As Rías Galegas están entre as mellores do mundo para a cría de marisco. Delas saen cantidade e calidade. Pero ás veces algúns produtos son, aínda hoxe en día, descoñecidos para moitos comensais. Hoxe imos falar do moelo ou carneiro, un bivalvo que cada día vai gañando adeptos. Explicaremos que é o moelo e como comelo para sacarlle o máximo proveito.

Se non che soa o moelo, non é nada estraño. Hai que dicir que en moitos lugares coñécese como carneiro ou escupiña e que moitos o confunden cun berberecho grande. Pero, chamen como o chamen, é un marisco diferente, tanto na forma como no seu sabor.

Que é o moelo?


O moelo é un bivalvo aínda bastante descoñecido para o gran público, pero que se “marisquea” e se vende dende hai anos nas Rías Galegas.

Científicamente chámase Venus verrucosa. Pertence á familia Veneridae. É un molusco tradicionalmente moi apreciado en toda a costa mediterránea, non tanto en Galicia, e tamén é moi valorado polos italianos, pola súa saborosa carne e o seu fresco sabor a mar.

Pola súa forma é semellante a un berberecho, aínda que o seu tamaño é moito maior, cunha cuncha máis dura e pesada e con estrías horizontais máis marcadas, no sentido contrario ao do berberecho (que as ten transversais). A súa cor, máis intensa, é marrón claro.

O intenso sabor do moelo

Moelo bivalvo Rías Gallegas
Fonte imaxe: PescadeRias

O sabor do moelo ou carneiro é delicado. A súa carne é moito máis saborosa e intensa que a dos berberechos ou a das ameixas. O seu cheiro é inconfundible, cun aroma a mar, polo que se recomenda degustalo cru ou ao vapor, para gozar do seu poderoso sabor.

Para degustalo, pódese presentar ao natural cunhas pingas de limón (sabendo sempre a súa orixe). Tamén se pode cocer ao vapor ou á prancha, pero hai que controlar moi ben o punto de cocción para que non quede duro e gomoso.

Un marisco coñecido tamén como carneiro

O carneiro, que é como máis se lle coñece nas Rías Galegas, é moi resistente fóra da auga e é un alimento moi agradecido cando se conserva na neveira. A mesma palabra autóctona, carneiro, indica a abundancia da súa carne.

Nutricionalmente, é un alimento rico en minerais, como case todos os bivalvos. Ten moito ferro, calcio, fósforo, cinc e potasio. Ideal para encherte de enerxía.

Onde se cria o moelo?

Moelo bivalvo
Fonte imaxe: Turismo de Galicia

Vive nos fondos lamacentos e areosos, xeralmente soterrados, pero cos seus longos sifóns ao descuberto para poder respirar. As Rías Galegas levan anos criando e recollendo o moelo, como en Cambados.


Como todos os bivalvos, permanecen enterrados na area na zona de baixamar, ata 75 centímetros de profundidade. E son filtradores para alimentarse e para respirar.

Os seus hábitos e reprodución son similares aos das outras especies da súa familia. A época de posta ten lugar entre abril e maio.

O tamaño mínimo de comercialización é de entre 5 e 7 cm. Véndese en mallas dun quilo (15-20 pezas).

Con toda esta información xa saberás diferenciar o moelo ou carneiro nos lugares de venda. Agora só tes que probalo e degustar a súa saborosa carne. Xa nos dirás que che parece.

Fonte imaxe cabeceira: PescadeRias.