Os furanchos galegos son eses lugares únicos nos que saborear pratos tradicionais, caseiros e abundantes regados cun bo viño da casa. O que se di a Galicia máis auténtica levada á mesa.
Aquí deixámosche a nosa pequena selección de furanchos en Galicia, pero debes coñecer varios detalles básicos antes de mergullarte de cheo no mundo "furancheiro".
Que son os furanchos
Cando un propietario vendía o excedente de viño da nova colleita, o posible comprador levaba unha tapa caseira para acompañar ese viño. E unha cousa levou á outra...
Os furanchos identifícanse cunha folla de loureiro na porta. Por iso é polo que se chamen furanchos ou loureiros.
O viño e a comida dos furanchos son totalmente caseiros. Adoitan contar con pratos típicos da nosa gastronomía, como raxo, churrasco, empanadas, polbo ou pementos de Padrón. Pero só poden vender un número limitado de tapas, previamente determinadas e comunicadas á Xunta de Galicia.
Na provincia da Coruña, máis que furanchos atopamos loureiros. Son locais similares, pero os loureiros adoitan ofrecer, fundamentalmente, viño e non contan cun menú típico.
A maioría dos furanchos só abren durante tres meses ao ano. Hai que lembrar que a súa función principal é darlle saída ao excedente de viño da colleita propia.
E dúas curiosidades: o viño que che sirvan non pode ser embotellado, senón que debe vir directamente do barril, e podes levar a túa propia comida.
Agora que xa estás preparado/a, aquí tes a nosa pequena selección de mellores furanchos de Galicia.
Furanchos na provincia de Pontevedra
Furancho A de Juan
Empezamos no quilómetro cero dos furanchos galegos: a aldea de Covas, en Meaño.
En pleno val do Salnés atopámonos cun dos furanchos máis populares. O paraíso caseiro da richada, o polbo ou as luras.
No Furancho A de Juan podes tomar un bo Alvariño ou tinto de Barrantes sentado nun banco debaixo dunha parra de uvas e á beira dunha roda de muíño.
Furancho Enrique
Sen movernos de Meaño atopámonos cun dos furanchos máis veteranos: Furancho Enrique.
A súa terraza con vistas é o lugar perfecto para saborear unha boa tortilla, richada e polbo regados co mellor viño da casa, por suposto, en cunca.
Furancho Ángel
Non hai visita "furancheira" a Meaño que non pase polo Furancho Ángel. Polbo, camaróns, ovos con chourizo, codillo ou cordeiro, e a súa especialidade, a 'alpargata', unha orixina tosta con carne.
Ademais, viño Albariño da casa que vén en xarra e se serve en cunca e que podes saborear no comedor principal ou no alpendre que funciona como unha ampla terraza, con hórreo de pedra incluído.
Furancho O Quirófano
Terminamos o noso plan en Meaño co Furancho O Quirófano.
Como quizais intúas, o seu nome débese a que moitos profesionais da medicina eran asiduos/as. Un pendello e unha barra espérannos á beira dun limoneiro e dunha vista panorámica coa Illa de Arousa ao fondo.
O seu pan de centeo e un viño de Barrantes, deses aos que nos referimos en Galicia como "con corpo", son acenos de identidade da casa.
Furancho O Loureiro de Siso
Falando de viño Barrantes, unha institución é o Furancho O Loureiro de Siso, en Ribadumia.
Así o confirman os moitos premios e recoñecementos que recibiron os seus caldos. Acompáñao de tortilla ou dunha abundante tapa de luras e non esquezas contarnos que tal cando o probes ;)
Furancho Alto da Aldea
Na parroquia de Goián, concello de Tomiño, está o Alto da Aldea. Non é fácil de atopar, pero vale a pena tentalo.
A súa decoración é enxebre e pintoresca, co teito repleto de mazorcas de millo, as paredes adornadas con nasas, arados ou utensilios de labranza e as lámpadas feitas con tixolas.
En canto á comida, a súa especialidade son os Ósos de Xoán, unhas deliciosas costelas fritas.
Furancho o Xuguiño
"Polo bo camiño chegas ao Furancho O Xuguiño". Así que, vamos aló. Está entre O Porriño e Redondela, e esa frase é a que se le nas cuncas nas que che serven o seu fantástico viño da casa.
A súa carta é bastante variada, inclúe arroces e ensaladas, e por encargo ofrecen tamén callos ou cocido.
Furancho Casanova
Un dos furanchos máis grandes e espazosos é o Furancho Casanova, situado en Redondela.
Dispón de varios aparcadoiros e zona interior e exterior. Todo son facilidades para que acudas a descubrir as súas empanadas de pan de millo ou trigo e as súas suculentas tortillas.
Furancho Reboraina
Nos días de sol, nada mellor que resgardarse debaixo dunha boa árbore. Como o magnolio que preside o Furancho Reboraina, tamén en Redondela.
As súas especialidades son a zorza (receita familiar supersecreta), a empanada de millo e os chourizos asados.
Furancho Adiós Vida
Se che apetece gozar dun bo viño 100% natural e tradicional, sen ningún tipo de conservantes nin aditivos, toma nota do Furancho Adiós Vida. Está en Reboreda, municipio de Redondela.
Para comer, destacan os seus chourizos ao inferno e as empanadas de pan de millo de xoubas ou chocos da illa de San Simón traídos directamente do barco.
Furancho da Formiga
Tamén en Redondela está un dos furanchos de toda a vida máis populares: o Furancho da Formiga.
A súa tortilla de patacas xera adicción e o queixo de tetilla con marmelo é o broche final perfecto: quedarás sen palabras.
Furancho A de Caballero
En Poio, moi preto do turístico Combarro e os seus hórreos e das Fervanzas do Pereiro, está o Furancho A de Caballero.
