Seguro que coñeces canles infantís en Youtube ou xogos interactivos que revolucionaron a forma de aprender e divertirse dos/as máis pequenos/as. Porque as novas tecnoloxías supuxeron un revulsivo no mundo do ensino e do entretemento e traen consigo un bo número de beneficios, sempre que delas se faga un uso seguro e responsable.

Como ocorre con todo o novo, e especialmente cando afecta a nenos/as, poden xurdir receos e, sobre todo, moitas dúbidas. Se é o teu caso, toma nota destes libros que che axudarán a ver as TICs (tecnoloxías da información e da comunicación) doutra maneira.

Libros sobre novas tecnoloxías para toda a familia

Mi hijo y las nuevas tecnologías, de Javier Urra Portillo

O manual máis claro e completo para entender os hábitos e comportamentos de uso tecnolóxicos de nenos/as.

Familias digitales, de Alfredo Abad

Un libro que nos mergulla no universo das novas tecnoloxías e nos da un novo enfoque sobre como convivir cunha chea de dispositivos tecnolóxicos, redes sociais e plataformas dixitais que usamos cada día.

Entre máquinas inteligentes, de CosiCosa / Ana Seixas

Que sabes de Intelixencia Artificial? É unha das tecnoloxías máis usadas do momento e dela fala este álbum divulgativo e cheo de humor, pensado especialmente para nenos/as. Conta con orixinais ilustracións que os achegan ao mundo dos dispositivos móbiles e a algúns dos inventos que chegarán nun futuro nada afastado, como os coches autónomos.

Nuevas tecnologías para la educación infantil y primaria, de J. Siraj Blatchfor

Sobre a base das novas tecnoloxías da información e a comunicación pódense crear recursos educativos dirixidos a nenas e nenos de 4 a 8 anos. Os resultados son, por exemplo, aplicacións informáticas para as chamadas "aulas do futuro" ou xoguetes robóticos multisensoriais programables.

Cariño he conectado a los niños, de Guillermo Cánovas

A "Guía de Saúde Dixital" de cabeceira para toda a familia. Cando deben ter os nenos/as o seu primeiro móbil? Que facer ante unha situación de ciberacoso?

Vantaxes e beneficios das novas tecnoloxías para nenos/as

Como che dicimos, son moitas e variadas as vantaxes das TICs para nenos e nenas.

En primeiro lugar, danlles independencia e enfróntanos a novos retos porque con internet e os dispositivos móbiles poden investigar e procurar eles/as mesmos/as respostas a traballos do cole ou descubrir afeccións e intereses propios.

Así se estimulan as súas ganas de aprender e a súa curiosidade por saber máis.

Sen dúbida, a Rede é unha porta aberta ao coñecemento rápida e eficaz que os convida a crear e compartir os seus propios contidos, fomentando a súa creatividade e a súa imaxinación.

Outra das grandes achegas do uso das TIC nos nenos/as é a súa capacidade para desenvolver o seu espírito crítico e a súa conciencia social. Aprenden a separar contidos válidos e non válidos ou con intereses dubidosos.

Habilidades de comunicación e intuición

As novas tecnoloxías son unha fantástica ferramenta de comunicación. Fomentan a relación social creando comunidade e axudando a que os nenos/as compartan e atopen amigos/as cos seus mesmos intereses ou gustos.

E convén lembrar algo tan básico como efectivo: simplemente para usar os dispositivos móbiles, os nenos/as vénse obrigados a poñer en práctica o seu sentido da lóxica e intuición.

Aínda que hai que ter en conta que son nenos e “xogan” coas súas propia regras: é dicir, queren contidos visualmente atractivos, cores vistosas, figuras que lles resulten amigables ou palabras que poidan comprender.

Youtube: canles especializadas para nenos/as

Youtube é, seguramente, o lugar no que se popularizaron máis contidos pensados especialmente para os cativos. Aquí che deixamos unha pequena recompilación:

Cuentos infantiles

Personaxes tan entrañables como "El ratoncillo diminuto" ou "Andy El Búho" axudan a fomentar os valores humanos nos nenos/as.

