Galicia sempre se caracterizou por ter a natureza e o campo á volta da esquina. Non podemos queixarnos. Pero hai cidades que teñen todos estes paraxes naturais máis preto. É o caso do paseo urbano do río dos Gafos en Pontevedra. Ensinámosche como gozar da natureza cunha ruta que atravesa a cidade do Lérez.

O río Gafos ten unha lonxitude duns once quilómetros, concretamente 10.830 metros. Coincide en case todo o seu percorrido cunha das variantes do Camiño de Santiago, o Camiño Portugués.

Nace no Mato da Xestiña en Figueirido, concello de Vilaboa, e desemboca polas Corbaceiras, no concello de Pontevedra, onde morre na cidade e na ría do mesmo nome.

A natureza do río dos Gafos

Ruta río Gafos

Aínda que non é un río longo, o Gafos ten pequenos afluentes, como os ríos Bois, Pombal, Pintos, Miñoto, Ponte Bala e o regato Antiguidá. En todo o seu percorrido conta cunha gran variedade de vexetación nas súas beiras, con salgueiros, chopos, freixos, carballos, bidueiros e ameneiros, ademais de castiñeiros.

Todo o percorrido do río dos Gafos é un paseo case en liña recta, a maior parte discorre por un tramo urbano, nace nunha canle que vén de Vilaboa, atravesa Tomeza e a zona norte de Salcedo e entra no centro urbano na zona da estación de autobuses de Pontevedra.

Conta con dezaseis pontes no seu percorrido e antigamente era utilizado masivamente pola veciñanza para utilizar os distintos lavadoiros públicos. As súas augas tamén eran utilizadas por varios muíños fluviais para xerar corrente.

Os distintos nomes do río dos Gafos

Aínda que todo o mundo o coñece polo río dos Gafos, segundo a parte ou o concello no que te atopes pode confundirte con outros nomes. O río dos Gafos non se chama así en todas as partes da ruta:

  • En Figueirido: coñécese como río Cocho, O Regheiro ou río Veighadas da Porta.
  • En Bértola: chámase río Toxal.
  • En Tomeza e Salcedo: chámase río Tomeza.
  • En Pontevedra: río dos Gafos, río Menexo, río Palamios, río Goleta ou río da Estación.


A pesar diso, o nome máis estendido, e oficial, é o río dos Gafos, que significa "laceirento" ou "leproso". O termo "laceirento" provén do personaxe bíblico Lázaro, un dos mellores amigos de Xesús que resucitou despois de padecer lepra.

Antigamente, nas beiras do río existía un lazareto, que para quen descoñeza o termo era un hospital ou lugar fóra do núcleo urbano que se utilizaba para poñer en corentena aos visitantes que procedían de países sospeitosos dalgunha enfermidade contaxiosa.

Ruta do río dos Gafos en Pontevedra

Se decides entrar no río dos Gafos, no tramo rural o río vai acompañado dunha agradable senda en todo o seu percorrido. No casco urbano, o que discorre pola cidade de Pontevedra, o espazo libre que deixou as ansias de construír foi convertido nun trazado ou paseo case en liña recta e con poucos desniveis. Ideal para pasear.

A primeira parte do paseo urbano comeza na ponte da avenida da Estación, cruza por baixo da Ponte Bolera (na avenida de Vigo) e remata no parque de Campolongo.

Todo este percorrido é en realidade unha frondosa ruta que transcorre por ambos os dous lados do río. As continuas pasarelas de madeira permiten pasar dun lado a outro e, ademais, está correctamente iluminado, o que o converte nun espazo natural acolledor inserido no casco urbano.

A partir de aí, o Gafos discorre por debaixo da urbanización Campolongo, para renacer de novo á altura da avenida de Rosalía Castro, dende onde queda un último tramo practicable antes do seu final, en Corbaceiras. Esta parte foi soterrada nos anos 60 para aproveitar o espazo e edificar.

Despois de pasar Campolongo, no último tramo da ruta, dúas pontes e varias construcións tradicionais dannos unha idea de como era o río antigamente, cando era unha das fotos máis famosas da cidade, coa xente lavando nas súas augas cristalinas.

As zonas boscosas do río dos Gafos

Paseo del Gafos
Fonte imaxe: Turismo de Pontevedra

O que sorprende de todo o paseo fluvial do río dos Gafos é a densidade que pode ter a vexetación. Dende fentos ata silvas comparten a beira con lúpulos ou carballos. Ao longo do percorrido hai tres tipos de formacións forestais:

  • Brañas: zona de gran humidade na que abundan os salgueiros e os ameneiros, árbores perfectamente preparadas para vivir neste tipo de condicións húmidas.
  • Fragas: zona forestal típica de Galicia que mestura diversos tipos de árbores. De carácter máis ou menos disperso onde o carballo é o rei, con algúns exemplares grandes. Tamén aparecen freixos, bidueiros e chopos, acompañados de moita vexetación tipo sotobosque.
  • Soutos: zonas arboradas unicamente de castiñeiros, derivadas de antigas zonas de cultivo desta especie para obter madeira ou castañas.


Con toda esta fermosa paisaxe de natureza viva e unha ruta de ata seis quilómetros por unha zona urbana, o paseo pola beira do río dos Gafos en Pontevedra é un plan ideal para gozar en calquera momento. Acompañado ou só, non dubides en escaparte e vivilo.

Fonte imaxe de cabeceira: Turismo de Pontevedra