Gústache facer surf? Pois toma nota da nosa selección de praias para facer surf na Coruña. Tanto se estás empezando coma se xa es todo un experto, na Coruña tes areais perfectos para gozar do deporte das ondas.

Praia de Razo (Carballo)

playas surf razo
Imaxe: Turismo de Carballo

Entre Carballo e Baldaio, a uns 50 quilómetros da cidade da Coruña, atópase Razo, un dos areais máis extensos de Galicia e tamén unha das mellores praias para facer surf.

É un areal aberto ao mar que recibe ondada, especialmente, do noroeste, o cal fai as delicias dos surfistas máis esixentes, aínda que hai ondas para todos os niveis. Na zona hai varias escolas de surf nas que podes iniciarte no deporte das ondas ou mellorar o teu nivel.

A praia conta con todos os servizos, dende chiringuito a aparcadoiro.

E, ademais, farás surf nunha contorna privilexiada, xa que Razo é un espazo natural protexido pola súa rica flora e fauna e onde nace a Depresión Meridiana.

Praia de Pantín (Valdoviño)

playas surf pantin
Imaxe: Concello de Valdoviño

Unha praia que non pode faltar en toda listaxe surfista galega é Pantín.

Situada en Valdoviño, é unha praia de case un quilómetro de lonxitude con area fina e dourada, caracterizada polos seus ventos constantes e forte ondada, que a converte nun lugar ideal para a práctica do surf.

É todo un referente internacional do surf e sede de competicións profesionais, como a Pantin Classic Galicia Pro, proba puntuable para o Circuíto Mundial de Surf (WQS).

Ademais, Pantín conta con aparcadoiro próximo e dispón de Bandeira Azul pola súa calidade e limpeza.

Praia de Sabón (Arteixo)​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​

Sabón, situada no municipio de Arteixo, é unha das praias máis populares para a práctica do surf en Galicia.

Alí espérante longas ondas formadas por grandes bancos de area e múltiples picos. Ao ser ondas tan longas, é un bo lugar de aprendizaxe e perfeccionamento. A zona conta con escolas de surf que imparten clases e cursos durante todo o ano, tanto para adultos como para nenos.

A poucos quilómetros da cidade herculina, Sabón ofrece un ambiente máis tranquilo pero con todas as comodidades: aparcadoiro, duchas...

Praia de Lariño (Carnota)​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​

Imos agora a Carnota. Alí atópase outra das mellores praias para facer surf en Galicia e na Coruña: a praia de Lariño.

É unha praia ampla, con fondo de area e rocha, polo que as ondas que se forman son curtas, potentes e rápidas. Un tipo de ondas especialmente apreciadas por surfeiros de nivel medio e avanzado.

Lariño é unha praia salvaxe, na que só atoparás algúns servizos mínimos (como duchas).

Praia de Caión (A Laracha)

playas surf caion
Imaxe: Deputación da Coruña

Outro lugar moi frecuentado polos amantes do surf na Coruña é a praia de Caión (concello da Laracha).

Ten ondas practicamente durante todo o ano e é adecuada tanto para surfeiros intermedios como para os máis avanzados.

Ademais, a súa contorna natural e o seu ambiente tranquilo convértena nunha excelente alternativa a outras praias máis concorridas.

Praia de Doniños (Ferrol)

playas surf doniños
Imaxe: Turismo de Ferrol

Na contorna de Ferrol está outro dos lugares con maior afluencia e ambiente surfista de Galicia.

Falamos da praia de Doniños, famosa polas súas ondas variadas, dependendo das mareas, polo que poderás lanzarte á auga sexa cal sexa o teu nivel de surf. Especialmente cobizadas son as ondas tubulares que se forman con marea baixa.

Doñinos conta con excelentes servizos: aparcadoiro, socorristas, duchas, chiringuitos e, por suposto, escolas de surf e alugueiro de material para practicalo.

Praia do Orzán (A Coruña)

playas surf orzan
Imaxe: Turismo de A Coruña

Situada en pleno centro da Coruña, a praia do Orzán é o epicentro do surf urbano na cidade.

O seu fácil acceso convértea nunha boa opción para quen busca relaxarse un intre gozando das ondas.

É unha praia ventosa e as súas ondas potentes e rápidas convértena nun reto ideal para surfeiros experimentados, aínda que tamén é frecuentada por aqueles que están a aprender nalgunha das escolas de surf próximas.

A onda máis buscada é a do Matadoiro, á dereita da praia.

Praia do Rostro (Fisterra)​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​​


Finalizamos a listaxe de mellores praias para facer surf na Coruña en plena Costa da Morte.

A praia do Rostro, en Fisterra, é moi valorada polos amantes do surf pola calidade das súas ondas. Nos seus case dous quilómetros de areal ofrece múltiples picos e ondas rápidas. No inverno, a ondada é un pouco máis complicada pola orientación da praia, así que a maioría optan por ir na primavera, verán e outono.

É un lugar salvaxe e pouco masificado; un pequeno paraíso secreto perfecto para facer surf con tranquilidade nunha bonita contorna natural. Poderás aparcar nalgunha das tres zonas de aparcadoiro próximas, pero ten en conta que non se trata dunha praia acondicionada con servizos de limpeza ou hostalería.

Elixe praia, colle a táboa e a surfear.

Imaxe cabeceira: Turismo de Carballo.