase a medias entre a superstición e a previsión. Os galegos queremos telo todo ben atado e, para non arriscar innecesariamente, é mellor evitalo para que non pase nada. Así que vemos todas as posibilidades e, “non sexa o demo” hai que deixar todo ben atado. Algo así coma toca madeira.

  1. “Morra o conto”
  2. Non hai mellor forma de rematar ou concluír unha conversa. Así remata e pecha calquera conversa ou discusión posible. Dicindo "morra o conto" un galego remata a charla e sen aparentes problemas, todo de bo humor. Sería algo parecido a “deixámolo aquí e todos/as contentos”.

  1. “Tarde piaches”
  2. Aquí non hai dúbidas, é un “chegas tarde” en toda regra. Xa podes insistir o que queiras que, se isto cho di un galego, non hai posibilidade ningunha de reclamación ou queixa. Seguramente aprenderás que a próxima vez terás que “chiar” antes.

  1. “Éche o que hai”
  2. Con esta frase en galego comunicamos que a situación é así e non hai máis que facerlle ou falar. Os galegos aprendemos a aceptar todo o que vén. Uns din resignación, outros aceptación... o debate está aberto.

  1. “Onde vai!”
  2. Non, non preguntamos a onde se dirixe ninguén. É unha expresión galega que significa que hai moito tempo diso. “Choveu moito dende iso” sería un equivalente.

  1. “E logo?”
  2. Se alguén está a comentar algo que sorprende ao seu interlocutor, pode dicirche en galego: “e logo?”, que traducido ao español sería “¿y después?”, pero non ten nada que ver co que pasará despois ou deseguido. Basicamente estache a preguntar por que. Sería algo así como o “e iso?” que che preguntaría calquera castelanfalante.

  1. “Galiña vella fai bo caldo”
  2. O que se di aquí é que a veteranía é algo positivo. Do mesmo xeito que unha galiña vella lle dá sabor ao caldo, as persoas maiores teñen moito que achegar pola súa experiencia. Os galegos sempre valoramos aos de máis idade e aquí está o exemplo.

Expresiones galegas: se chove que chova

  1. “Se chove que chova”
  2. O tempo, a pesar do cambio climático e do sol actual, nunca foi moi bo en Galicia. Así que, para nós, o tempo chuvioso ou frío non debe ser un impedimento para os nosos plans, así que sempre faremos o que queremos e “se chove que chova”... Todo nun sentido metafórico...

  1. “Quedar coma un Pepe”
  2. Aquí non temos que buscar un Xosé ao noso redor nin na familia. Esta frase significa estar satisfeito despois de comer. Todo de bo grao.

  1. “É un miñaxoia”
  2. Un adxectivo para aquelas persoas que non teñen maldade nin astucia, é dicir, que lles falta unha fervuriña no que se refire ao carácter... é mellor non ser “un miñaxoia”.

Seleccionamos só algunhas, pero de seguro que ti tes moitas máis. Coméntanos se cres que debemos incluír outras expresións ou frases en galego importantes que utilizamos de forma habitual.