Todos os anos pasa o mesmo. Con máis de 2.500 libros editados en Galicia no 2021 non nos dá tempo a ser capaces de seleccionar os mellores nin para ler nin para regalar. Este ano, como mínimo, publicaranse outros tantos libros na nosa comunidade. Se temos que facer un bo agasallo, xa sexa a lectores empedernidos ou aos que queremos que comecen a selo, sempre acabamos regalando os mesmos por incapacidade de estar ao día das novas publicacións.
É habitual que só agasallemos as novidades de escritores e de escritoras que nos gustan, sen ter en conta que podemos descubrir outros autores que hai anos que non editan nada novo. E non falemos xa do esquecidos que temos aos clásicos da literatura galega.
Regala libros en galego
Como partimos da premisa de que os libros son sempre unha boa opción para regalar, xa sexa por aniversarios ou por datas especiais, decidimos facer unha listaxe para que a teñas en conta se tes que facer algún agasallo.
Seleccionamos trece libros que, a pesar de ter temáticas e xéneros moi diferentes, comparten a idiosincrasia galega. Teñen calidade e son entretidos nos seus respectivos xéneros literarios. Bótalle un ollo se tes que regalar libros nas vindeiras datas. Non fallarás con estas opcións.
Outra idea de Galicia. Miguel Anxo Murado
O primeiro libro que recomendamos é do guionista de series de televisión como “Pratos Combinados” e “Mareas Vivas” e, aínda que é licenciado en Xeografía e Historia, é un xornalista e escritor refutado. Seguro que máis dunha vez liches a súa columna en La Voz de Galicia.
Con Outra idea de Galicia, Miguel Anxo Murado sempre di que quixo facer un libro pensado para explicar o que é Galicia para quen non a coñece. Para os non galegos. Pero esa idea inicial converteuse pronto nun texto de referencia para os propios galegos.
No libro Miguel Anxo Murado crea unha interesante "teoría sobre Galicia" utilizando os recursos do libro de viaxes, a crítica literaria e, por suposto, a xeografía e a historia. Neste libro, como non podía ser menos, Murado imprime o seu peculiar estilo irónico co que desmonta todos os tópicos que se din de Galicia dende séculos anteriores e que persisten no imaxinario colectivo tanto dos propios galegos como dos que a visitan.
O Bichero. Luis Davila
Quen non coñece "O Bichero"? Todos compartimos algún dos seus debuxos nalgún momento. Luis Dávila imprime aos seus personaxes toda a sabedoría, a flegma e a ironía que caracteriza aos galegos. Unha particular visión do mundo e da actualidade (sen esquecer temas máis amplos e universais) vistos desde a perspectiva dos seus personaxes.
Cada un dos nove libros publicados de O Bichero é unha antoloxía das súas populares tiras de humor sobre a actualidade política e social vista dende a idiosincrasia galega. Humor e sarcasmo para entender un pouco máis todo o que nos rodea.
Cousas. Castelao
Volver aos clásicos é necesario. E nestes tempos que corren están máis de actualidade que nunca. Cousas é unha colección de corenta e cinco relatos satíricos cos que Castelao retrataba magnificamente non só o sentimento xeral de Galicia, senón tamén a súa cultura e a súa xente. Castelao acompañou cada un destes relatos cun pequeno debuxo que complementaba o texto.
Cousas segue o estilo típico de Castelao, breve, conciso, parco en palabras, onde sempre se centra na acción da historia. Os textos concentran todo o seu clímax nas últimas frases. Como era de esperar do autor, Castelao examinou a realidade socioeconómica de Galicia dende a perspectiva de persoas esquecidas por todos: anciáns, nenos pobres, cegos ou viúvas.
Follas novas. Rosalía de Castro
A poesía non caduca e se é o xénero literario que queres regalar, Rosalía de Castro é a autora indicada. Nunca fallarás coa universal escritora galega.
Concibido como continuación de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro engade en Follas Novas poemas inspirados na emigración. Quizais o libro máis importante da poeta que, xunto a Gustavo Adolfo Bécquer, alcanzou o auxe do romanticismo español. Unha obra de gran valor literario e humano que se adianta á poesía de mediados do século XX á hora de denunciar a inxustiza social.
Case a metade dos poemas de Follas novas teñen afinidade con Cantares Gallegos, mentres que o resto das composicións presentan un espírito poético diferente, motivado pola emigración, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais.
Carrusel. Berta Dávila
Berta Dávila preséntanos nesta breve novela o pasado, o presente e o futuro que se xuntan na vida da súa protagonista, cuxo nome descoñecemos. Só sabemos que é escritora, que vive en Santiago de Compostela e que está nun bloqueo artístico e persoal do que precisa saír escribindo a súa nova novela.
Carrusel narra un momento persoal e unha crise creativa que a protagonista decide afrontar lembrando momentos familiares, sobre todo os relacionados co seu tío Carlos, irmán xemelgo da súa nai, que padece a mesma enfermidade mental que ela.