Luna creciente

Para os peques, cancións infantís divertidas e educativas; para nais e pais, consellos e recomendacións. Unha canle con vídeos útiles para toda a familia.

El mundo de Luna

Coñeces a Luna? É vivaz, enérxica e extrovertida. O mundo está cheo de cousas fascinantes e quere descubrilas. Luna é a mellor amiga para incentivar as ganas de saber dos/as máis pequenos/as.

Telmo y Lula

Telmo e Lula son dous simpáticos irmáns de cartón que ensinan aos nenos a facer manualidades ou a cociñar receitas sinxelas. Unha popular serie de animación 3D que xa conta con máis de 100 episodios.

El Reino Infantil

"La Granja de Zenón" é unha das series máis populares desta canle repleta de historias e cancións para fomentar a comunicación, a cooperación e a creatividade.

Super Single Songs

Que mellor maneira de iniciarse co inglés que cantando en familia. Con vídeos curtos, coloridos e alegres que combinan á perfección diversión e aprendizaxe.

ExpCaserosMix

A canle para científicos/as. Unha das mellores formas de espertar a curiosidade a base de singulares experimentos caseiros.

Xogos interactivos para nenos/as

Os xogos interactivos son outra das ferramentas TIC máis exitosas para nenos/as. Con xogos de palabras, adiviñas, quebracabezas, idiomas...

ÁrbolABC

Xogos educativos e didácticos de matemáticas, vocais ou memoria.

Mundo Sago Mini

Coa saga Mundo Sago Mini, pequenos/as de 2 a 5 anos acompañan a Harvey, Jinja, Robin e Jack a explorar o espazo, construír un robot, coñecer amigos dinosauros ou conducir un camión de bombeiros.

Thinkrolls

Outro dos xogos máis populares. Máis de 200 quebracabezas brillantes e coloridos para potenciar a memoria e a capacidade de resolver problemas rodeados de castelos, dragóns e maxia.

Toca Kitchen

A cociña é un lugar idóneo para poñer a proba a creatividade. Neste popular xogo, os nenos/as deben elixir ingredientes e cociñar un prato.

Animal Jam

Transfórmate no teu animal favorito e, de paso, descubre máis sobre a natureza e as súas moitas especies de animais.

As novas tecnoloxías aplicadas á educación e o ensino

Os xogos educativos interactivos convertéronse nunha interesante baza para ensinar. Por exemplo, hainos que aprenden a sumar e restar; formar palabras ou capturar elementos concretos, como círculos ou coches.

A aula é un dos lugares nos que os nenos interactúan máis coas novas tecnoloxías.

Son unha potente ferramenta de axuda escolar e o seu bo uso mellora os resultados académicos, ademais de ser un eficiente apoio extra para nenos/as con necesidades especiais. Porque as novas tecnoloxías supuxeron a aparición e o desenvolvemento de novos métodos de ensino mediante materiais didácticos alternativos.

Outras ferramentas dixitais para nenos

Así, por exemplo, existen axudantes educativos virtuais que axudan a mellorar a lectura e a escritura, e reforzan cuestións como a articulación da fala ou a comprensión lectora.

Outras ferramentas, como Osmo Coding ou Scratch Jr, permiten que os nenos/as cren as súas propias historias, fomentando a súa imaxinación e a súa creatividade. Para aprender en grupo, resultan útiles aplicacións como Kahoot!, coa que se poden facer tests en formato concurso nos que participa toda a clase.

Os nenos/as de hoxe están chamados a vivir nun mundo plenamente dixitalizado, polo que necesitan desenvolver habilidades tecnolóxicas temperás e con visión de futuro, o cal será máis fácil se se fai a través de ferramentas e canles especificamente deseñadas para eles que esperten o seu interese e coas que non se aburran.

Xogos, libros ou canles de Youtube achegan as novas tecnoloxías aos máis pequenos facéndolles partícipes dos seus beneficios.