Calzamos as botas e imos de sendeirismo en Vigo? Aquí tes unha selección de rutas recomendadas en Vigo e os seus arredores.
Entre montañas, cruzando bosques, bordeando ríos ou praias... Preto de Vigo, e na propia cidade, hai opcións de rutas para todos os públicos, dende sendeiros de dificultade baixa ideais para gozar en familia a rutas máis esixentes cara a cimas con vistas espectaculares. Prepárate para descubrir rutas por Vigo.
Senda da Auga
A Senda da Auga é unha das rutas máis populares de Vigo.
O percorrido habitual son uns 13 quilómetros, dende a rúa Cantabria ata o aeroporto de Vigo, pero podes acurtala e realizar só pequenos tramos.
En calquera caso, é unha ruta de baixa dificultade, sen costas, e está perfectamente sinalizada e acondicionada con áreas de descanso, o cal a converte nunha opción ideal para unha camiñada en familia. Non é circular, pero podes utilizar o transporte público para chegar aos puntos de inicio e fin (ou volver polo mesmo sitio polo que fuches).
A Senda da Auga é unha ruta natural que percorre accesos e vías de servizo dende o encoro de Eiras, situado en Fornelos de Montes, ata Vigo.
Durante o traxecto, pódense ver moitas fontes (de aí o nome da ruta). Ademais, á paisaxe de bosque e ríos únense as vistas da ría de Vigo e do Puente de Rande. Ah, e cruzarás tamén con algún furancho.
Senda Panorámica de Vigo
É a ruta natural máis extensa da cidade e circunvala todo Vigo a través dos seus montes.
O seu trazado completo son 40 quilómetros pero, para adaptala ás nosas posibilidades, está distribuída en tres etapas. Tárdanse unhas 5 horas en percorrer cada unha delas e, ademais, hai múltiples accesos e desvíos para que podamos facer tramos máis pequenos.
O primeiro tramo oficial é o máis difícil e vai dende a igrexa de Saiáns ata A Pasaxe. Nos seus 15 quilómetros, pasa por varios parques forestais (Saiáns, Oia, Monte dos Pozos...) Impresionantes os miradoiros que hai na cima dos montes Alba e Cepudo.
O segundo tramo (14 quilómetros) lévanos da Pasaxe ao alto de Puxeiros, pasando á beira do encoro de Zamáns.
O último tramo é o máis curto, só 11 quilómetros, e finaliza no parque forestal de Teis.
Sendeiro de Candeán
O Sendeiro de Candeán é unha ruta de 8,6 quilómetros (ou 3,2 quilómetros, na súa opción reducida) que nos leva polos montes de Candeán.
O seu punto de inicio está no Parque Forestal do Vixiador, así que, para comezala, hai que ascender ata os 431 metros. Aínda así, é unha ruta de dificultade baixa e, ademais, permite elixir entre versión curta ou longa. Para iso, segue os paneis indicadores (o verde indica o trazado completo e o azul guía a través do máis curto).
As vistas son espectaculares, dende o val da Louriña á Serra do Suído. Se hai bo tempo, podes ver os montes do veciño Portugal.
Atravesa A Pedra Longa e campos de oliveiras e sorpréndenos con algúns tesouros etnográficos, como mámoas.
Camiño á beiramar
Camiño á beiramar é unha senda peonil accesible que comeza na Avenida de Madrid e segue o curso do río Lagares durante máis de 8,1 Km ata chegar (case) á súa desembocadura. O tramo final ofrece dúas variantes: podes terminala no Adro ou en Canido.
Esta zona é un paraíso para os amantes das aves. Doutra banda, discorre entre areais (O Vao, Tombo do Gato, Fontes, Mourisca...) pero tamén conta con destacadas mostras de patrimonio etnográfico. Un par de exemplos son a pontella e o muíño de marea de Molinos e as saíñas da Xunqueira do Lagares.
Ruta do río Eifonso
A escasos quilómetros de Vigo temos un roteiro de bosques autóctonos, muíños e ermidas. É a ruta ou sendeiro do Eifonso.
É unha ruta curta, duns 4 quilómetros, que te leva á beira do río Eifonso, con orixe no Monte das Lagoas.
O roteiro parte do Centro Cultural da parroquia viguesa de Bembrive e termina no parque forestal de Beade. A ambos os dous puntos se pode chegar en bus.
