As Illas Cíes son un dos grandes tesouros naturais de Galicia. Aínda que boa parte da súa fama se debe ás súas fantásticas praias, tamén podes gozar de rutas de sendeirismo ou practicar deportes acuáticos. Contámosche que ver e facer nas Illas Cíes.
As Illas Cíes forman, xunto coas Illas Ons, Sálvora e Cortegada, o Parque Nacional Illas Atlánticas. As Cíes están integradas por tres illas: Norte ou Monteagudo, Do Medio ou do Faro e Sur ou San Martiño. As dúas primeiras están unidas entre si pola famosa Praia de Rodas, recoñecida como "A Mellor Praia do Mundo” por The Guardian; á terceira só se pode acceder en barco privado e previo permiso.
Nestoutro post do noso blog contámosche todo o que debes saber para programar a túa visita: como ir en barco e como solicitar permiso para a visita. Agora dámosche boas razóns para visitalas e contámosche cousas que facer nas Illas Cíes.
Porque, ademais de gozar das súas praias paradisíacas, podes realizar sendeirismo polas súas rutas, practicar actividades acuáticas como snorkel, mergullo e kaiak ou observar as estrelas nunha contorna con baixa contaminación lumínica.
Rutas de sendeirismo nas Illas Cíes
Un dos mellores plans para gozar das Illas Cíes son as súas rutas de sendeirismo. Elixe roupa cómoda, colle a túa gorra (non hai moitos espazos de sombra) e lánzate a percorrer os mellores recunchos das Cíes.
Ruta do Faro de Cíes
Comezamos por unha das rutas máis emblématicas e populares das Illas Cíes: a ruta do Faro de Cíes. Ida e volta, son uns 7,4 quilómetros de percorrido.
Trátase dunha ruta de dificultade media que comeza no Peirao de Rodas (onde te deixa o barco), pasa pola famosa praia de Rodas e cruza o istmo de area que une as illas de Monteagudo e de Faro. Tras deixar á túa dereita o Lago dos Nenos, unha lagoa interior con gran valor ecolóxico e un bo punto dende o que observar aves, comeza o ascenso ata o faro de Cíes.
Durante o traxecto, non perdas un dos puntos máis fotografados das illas: o Miradoiro de Pedra da Campá, unha peculiar roca con forma acampanada. Non está permitido subirse a ela pero a zona, e o observatorio próximo, ofrecen unha panorámica espectacular dos cantís e da Praia de Rodas.
E, por suposto, goza do broche final da ruta: na cima atoparás o Faro de Cíes, construído en 1853 e aínda en funcionamento. Dende alí contémplase todo o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Ría de Vigo e un espectacular horizonte do Océano Atlántico.
Ruta do Faro da Porta
Outra das rutas máis coñecidos das Illas Cíes é o Ruta do Faro da Porta.
O seu punto de inicio é tamén o Peirao de Rodas, pero, neste caso, o roteiro percorre a zona sur da illa do Faro.
É unha ruta fácil, perfecta para realizar toda a familia, cunha pequena pendente na súa parte final. O traxecto para percorrer rolda os 5,2 quilómetros (ida e volta).
Se fas esta ruta das Illas Cíes, atoparás a meta no pequeno Faro da Porta, situado no extremo sur da Illa do Faro. E dende alí terás vistas á illa Sur, coñecida tamén como illa de San Martiño, a máis meridional e "salvaxe" do arquipélago, á que só se pode acceder mediante barco privado.
Ruta do Alto do Príncipe
Se prefires unha ruta máis curta, tes a ruta do Alto do Príncipe, ideal para gozar das vistas dos cantís e da Praia de Rodas.
Son só tres quilómetros de percorrido e sobe ao Alto do Príncipe, no lado noroeste da illa.
Entre os seus grandes atractivos, bordea o Complexo Dunar Figueiras-Muxieiro, un prezado observatorio de aves como a camariña ou o tomiño bravo (só podes achegarte, non acceder ao espazo interior protexido), e contemplar a famosa "Silla de la Reina", impresionante formación rochosa singular con forma de asento que se atopa moi preto do Alto do Príncipe.
