Os faros levan guiando os navegantes dende a antigüidade polas escarpadas costas galegas, un mar especialmente bravo na Costa da Morte, onde a sucesión de faros debuxa unha singular paisaxe que é o noso aceno de identidade. E ti podes percorrela a pé na ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros.
Prepárate para chegar ao cabo do mundo, Fisterra, bordeando a costa a través de cantís espectaculares, praias e dunas, montes, xoias arqueolóxicas… seguindo a guía dos faros nesta impresionante ruta de 200 quilómetros entre Malpica e Fisterra.
O reto está servido: 8 etapas, 9 horas por día, máis de 20 quilómetros por traxecto e unha meta, encher a túa mochila de experiencias. Véste?
Como facer O Camiño dos Faros?
Podes facelo do tirón, é dicir, nunha viaxe de 8 días facendo noite ao final de cada etapa. Se buscas en Google atoparás varias axencias que ofrecen paquetes pechados, que inclúen transporte entre etapas, traslado de mochilas, aloxamento…
Tamén coa Asociación Camiño dos Faros, promotora deste bonito proxecto.
Ou ben facer a ruta ao teu ritmo, percorrendo as diferentes etapas en días soltos da fin de semana. Recomendámosche que te organices en dous coches; pensa que cada traxecto ten máis de 20 quilómetros, e virache ben dispoñer dun vehículo ao comezo da ruta e outro ao final para poder volver.
Consellos para percorrer O Camiño dos Faros
Sigue estas recomendacións para que a túa experiencia sexa de 10.
- Planifica a túa ruta: as etapas do Camiño dos Faros teñen unha dificultade media, hai tramos máis empinados que outros. Así que, se non queres facer unha etapa completa nun día, podes planificarte para percorrer só a metade.
- Adestra antes de facer a ruta: especialmente se non tes costume de facer sendeirismo. Como che diciamos, algún tramo ten maior dificultade que outra, por iso é mellor estar un pouco en forma.
- Consulta a predición meteorolóxica: a choiva e o vento poden dificultar o camiño, así que bótalle un ollo ao tempo antes de poñerte en marcha. E outra cousa importante, aproveita as horas de luz e non fagas o percorrido de noite.
- Descarga as rutas en Wikiloc ou en Google Maps para ir seguindo o percorrido dende o teu móbil.
- Sigue os sinais verdes: as diferentes etapas do percorrido están sinalizadas con frechas e pegadas de cor verde.
- Leva calzado adecuado e prepara a mochila: o ideal son as botas de sendeirismo e unha mochila lixeira. Non a enchas de cousas porque ao final terás que cargar con máis peso. Iso si, dous imprescindibles: auga e algo para comer.
Agora si, xa estás listo para iniciar o camiño etapa a etapa.
Etapa 1: Malpica - Niñóns (21,3 km)
Prepárate para unhas cantas subidas e baixadas dende o porto de Malpica ata a praia de Niñóns. E non esquezas sacar algún selfie coas illas Sisargas de fondo.
Puntos de interese: porto de Malpica, praia de Area Maior, praia de Seaia, miradoiro de San Adrián, praia de Beo, praia de Seiruga, praia de Barizo, Monte Nariga, Faro de Punta Nariga, Penas do Rubio, Enseada do Lago e praia de Niñóns.
Etapa 2: Niñóns - Ponteceso (27,1 km)
Atravesarás cantís impresionantes como os do Roncudo, famoso polos seus percebes, adentraraste na ría de Corme-Laxe, descansarás na praia de Balarés, continuarás polas dunas de Barra e chegarás a Ponteceso.
Puntos de interese: porto de Santa Mariña, praia da Barda, O Roncudo, Faro Roncudo, porto de Corme, Monte da Facha, praia de Balarés, dunas de Barra, ponte de Ponteceso e Casa Natal de Eduardo Pondal.
Etapa 3: Ponteceso - Laxe (25,3 km)
Percorrerás a costa e o interior de Cabana de Bergantiños, onde poderás ver os espectaculares dólmenes de Dombate e Castro de Borneiro.
Puntos de interese: Estuario do Río Anllóns, Rego dos Muiños, Castro de Borneiro, Dolmen de Dombate, Monte Castelo de Lourido, Canduas, praia de Rebordelo, Punta do Cabalo, Coido dos Muíños e praia de Laxe.
Etapa 4: Laxe - Arou (18,0 km)
Visitarás o Museo Man de Camelle ou a praia dos Cristais de Laxe na etapa máis curta do Camiño dos Faros, que discorre integramente pola costa.
Puntos de interese: igrexa de Santa María da Atalaia, Monte da Insua, Faro de Laxe, praia dos Cristais, Penedo de Soesto, praia e a lagoa de Traba, coido da Señora e coido de Sabadelle, praia de Camelle e Museo Man de Camelle.
Etapa 5: Arou - Camariñas (23,8 km)
Gozarás da paisaxe máis abrupta da Costa da Morte nun dos tramos máis espectaculares da ruta, onde reina o Faro Vilán.
Puntos de interese: miradoiro e praia de Lobeiras, porto de Santa Mariña, duna de Monte Branco, praia do Trece, Cemiterio dos Ingleses, praias de Reira, Faro Vilán, Ermida da Virxe do Monte, Castelo do Soberano e porto de Camariñas.
Etapa 6: Camariñas - Muxía (32,6 km)
Percorrerás a etapa máis longa de todo O Camiño dos Faros, pero tamén é un trazado bastante chairo que transcorre pola ría de Camariñas.
Puntos de interese: enseada de Basea, praia de Ariño, Tasaraño, Ponte do Porto, Cereixo, Furna do Sapo, praia de Area Grande, praia de Lago, Os Muíños, Chorente, Muxía, Monte Corpiño, Faro de Muxía, Santuario da Virxe da Barca e Pedra de Abalar.
Etapa 7: Muxía - Nemiña (25,3 km)
Poñerás a proba a túa forma física no traxecto máis esixente, que terá a súa recompensa cando alcances o Faro Touriñán, o punto máis occidental de Galicia e de España peninsular.
Puntos de interese: praia de Lourido, Monte Cachelmo, Punta Buitra, Coído de Cuño, Monte Pedrouzo, praia de Moreira, Faro Touriñán e praia de Nemiña.
Etapa 8: Nemiña - Cabo Fisterra (26,9 km)
Gozarás da última etapa do Camiño dos Faros, un percorrido longo e cheo de cantís que culmina no impoñente faro de Fisterra.
Puntos de interese: Lires e ría de Lires, cantís de Mexadoira, praia O Rostro, Castro de Castromiñán, praia de Arnela, Cabo da Nave, praia de Mar de Fora, monte Facho e Faro Fisterra.
Agora que chegaches ao final, recomendámosche sentar tranquilamente nunha roca, contemplar o horizonte e felicitarte polo que conseguiches.
E ti, xa percorriches O Camiño dos Faros? Cóntanos nos comentarios.
Imaxe: Turismo de Galicia.