A ruta do río Eifonso permite gozar da paisaxe fluvial, con fervenzas como a de Bouzafría, ao mesmo tempo que descobres vellos muíños ou contemplas a capela de San Cibrán.
Ruta do monte Galiñeiro
Apetéceche subir á montaña máis elevada de Vigo? Pois toma nota da ruta do monte Galiñeiro.
A ruta comeza na zona do polígono industrial da Pasaxe, na saída cara a Gondomar. Non ten perda, xa que dispón de sinalización na estrada.
É unha ruta circular cuxo percorrido rolda os 9 quilómetros e ten costas e pendentes, así que está considerada de dificultade media-alta (o peor é a parte final). Sóbese por unha banda do monte; báixase polo outro.
O gran atractivo é a cima do monte e as vistas dende aí arriba, que inclúen toda a área metropolitana de Vigo. Pero tamén te cruzas cunha canteira, regachos e fontes, muíños e elementos etnográficos como As Maquías. Tamén é unha zona na que habitan moitas aves rapaces.
Ruta Muíños de Zamáns
O sendeiro local de Zamáns percorre a zona desta parroquia de Vigo e visita o conxunto dos muíños de Zamáns, rehabilitados pola comunidade de Montes.
O seu percorrido é circular e duns 7,2 quilómetros. Discorre a unha altura que oscila entre 315 e 464 metros, cunha pendente do 7,5%.
Esta ruta de dificultade media bordea o encoro de Zamáns e aproxímase á Fervenza da Freixa.
No propio núcleo de Zamáns figuran algunhas das súas imaxes máis chulas, como a escultura das leiteiras de Zamáns. E ao bordo do río Vilaza atópase o valioso conxunto etnográfico formado por cinco muíños (Muíño do Bento, Muíño Novo, Muíño de Soleido do Quenllo, Soloeido de Arriba e Soloeido de Abaixo), pontes de pedra e lavadoiros públicos.
Rutas Illa de Toralla
A praia de Toralla é un pequeno areal situado nunha illa privada e partido en dous por unha ponte.
Na súa contorna, onde o río Lagares, discorren varias opcións de ruta.
Unha opción é a ruta circular que discorre ao bordo do río. Son máis de 20 quilómetros de terreo chairo que podes percorrer en menos de 4 horas. Realmente, depende do punto de inicio (Castrelos, Samil, Avenida de Madrid...).
Outra alternativa pola que optan moitos sendeiristas é realizar os case 11 quilómetros de ruta que separan Santa María de Balados da praia de Toralla. Tamén segue o leito do río Lagares pero é de dificultade moderada.
Ambos os dous roteiros pódense realizar a pé ou en bicicleta.
Ruta Matama-Comesaña
Un dos sendeiros panorámicos máis bonitos de Vigo é o que percorre a ruta Matama-Comesaña.
Son case 13 quilómetros de ruta circular cunha dificultade entre media e alta.
É unha ruta repleta de lugares visitables: muíño da Regueira, petróglifos das Millaradas, fraga das Alvorezas, parques forestais de Maruxento e Aguieira (en Matama e Comesaña, respectivamente) e, no punto máis alto do percorrido, o Miradoiro Outeiro de Deus.
Ruta da Pedra e da Auga
Aínda que está un pouco máis afastada de Vigo, a uns 50 quilómetros, a Ruta da Pedra e da Auga é unha das máis coñecidas das Rías Baixas e de Galicia, así que non podía faltar nesta listaxe.
Son 7 quilómetros que van dende Meis a Ribadumia seguindo o curso do río Armenteira.
O recomendable é comezala no Mosteiro de Armenteira, unha xoia da arte cisterciense, construído no século XII.
A partir de aí, espéranos un itinerario de bosque, saltos de auga, rápidos, remuíños e meandros; moitos deles debemos atravesalos utilizando pasarelas de madeira. Tamén veremos o vello Serradoiro de Couso. E, por suposto, muíños.
Sorprendente resulta a aldea galega típica que atopamos nunha das áreas de descanso, con esculturas, hórreo, forno, lavadoiro...
Xa tes un plan perfecto para coller aire e desconectar da rutina. Elixe a túa ruta en Vigo e desfruta :)
Fonte imaxe cabeceira: JoseManuel1999, via Wikiloc