“Somos do club da Galega...” Calquera neno ou nena que teña vivido nos anos 90 en Galicia, ao escoitar esa frase responderá automaticamente: “por fuciños, por cacheiras”. O Xabarín Club conseguiu manter varias xeracións de mozos e mozas galegos/as fronte á tele durante varios anos.
Un formato innovador que reunía música e series de debuxos animados que divertiron e entretiveron os/as máis pequenos e pequenas da casa. Hoxe recompilamos as series máis míticas do Xabarín Club daqueles anos. Prepárate para volver aos anos 90. Prepárate para lembrar as mellores series de debuxos animados do Xabarín Club.
1994, nace Xabarín Club
Todo comezou o 18 de abril de 1994. Un xabarín con moita marcha animábanos a unirnos ao seu club. Caemos como moscas. Varias xeracións de seguidores e de seguidoras así o demostran décadas despois. En pouco tempo converteuse nun dos programas de referencia con maior impacto social da Televisión de Galicia.
O boca a boca nos colexios fixo que os socios e as socias do Xabarín Club se multiplicasen ata chegar a milleiros. E as súas series mantíñannos enganchados/as. A súa magnífica dobraxe non só transmitiu mensaxes nunha lingua. Transmitía unha forma de sentir. Ata tal punto que, hoxe en día, somos moitos e moitas os/as que non somos quen de sacarnos da cabeza a música das cabeceiras de varias desas series, e non podemos velas noutra lingua que non sexa o galego. Imos lembralas:
"Capitán planeta"
"A contaminación é o que lle doe". Nos anos 90 xa tiñamos conciencia ecoloxica. Todos sabiamos que a contaminación era mala e que había que loitar contra os/as malvados/as que non coidaban a natureza. Unha forma de pasalo ben con aventuras de todo tipo, un superheroe salvador e, ademais, malos/as moi concretos/as: a contaminación e quen a fai. Terra, Lume, Vento, Auga e Corazón... non facía falta máis que amor pola Terra para chamar o Capitán Planeta. Non podemos esquecer o especial sentido do humor que amosaba o superheroe planetario. Sempre tiña unha broma para os malvados contaminadores. As ironías sempre acompañaron este personaxe entrañable.
"Os Picapiedra"
Sabiamos que xa se emitiran noutras canles. Pero grazas a Pedro e Pablo quixemos xogar aos birlos. Todo o mundo dos Picapedra era un descubrimento para os nenos e nenas galegos/as. Normalizar palabras que estaban tan fóra de uso naquel momento, coma os birlos, foi un aliciente para empregalas despois no noso día a día.
"Gatocán"
Sempre nos preguntaremos como fai as súas necesidades este peculiar animaliño. Aínda así, non nos creou ningún trauma, só momentos de diversión coas súas dúas caras (en todos os sentidos). Caracterizábase por ser irreverente e orixinal. “Gatocán” ofreceunos unha visión un tanto dispersa e visceral de como afrontar os problemas. A súa actitude era a que nos gustaba. Rompendo esquemas e sempre con actitudes enfrontadas. Con el aprendemos que a solución non sempre está clara...
"O mundo de Beckman"
Todo era moi turbio. Un científico, unha nena e unha rata. Que pode saír mal? Sempre nos gustaron os experimentos deste programa. Fíxonos entender que coa ciencia se podía divertir un e sobre todo aprender. Que o que estudabamos na escola servía para algo. Ademais, a tolemia e o ritmo frenético do seu espectáculo eran de primeira. O seu laboratorio tiña de todo (todo o que nós nunca puidemos ter) e sempre explicado con cautela, malia os seus protagonistas. Os conceptos básicos da ciencia parecíannos máis fáciles que na escola. E non hai socio/a do Xabarín Club que non tivese a tentación de enviar unha solicitude para un experimento, a pesar de que a carta tería que estar en inglés e ir aos Estados Unidos. Alguén o fixo?
"Doraemon"
Ten “un peto máxico". Quen non desexou ter a Doraemon na súa casa? Quen viviu o Xabarín Club con esta serie sabe que Nobita non lle tirou todo o partido ao gato cósmico. Todos soñamos con telo, porque teriamos sabido gozalo máis. As súas aventuras fixéronnos arelar ter todas aquelas marabillosas ferramentas que sacaba do seu peto e poder divertirnos con elas. Ademais, os seus amigos tiñan as mesmas facetas que atopabamos nos/as nosos/as. Diferentes cuadrillas que querían divertirse sen deixar de desexar aparellos que nos facilitaran a vida no noso día a día.
"Shin Chan"
"Gustache ou pemento?" ou “cuíño, cuíño!” Son frases que aínda nos acompañan. O descaro e o atrevemento de Shin Chan para alporizar á súa nai Misae sempre serán unha referencia para os seguidores e seguidoras do Xabarín Club. Non tiña filtro, sabémolo, pero Shin Chan gañounos coas súas, moitas veces, obscenidades. Mais outras moitas veces era o máis san da familia Nohara. Tamén hai que lembrar que Nevado tiña a paciencia dun santo. Seguro que moitos tiveron un can con ese nome grazas a Shin Chan.
Arale e o "Doutor Slump"
Nunca volvimos ver as “caquiñas” igual despois de ver a Arale e ao doutor Slump. A irreverencia desta rapaza marcounos e fíxonos querer ser tan transgresores coma ela. A súa desenvoltura, a súa inocencia e as súas trasnadas déronnos gana de vivir en Vila Pingüín. Sabemos que nunca poderiamos ter a súa forza, pero tentamos igualar as súas habelencias de cálculo. Ademais de conectar e soñar con Arale, descubrimos que a vida amorosa das persoas maiores non sempre é de cine. O doutor Slump e as súas "desgrazas" amorosas deronnos risas infinitas.
"Bóla do Dragón"
Si, todos sabemos que sempre lle chamaremos “Songoku” ou, como moito, “as bólas máxicas”. Nunca nos convencerá o de Goku (o seu verdadeiro nome). Todos/as xogamos á "onda vital" e loitamos contra os/as malvados/as (ao principio) Picolo, Freezer ou Célula. Foron moitas as tardes nas que vimos medrar a Songoku, dende a súa infancia (non nos recuperaremos da perda do seu rabo) e o sen adestramento con Krillin e co mestre Mutenroy, ata cando casa con Chi Chi e ten descendencia. As buscas das bólas máxicas eran infinitas, así como as pelexas (case tan longas coma as de Oliver e Benji), pero non nos importaba. Alí nos mantiñamos á expectativa. E, como era de esperar, todos soñamos con ter unha nube Kinton para viaxar ou movernos máis rápido.
Estas son só algunhas das series que marcaron a moitas xeracións que se criaron vendo o Xabarín Club. Series que nos unían e nos divertían. Botas de menos algunha? Cóntanos como pasabas as tardes da túa infancia vendo o programa máis rockeiro da Televisión de Galicia.