Boas. Hoxe estivemos rebuscando no baúl das fotos antigas e atopamos unha que seguro que che resulta bastante curiosa.

É dos nosos comezos, de cando vimos a luz e comezamos a operar en Galicia. Aínda que pareza que diso hai moitos anos, realmente non hai tantos, xa que botamos a andar no 1999.

Maioría de idade

É dicir, que aínda despois destes anos transcorridos non chegamos á maioría de idade en R (aínda que falta ben pouco).  Foron anos de moito traballar, de horas sen durmir e de ver nacer e crecer un proxecto que sen dúbida non sería nada sen ti. Polo que a risco de ser repetitivo, queremos darche as grazas unha vez máis.

Pero volvendo á imaxe, aí podes ver o antes e o despois dun dos nosos centros de operación. Como curiosidade, contarche que non é que se construíse o edificio, senón que se adaptou. Aí onde o ves, adiviñas que podía ser antes? Pois nin máis nin menos que un taller de coches 

Como quen non quere a cousa, pasou diso a albergar parte da rede dun operador de telecomunicacións.

Competencia por primeira vez

A verdade é que non era fácil daquela, como cliente, apostar por unha empresa rara chamada R (algún día contarémosche de onde vén o nome). A compañía de toda a vida era moi grande, polo que dar o paso de contratar un operador local do que ninguén sabía nada, para moitos era algo de tolos.

É tal a novidade que a prensa se facía eco destes acontecementos. Así titulaba un xornal daquela: “Un particular galego dispón por primeira vez de liña sen contrato con Telefónica”. Xa no corpo da noticia se comentaba que isto era posible nun novo edificio “que foi recentemente cableado pola empresa R, o operador global de telecomunicacións por cable de Galicia (...). Ata hoxe, o cidadán non  podía elixir entre diversas compañías en temas como a instalación dunha nova liña telefónica, o pago da cota fixa mensual e de alta e as chamadas locais”.

Clientes

A verdade é que pouco a pouco a xente se foi unindo a esta loucura. E a finais do ano 2000 rematamos nin máis nin menos que con 1.000 clientes.

Moitos aínda lembran cando lanzamos as chamadas gratis de fixo a fixo de R, que daquela foi "el no va más" porque as chamadas dende o fixo se pagaban segundo eran metropolitanas, dentro da provincia ou ben a outras provincias. E non eran baratas precisamente. Lémbraste?

Veña, por hoxe pechamos o baúl das lembranzas e outro día contaremos máis "batalliñas" destas