Un total de 270 novos inmobles dos núcleos de Ponte e Cabío, no concello da Pobra do Caramiñal, poden gozar xa dos servizos de telecomunicacións máis innovadores e de posibles accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K.

Todo iso, grazas á nova rede de fibra de R que o operador galego está a modernizar nas catro provincias de Galicia dende a pasada primavera.

Despregamento de rede

R acaba de terminar outro tramo das tarefas de despregamento da súa rede de fibra na Pobra, aproveitando ao máximo as infraestruturas dos devanditos núcleos, onde quedaron conectados 86 fogares e negocios en Ponte, e 184 en Cabío respectivamente.

Con anterioridade, o operador galego xa acometera despregaduras das súas redes nos núcleos de Lomba, A Ponte Barbanza, Atalaia, Agros ou Mirandela, onde daquela xa se conectaran ás redes avanzadas de R vivendas e empresas do concello de A Pobra.

Cando rematen as despregaduras enmarcadas no vixente Plan Avanza no que R traballa arestora, arredor de 4.200 fogares e negocios teranse unido xa á súa modernísima rede de fibra no concello da Pobra do Caramiñal, pois aos conectados na contorna do Plan Avanza haberá que sumarlles os activados a raíz doutros desenvolvementos de rede que R vén realizando no municipio dende hai anos.

As Rías Baixas coruñesas seguen sumando fibra óptica FTTH

As tranquilas augas da ría de Arousa bañan A Pobra do Caramiñal, en plena comarca do Barbanza. As súas populares bateas e praias como O Areal ou Lombiña-Cabío convértena nun popular destino para veraneantes e afeccionados aos deportes náuticos.

Ademais de mar, A Pobra conta con paraísos naturais como o Paseo das Xunqueiras ou as piscinas do Río Pedras. E co miradoiro da Curota, que alberga unha estatua do xenial escritor Valle-Inclán, un auténtico namorado desta terra, na que tamén ten un Museo propio.

A Pobra dispón tamén dunha ampla oferta gastronómica amparada polo seu puxante sector conserveiro.

E agora, ademais, A Pobra do Caramiñal suma máis núcleos conectados á rede de fibra óptica de R.

10 millóns de investimento e fondos europeos

Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

No desenvolvemento do tres plans investirase un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras na Pobra do Caramiñal enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos de concellos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo); o investimento total neste caso é de 3,58M€.

A día de hoxe, só no marco do Plan Avanza, R chegou por primeira vez coas súas redes de nova xeración a núcleos de poboación das catro provincias galegas que nunca dispuxeran de alta velocidade nos concellos do Rosal, Monterroso, Palas de Rei, Boqueixón, Porto do Son, Curtis, Cuntis, Meaño, Mos, Pobra de Trives, Petín, Barreiros, Lourenzá, Ortigueira, Cariño, Camariñas, Muros, Cerceda, Antas de Ulla, Moraña, Guitiriz, Tomiño, Abegondo, Ribadumia, Combarro, Muxía, Valga, Vilaboa e Ponte Caldelas.

A rede máis rápida do mercado para os/as clientes/as de R

Os/as novos/as clientes/as de R dos núcleos da Pobra conectados xa poden gozar dos servizos máis innovadores que lles ofrece a nova rede de fibra do operador galego, coa posibilidade de accesos de ata 10 xigas, wifi 6 e tele con deco Android 4K. Estas vantaxes vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.

A nova rede de R, a máis rápida de España segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf, utiliza a tecnoloxía FTTH, que accede directamente aos fogares e permite velocidades simétricas (iguais de suba e de baixada) en toda a súa extensión. É a última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming, gaming… etc. Un sistema que permite habilitar eses accesos de ata 10 xigas, o que supón 4 veces máis capacidade de descarga que a tecnoloxía actual e ata 8 veces máis capacidade de subida.

Cambio de equipos gratuíto e 5G

A medida que se vai despregando a nova rede, os/as clientes/as de R son avisados/as e informados/as dos pasos que deben seguir para cambiar os seus equipos por outros de nova xeración, máis avanzados, de forma totalmente gratuíta. E as novas altas de R xa están a contratar maioritariamente sobre a nova rede de fibra óptica.

Cando en 2022 se completen os traballos de despregadura da tecnoloxía 5G e da nova rede de fibra FTTH, os novos equipos quedarán instalados en todos os inmobles e Galicia converterase nunha das rexións máis avanzadas de Europa en tecnoloxía, preparada para o uso e desenvolvemento de todos os servizos da chamada quinta xeración. Esta tecnoloxía avanzada 5G apóiase na rede de fibra óptica, supón máis velocidade (10 veces máis que o 4G), maior capacidade e a posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos, establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.

Con esta infraestrutura de última xeración que R desprega dende a pasada primavera, Galicia poderá competir en calquera lugar do mundo ao máximo nivel, ofrecendo a fogares e negocios galegos os servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio.

Imaxe de Concello de A Pobra do Caramiñal: porto de A Pobra do Caramiñal.