No pasado foi un cortello e é pequeniño. Pero deixarante coa boca aberta os seus viños brancos de moitas variedades diferentes de uva: caíño, espadeiro, albariño... Tamén venden mel da casa.
Furancho Villa Preciosa
Na parroquia de Nespereira, en Pazos de Borbén, atopámonos con Furancho Villa Preciosa. Perfectamente acondicionado, conta cunha ampla leira e mesmo cun pequeno parque infantil.
Nel, os/as propios/as clientes/as sérvense o viño novo directamente das cubas. Non perdas os seus viños con reminiscencias a froitas.
Furancho Santa Sede
Moi preto de Vigo atópase o Furancho Santa Sede.
Serve viños brancos e tintos e teñen fama as súas empanadas elaboradas con mestura de pan de trigo e millo.
Furancho O Recuncho
No interior de Galicia, aínda que menos, tamén hai furanchos. Un bo exemplo é o Furancho O Recuncho, na Estrada.
Leva case 10 anos vendendo no seu local o viño da súa abondosísima colleita, nada menos que uns 10.000 litros anuais, acompañado de comida caseira na que priman os produtos da zona, dende os chourizos de Ribeira aos amorodos de Berres.
Furanchos na provincia da Coruña
Furancho Cholas
O Furancho Cholas é un dos loureiros insignes da provincia coruñesa e está en Betanzos.
Cholas ofrece o excedente da súa colleita de viño da tempada. O local non dispón de servizo de comidas, así que o mellor é que a leves ti mesmo para degustala xunto co saboroso viño do país da casa.
Adega O Colorado
Na metade da costa da rúa dos Remedios, tamén en Betanzos, atópase unha casa tradicional que alberga a Adega O Colorado.
Os seus viños son afrutados e bastante lixeiros para o que é habitual na zona.
Mesas corridas, manteis de cadros e comida caseira sinxela, a base de tortilla e embutidos, son marca da casa.
Casa Bascoy
O Furancho Casa Bascoy está na parroquia de Santa Cruz de Rivadulla (concello de Vedra).
Sitúase nunha casa de pedra tradicional, aínda que totalmente reformada e decorada con fotos e obxectos antigos.
Ofrece tapas variadas e un excelente viño do Ulla.
Furancho Barrio
Unha pota colgada no alto do muro dunha casa indícanos que localizamos outro furancho en Vedra; en concreto, o Furancho Barrio, en Tomonde.
Xa dentro, un patio interior con mesas e barrís onde degustar viños tintos ou brancos da zona.
Furancho ENXA
Cocido e churrasco reinan na carta do furancho ENXA, con permiso, iso si, do seu saboroso viño.
O furancho ENXA está aberto durante todo o ano en Porto do Son.
O Furancho de Rianxo
En Rianxo atopamos un furancho perfecto para os amantes das mariscadas tamaño XXL. Para que te fagas unha idea, as bandexas nas que se serven teñen máis dun metro e medio de longo e entran pola xanela.
Boa comida, viño da casa, local amplo e accesible... éxito seguro.
O Furancho da Risco
Un restaurante familiar á maneira de furancho tradicional no que destaca a súa cervexa artesá de elaboración propia, a Risco.
Ofrece boa comida caseira e tamén hai actuacións musicais.
Está no lugar de Fornelos, parroquia de Baio, concello de Zas.
Fogar do Santiso
Aberto desde 1996, Fogar do Santiso, en Teo, é un clásico entre os locais de restauración da zona de Santiago de Compostela, aínda que o Grupo Fogar tamén dispón de locais en Allariz, Oleiros e Lapamán.
Pioneiros en contar cunha horta ecolóxica certificada, ofrecen na súa carta carnes de razas autóctonas galegas. Todo iso sen perder a esencia rural e a súa reivindicación da cultura ancestral.
Un consello: proba os destilados ecolóxicos.
Os Chaos
O mellor viño da casa, acompañado de comida caseira, podes atopalo en Os Chaos.
É un local a medio camiño entre furancho, pulpería e asador clásico. A decoración é sinxela, en madeira e pedra, con estufa de leña e obxectos antigos colgados das paredes, dende zocos a utensilios de labranza.
Os Chaos está no lugar de Barreiriña, concello de Touro.
Furanchos da provincia de Lugo
Adega de Cabanas
Aberto en 2016, Adega de Cabanas é un furancho que atopamos preto da localidade lucense de Portomarín.
Á súa ampla adega con viños de colleita propia suma cociña tradicional galega, a base de cocido, pito campeiro e carne de angus.
Furancho O Currio
Na Ribeira Sacra, Furancho O Currio presume de ofrecer viños honestos e algo sinxelo para acompañar.
Este local situado na Pobra do Brollón organiza tamén campionatos de tute, concertos, exposicións, catas...
Furanchos na provincia de Ourense
A Fornada
Imos agora de furancho a Xinzo de Limia.
Á beira do Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras escóndese A Fornada, unha leira con carballos que rodea unha casa de pedra de estilo tradicional.
Para comer, pan e pizzas (feitas con fariña de elaboración propia), produtos da horta, boas carnes "vienesas" e as súas famosas patacas fritas con salsa brava da casa.
Para beber, viños de Monterrei, a elixir entre o da casa ou embotellado.
A Papuxa
A Papuxa é unha típica taberna galega, na que non faltan o queixo, o chourizo e a empanada. Atópase no barrio xudeu de Ribadavia.
Como taberna, a súa historia remóntase ao ano 1872, cando foi inaugurada como lugar de encontro para os veciños da zona mentres degustaban bo viño do Ribeiro.
Ata aquí o noso percorrido por furanchos de Galicia. Agora tócache a ti.
Fonte imaxe cabeceira: Os Chaos.