As rulas de Bakunin. Antón Riveiro Coello
As rulas de Bakunin conta a historia dos vencidos e dos perdedores. Antón Riveiro Coello, un dos escritores galegos actuais con maior proxección narrativa, recolle un acto de restitución e tamén de rebeldía.
Coello tenta recuperar a memoria dos heroes silenciosos e silenciados que loitaron pola liberdade. Neste caso trátase da historia de Camilio Sabio Doldán, un anarquista que viviu nas súas carnes a guerra, o cárcere e o exilio.
Un millón de vacas. Manuel Rivas
Manuel Rivas non só é un dos escritores máis importantes da poesía e da narrativa galega contemporánea, senón tamén do panorama literario español. Rivas toca todos os xéneros literarios, non lle ten medo a nada, dende o ensaio xornalístico, ata a poesía e a novela, sen esquecer o relato.
Un millón de vacas está formado por dezasete historias que se poderían definir como fragmentos da vida das persoas asentadas en Galicia a finais do século XX. Os seus protagonistas atópanse entre os máis variados e representativos de Galicia, sexa no campo ou na cidade, e deles pódese extraer unha visión pouco esperanzadora dos galegos e galegas en particular e da sociedade occidental en xeral.
Os temas tratados nos dezasete relatos son moi variados: o maltrato á natureza, a destrución da identidade cultural, o cada vez máis importante materialismo da sociedade ou a violencia que nos rodea en todas as súas vertentes posibles.
Ollos de auga. Domingo Villar
A través das súas novelas policiais, o recentemente falecido escritor Domingo Villar, co inspector Leo Caldas á fronte, consegue ensinar aos seus lectores un pouco de Galicia e de Vigo.
Ollos de auga é o libro que ve nacer o inspector de policía Leo Caldas quen, acompañado do seu axudante Rafael Estévez, realiza a investigación do asasinato na illa de Toralla do músico Lois Reigosa, que aparece morto no seu dúplex tras inxectarse formol no pene.
Toda unha investigación truculenta que atopará o sentido do asasinato e que deixa unha trama entretida para as xeracións vindeiras e na que nada é o que parece.
Os Bolechas. Pepe Carreiro
Todos os nenos e nenas galegos os coñecen. Os Bolechas é o nome dunha serie de libros infantís que narran as peripecias dunha familia creada por Pepe Carreiro no ano 2000, con máis de 550 títulos e máis dun millón e medio de exemplares vendidos.
Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e o can Chispa viven nas súas historias mil e unha aventuras que farán as delicias dos máis pequenos. Ademais, Os Bolechas teñen unha aventura para cada pobo e seguro que atoparedes unha da vosa parroquia ou concello para regalar aos máis pequenos.
Os Megatoxos. Anxo Fariña
Imos agora coa literatura xuvenil. Os Megatoxos son catro rapaces e rapazas que teñen que compatibilizar as clases de bacharelato cunha dobre vida na que viaxan na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta moi especial, o "Toxo". Esa planta mutante o que lles permite é viaxar no tempo e no espazo, onde viven infinitas aventuras.
Escarlatina, a cociñeira defunta. Ledicia Costas
Se buscamos libros de literatura infantil ou xuvenil para regalar, escoller Ledicia Costas é todo un acerto. As súas historias teñen todo o necesario para que os lectores máis novos se namoren.
Con Tim Burton e Hayao Miyazaki como referentes, a escritora galega preséntanos en Escarlatina, a cociñeira defunta, un libro de lectura sinxela e de humor macabro que trata a morte sen prexuízos nin medos. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 11 anos e o protagonista é Román Casas, un neno apaixonado pola cociña, que revive a Escarlatina, unha cociñeira morta no século XIX, que lle amosará as receitas máis estrañas do mundo dos vivos e dos mortos.
Feliz Idade. Olga Novo
A escritora Olga Novo presenta en Feliz Idade unha obra poética na que se mesturan o amor polo nacemento da súa filla e a dor pola morte do seu pai. É unha historia de gran vitalidade que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo e cunha forte crítica á memoria histórica.
Con este libro de amor e dor, de vida e de morte, Olga Novo gañou o Premio Nacional de Poesía 2020. Regalalo servirá aos seus lectores para mergullarse nunha poesía cunha intensa implicación sentimental e emocional da súa autora. Coñecerana e participarán de todos eses sentimentos.
Seique. Susana Sánchez Arins
A escritora Susana Sánchez Arins busca e analiza en Seique a historia dos personaxes máis escuros da súa familia, recuperando as voces dos que xa non están e a súa historia máis oculta. É un libro para pechar feridas xa que cos testemuños que nel se recrean, obríganos a lembrar e non esquecer a historia.
Susana Sánchez Arins escribe un libro que se clasifica entre a poesía, a novela e o ensaio, no que nos mostra, ao máis puro estilo de novela policial, a súa familia, chea de verdugos e vítimas dunha época.