Que tal unha camiñata para respirar aire puro e gozar da nosa paisaxe? A tiro de pedra da cidade herculina temos un bo número de rutas fáciles que pode realizar toda a familia. Aquí che deixamos a nosa pequena selección de rutas de sendeirismo preto da Coruña.

Rutas en Chelo (Betanzos)

A primeira opción que vos propoñemos é circular e lévanos ao lugar de Chelo, un espazo natural moi tranquilo e bonito á beira do Mandeo, na zona de Betanzos.

Xunto ao coto fluvial de Chelo hai unha zona acondicionada con merendeiro dende a que parten diferentes roteiros, de dificultade moderada, que discorren preto do río.

Unha das máis coñecidas é circular, duns 10 quilómetros, e bordea a central de Zarzo, hoxe en ruínas.

Entre árbores, chegamos tamén ata as ruínas do antigo Balneario do Bocelo, que tivo a súa época de esplendor nos anos 30.

Neste punto, a ruta cruza o río e lévanos ao outro lado, por onde volveremos ao noso punto de inicio.

Roteiro Mariñán e Costa Doce (Sada)

O Roteiro Mariñán e Costa Doce é unha ruta costeira apta para realizar en familia.

O punto final oficial está na praia de Cirro e o traxecto completo son uns 9 quilómetros, aínda que podes realizar tramos máis curtos. Ou tomar a variante de Carnoedo, que é unha opción moi popular.

En ambos os dous casos, a ruta arrinca no castelo de Fontán. Está na zona do porto de Sada, onde podemos deixar aparcado o coche.

Esta ruta lévanos a punta Arnela e á punta de San Mamede e a praias como a de Morazón.

E non perdas durante o traxecto miradoiros como o da Pena da Herba ou o miradoiro da Ría.

Ruta da Costa da Égoa ou Roteiro dos Muiños do Batán (Carral)

Ruta de sendeirismo fluvial que discorre polo municipio de Carral.

Son uns 6 quilómetros e medio, a ruta atópase ben sinalizada e é apta para todas as idades. Ademais, boa parte do percorrido conta con cordas de apoio coas que poderás suxeitarte para non escorregar.

Comeza á beira da casa rural Costa da Egoa, situada na parroquia de Herves (Carral).

Un dos grandes atractivos desta ruta son os catorce muíños de auga que atoparás ao longo do traxecto, bordeando o río Abelleira. Son os muiños do Batán; a maioría están ben conservados e hai dous totalmente restaurados, o de Ramallal e o de Fraganova.

Esta ruta transcorre esencialmente polo bosque, pola Reserva da Biosfera das Mariñas da Coruña e Terras do Mandeo, e permíteche gozar de enclaves tan chulos como a fervenza de Abelleira.

Ruta do Seixo Branco (Oleiros)

A Ruta de Seixo Branco lévanos polo tramo de costa que hai entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, no denominado golfo Ártabro.

Bordea os cantís da zona, verás illotes como A Marola e varias covas mariñas, as chamadas "furnas". En concreto, tres: Ollo pequeno, Ollo grande e A Regocha.

A ruta comeza diante da igrexa de Santa María de Dexo. Case ao comezo, tes unha curiosidade: os restos dunha Batería Militar utilizada durante a Segunda Guerra Mundial.

É unha ruta circular duns 5 quilómetros de lonxitude, aínda que tamén conta con diferentes variantes.

Ruta Senda do río Sisalde (Arteixo)

rutas senderismo coruna sisalde
Fonte:

Unha ruta fluvial por Arteixo que se divide en dúas: variante amarela e variante vermella.

A variante amarela é a máis accesible. Consta de 7 quilómetros e é circular. O punto de inicio e fin é a praia de Barrañán.

A variante vermella tamén é circular, aínda que un pouquiño máis longa. Son 10 quilómetros que podes comezar e finalizar na área recreativa dos Barreiros.

O percorrido é fácil e apto para todos os públicos, aínda que non todo o camiño está asfaltado.

Esta ruta ten un bo número de puntos de interese, como Os Boedos e o Castro de Armentón; muíños como o de Zaparta ou Ibia; ou as igrexas de Batáns e Barrañán.

Ruta Rego das Xesteiras e Monte Xalo (Culleredo)

rutas senderismo coruna xesteiras
Fonte: Turismo de Culleredo

A Ruta Rego das Xesteiras en si é curta, duns dous quilómetros, que podes realizar na parroquia de Celas, pertencente ao concello de Culleredo.

Os seus ingredientes principais son: árbores, bosque, río e ata once muíños.

Para facela, debes achegarte á contorna da igrexa de Santa María e da Torre de Celas, onde poderás aparcar.

Pero, se che sabe a pouco, podes enlazar coa ruta que vai cara ao monte Xalo, unha das zonas máis altas da costa coruñesa, cunha altitude de 514 metros sobre o nivel do mar.

Esta é xa unha ruta de montaña, máis esixente, moi popular entre os amantes da bicicleta. Un traxecto no que te cruzas con cabalos salvaxes e con parte da nosa historia máis antiga, xa que hai mámoas e restos megalíticos, ata chegar á cima do Xalo, coas súas fantásticas vistas.

Ruta Refuxio de Verdes (Coristanco)

Nunha zona de gran valor ecolóxico, na Zona de Especial Conservación Río Anllóns, no concello de Coristanco, temos o roteiro Refuxio de Verdes.

Dende o Refuxio de Verdes parten roteiros de diferentes lonxitudes e dificultades. Na zona dispós de recinto de aparcamento.

A máis sinxela e curta (menos de 2 quilómetros) achéganos ao Puente Dona, declarado Ben de Interese Cultural; e a máis longa (uns 12 quilómetros) lévanos ata Ponteceso.

Unha ruta entre muíños na que terás que cruzar o río a través de pontes de madeira mentres gozas dunha paisaxe de bosque autóctono galego.

Estás preparado/a? Calza as botas e desfruta dalgunha ruta de sendeirismo na Coruña.

Fonte imaxe cabeceira: Turismo Culleredo.