Cunqueiro non dicía en balde que “Galicia é o país dos mil ríos”. Así que en Galicia temos praias fluviais de todo tipo e condición, preto do litoral ou no interior, con todos os servizos ou completamente naturais, e mesmo con bandeira azul.
Aquí vai a nosa selección de doce praias fluviais en Galicia para dar un bo mergullo. Non están todas as que son, pero as que están si pagan a pena. Animámoste a comprobalo!
1. Praia fluvial da Calzada (Ponte Caldelas)
Empezamos na provincia de Pontevedra e por unha razón: A Calzada é a única praia de río (ollo, non de encoro) en España que loce a bandeira azul.
Aproveita como zona de baño a represa dunha antiga fábrica da luz sobre as augas cristalinas do río Verdugo e presume de servizos como aparcadoiro, “chiringuito”, espazo para xantar ou circuíto ‘biosaudable’. Ademais, da praia parte un carreiro azul moi recomendable.
2. Praia fluvial de Maceira (Covelo)
Esta praia na que se unen os ríos Fofe e Tea non só ten auga de calidade excelente, senón que conta con amplas zonas de céspede e de baño, ademais de espazo para xantar, aseos, quiosco, aparcadoiro, restaurante e ata cámping. Varias rutas de sendeirismo pasan pola zona.
A contorna é espectacular, pero se a preferides máis escondida e solitaria non perdades a poza de Brea na Ruta do Xabriña.
3. Areal de Berres (A Estrada)
Área recreativa e fluvial a beiras do Ulla, acondicionada polos propios veciños a mediados dos 90 e que se foi engalanando con esculturas en madeira e pedra con reminiscencias celtas.
Un pequeno carreiro, bautizado como Carreiro do Prisciliano, condúcenos a unha zona de murais e a un túnel, ademais de a unha ponte de madeira e a un espazo para xantar.
En San Xoán acolle unha concorrida e enxebre celebración na que non faltan o polbo e as agrupacións folclóricas.
4. A Carixa (Vila de Cruces)
Área de aparcadoiro e con servizos para autocaravanas, parque infantil, circuíto "biosaudable", amplísima zona de xantar, bar, aseos, paseo e dúas piscinas, para peques e adultos, converten a área recreativa e a praia fluvial da Carixa, a beiras do Deza, nunha das máis completas de Galicia.
Punto de encontro de familias e excursións, outro dos seus atractivos son as rutas de sendeirismo que nos permiten achegarnos ao mosteiro de Carboeiro ou á Fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia.
5. Piscinas naturais do río Pedras (A Pobra do Caramiñal)
Pasamos á provincia da Coruña e, en concreto, achegámonos á Serra do Barbanza. Bañada polas rías de Arousa e de Muros e Noia, o que non faltan na zona son precisamente praias paradisíacas. Pero aínda así estas pozas están ata os topes cando aperta a calor; por algo será.
Para chegar hai que andar un pouquiño; atravesaremos unha fábrica da luz, unha ponte medieval, as ruínas do convento de San Xoán e a fervenza da Misarela. O esforzo premiaranos con espectaculares vistas da ría de Arousa.
Unha recomendación: en varias das pozas hai que extremar as precaucións, pois os esvaróns son frecuentes.
6. Caldeiras do río Castro (Muxía)
Ocorre o mesmo que coas pozas do río Pedras. Con praias como as de Nemiña, tan próximas, parece raro facer un plan de río; e, con todo, as Caldeiras do río Castro son un desas paraxes idílicas que non podes perder, unha serie de piscinas naturais que forma o río Castro despois de caer en fervenza.
O coche déixase na área recreativa da capela de santo Outel e, tras andar apenas cinco minutos, descéndese o último tramo por escaleiras de madeira.
7. Praia de Tapia (Ames)
Santiago ten praia. É a de Chaián, no río Tambre, e compártea co veciño Concello de Trazo. Ten zonas de céspede, “chiringuito”, aparcadoiro, aseos e zona de xantar.
Con todo, a gran praia fluvial da área de Compostela é a de Tapia, tamén bañada polo Tambre e que, ademais de todos os servizos, conta con piscina, a preferida dos/as pequenos/as.
Outras praias próximas a Santiago son a da Tarroeira, no Pino; a de Seira, en Rois; e a da Praíña, en Pontevea. Por oferta que non sexa.
8. A Cova (O Saviñao)
Ter como escenario de fondo a Ribeira Sacra, na provincia de Lugo, xa é partir con vantaxe. Enmarcada polas augas do Miño e ladeiras de viñedos, a praia fluvial da Cova é o espazo de baño máis popular da zona.
Un restaurante e a posibilidade de alugar o material necesario para practicar deportes náuticos como o kaiak ou o pádel surf ou simplemente dar un paseo en lancha a pedais aumentan o seu atractivo.
9. Área recreativa A Peneda (Monterroso)
Un coqueto hórreo, outros elementos etnográficos e balaustradas de pedra contribúen a dotar de encanto esta completa praia fluvial a beiras do Ulla, onde se canalizou unha antiga presa para crear a primeira zona de baño.
As outras opcións para dar un mergullo son tirarse directamente ao río ou gozar dunha das dúas piscinas existentes. Ademais, atoparás zona de xantar, restaurante, aseos, unha pista de tenis e un cámping.
10. Pozas de Melón (Melón)
Se xogades ao Trivial seguro que xa sabedes que Melón é a resposta á pregunta sobre o municipio de Ourense con nome de froita. E posiblemente vos soe tamén polas súas pozas, famosas onde as haxa. Sen dúbida, contribúe á súa popularidade a existencia dun amplo aparcadoiro.
Son varias as pozas e fervenzas que forma nesta zona o río Cerves. A máis concorrida é a primeira, a poza da Estrela. Quen se animen a continuar ascendendo chegarán, por último, á fervenza de Tourón. Cando leva auga é espectacular.
11. Os Baños do río Caldo (Lobios)
Ourense é a provincia do termalismo galego ao aire libre. As termas da Chavasqueira ou de Outariz, nos arredores de Ourense cidade, son quizais as máis coñecidas. Pero en Lobios, a beiras do río Caldo, existe tamén unha piscina termal gratuíta pegada a unha grande área recreativa con praia fluvial. Non vos podemos deixar mellor recomendación se vos apetece facer baños de contraste! E a un paso tedes Portugal e o Parque Natural do Xurés.
12. Praia das Pontes
É posible que topases xa con algún valo de estrada no que se ve unha enorme foto da praia das Pontes de García Rodríguez, un municipio do interior da provincia da Coruña. Como é posible? Pois porque se trata dun grande lago artificial (o máis grande de Europa) co que se encheu o cráter formado pola extracción de carbón para abastecer a central térmica do municipio. Ten aparcadoiro, “chiringuitos”, zona para xantar, medio quilómetro de area e a “tirolina” máis grande do continente!
A súa versión humilde é o lago das Encrobas, froito da rexeneración da área mineira da central de Meirama en Cerceda.
Coñeces máis praias fluviais en Galicia? Seguro que si e quizais botes de menos a túa favorita ou queiras contarnos cal é. Estamos a desexar poñer o bañador para gozalas todas!
Imaxes de: Turismo Rías Baixas, Concello de Muxía, Santiago Turismo, Turismo Ribeira Sacra e Turismo de Galicia.