Ruta do Faro do Peito
A ruta do Faro do Peito tamén comeza na caseta de información que hai na zona de embarcadoiro. Pero, neste caso, hai que dirixirse cara a praia de Figueiras.
Tras cruzar o pequeno montículo da Valgada, entre piñeiros e matogueira costeira atlántica vas ascendendo ata chegar ao Faro do Peito, un pequeno faro situado no extremo norte da illa. Que podes ver dende o Faro do Peito? Tes vistas impresionantes da Ría de Vigo e mesmo Cangas e Cabo Home.
A ruta do Faro do Peito é unha das menos coñecidas e máis tranquilas e a distancia a percorrer é duns 5,2 quilómetros (ida e volta).
Deportes acuáticos nas Illas Cíes

Se che apetece un plan acuático e deportivo, as Illas Cíes tamén ofrecen opcións.
Podes practicar snorkel e mergullar nas augas cristalinas das Cíes para descubrir a rica vida mariña e observar moluscos, crustáceos, peixes e especies protexidas como o cabaliño de mar. Só necesitas aletas, máscara e tubo snorkel, aínda que tamén é recomendable usar traxe de neopreno pola temperatura da auga. Podes practicalo pola túa conta ou en sesións organizadas con monitores. A cala de Bolos é un dos recunchos favoritos das Illas Cíes para practicar snorkel.
O mergullo é outra das actividades acuáticas favoritas nas Illas Cíes. Hai zonas para todos os niveis, dende principiantes ata expertos, e tamén podes optar por mergullar pola túa conta ou con inmersións guiadas. As zonas máis populares para os afeccionados ao mergullo son o illote de Viños, situado entre as illas Monteagudo e do Faro da illa de San Martiño e con profundidade de ata 10 m; e, para os máis experimentados, Biduidos, con posibilidade de inmersións de ata 50 metros e onde podes atopar mesmo restos de naufraxios. En calquera caso, lembra que estás nunha contorna protexida, así que para mergullar sempre debes solicitar permiso, consultar e respectar as normas do Parque Nacional Illas Atlánticas.
Doutra banda, en todos os lados das Illas Cíes se pode practicar kaiak e existen rutas guiadas para todos os niveis. A cara este das illas, con praias e mareas suaves, é ideal para paseos en kaiak nivel principante; o cara oeste é máis esixente e recomendada só para kaiakistas expertos.
Actividades nas Illas Cíes

Ademais de rutas e deportes acuáticos, as Illas Cíes ofrecen outras alternativas de lecer.
Por exemplo, son un lugar privilexiado para a observación astronómica xa que non hai contaminación lumínica e, ao tratarse dunha contorna natural, a atmosfera está moi limpa. De feito, as Illas Cíes son un Destino Turístico Starlight. E se queres pasar a noite nas Illas Cíes para gozar das estrelas, a túa opción é o Cámping Illas Cíes.
Doutra banda, as Illas Cíes tamén destacan como un lugar estupendo para os amantes da flora e da fauna. Hai piñeiros, breixos ou fentos; e podes observar dende gaivotas e cormoráns a lagartas galegas.
E, por suposto, non te vaias das Illas Cíes sen gozar das súas praias e calas: Rodas, Figueiras, Nosa Señora, Bolos, Areíña, Cantareira, Muxieiro…
Onde comer nas Illas Cíes
Sexa cal for o teu plan de visita ás Illas Cíes, haberá que repoñer forzas.
Podes comer no restaurante do Cámping Illas Cíes, que dispón dun amplo comedor e terraza con vistas a Rodas. Abre para almorzos de 08:30 a 11:30 horas; para comidas de 13:00 a 16:00 horas e para ceas de 21:00 a 23:00 horas.
Xunto ao peirao no que atracan os barcos, nunha antiga fábrica de salgadura, está o restaurante Rodas. Con gran terraza e autoservizo, é unha das opcións máis habituais. Abre todos os días de 13:30 a 15:30 horas.
Outros locais de hostalería son o bar Serafín, especializado en peixes, e a bocatería Begoña.
Xa ves cantas cousas podes facer nas Illas Cíes nun día… Entre rutas, praia, deporte, aves e estrelas non terás tempo para aburrirte.
Imaxe cabeceira: Parque Nacional Illas Atlánticas.