Se hai unha festa do verán galego que máis peculiaridades acolle, é a Festa da Dorna de Ribeira. Do 18 ao 24 de xullo de 2024, a capital do Barbanza enchese de peculiares e divertidos xogos, concertos e diversión na Festa da Dorna de Ribeira 2024. Uns días nos que a típica embarcación local é a escusa para confraternizar e pasalo ben. Contámosche os horarios, o programa e a historia.
Todo un pobo reúnese para celebrar unha das embarcacións máis típicas da costa galega. Pero a festa é moito máis, é a unión de toda a veciñanza en sete días de festa e diversión continua.
Os sinais de identidade da festa son claros: a participación masiva de toda a veciñanza, o humor retranqueiro galego e a imaxinación de todas as actividades que sempre se programan coa cultura popular e a tradición local de fondo.
Programa da Festa da Dorna de Ribeira 2024
A Festa da Dorna de Ribeira 2024 caracterízase pola gran participación en todos os actos programados pola organización. Centos de participantes divírtense en todos os actos, de grande imaxinación e moito humor.
Para que non te perdas ningún detalle descarga aquí o programa da Festa da Dorna de Ribeira 2024:
Xoves, 18 de xullo
- 09:59 Satenta e Seis Badaladas. Comezo da festa coas badaladas da campá..
- 11:11 O Facho Dorneiro recorrerá as rúas e as prazas de Ribeira.
- 16:06 XXXIII Edisión do Enjalanamento das Fanequeiras.
- 21:49 Serimonia de Inisiasión co esperado Prejón na Porta do Sol.
- 22:58 Macroqueimada Dorneira. Da man de Lampreas máis Preas.
- 23:06 Proxecións mapeadas na fachada da igrexa.
- 23:33 RockAndDorna: actuación da Orquestra Bravú Banda Xangai.
Venres, 19 de xullo
- 12:27 X Ruta de Tapas Estrella Mijelín.
- 16:36 Maratasón Dorneiro. Dende o Callejón do Cúpula.
- 17:59 Mercadillo Solidario Dorneiro.
- 21:59 RockAndDorna: Concerto de Recambios Tucho.
- 23:33 Proxecións mapeadas na fachada da igrexa.
- 00:02 Dansin In De Siti: en diferentes puntos da cidade, coas actuacións de Kike Varela Dj, Mateo Abelleira, Dj C.T., Dj El Hijo del Médico, Dj Gee, Dj @zuguiirg, Dj Orenes e Pan da Leña. O Metalfest Dorneiro na Sala Heaven&Hell do Chirinjito de Pedra Pateira.
Sábado, 20 de xullo
- 10:51 Día do Orgullo Jai-Teiro amenizado polas bandas Suasebe, Enxebres de San Lázaro, Tahume, Laghareu, Trecola, Liantes, Riparia, Borja e Cía, Andavia, Río de Anxo e A Banda de Calo.
- 11:01 VIII Xuntanza de Embarcasións Tradisionais.
- 12:27 X Ruta de Tapas.
- 17:32 Jran Folión.
- 17:02 XXXII Xojos e Deportes Populares de Terra.
- 18:00 Minidisco Infantil en Coroso Music Párquin.
- 21:29 XXXIII Sertame Itinerante da Cansión de Tasca.
Domingo, 21 de xullo
- 16:27 Exposisión de Carrilanas.
- 18:18 Subida das Carrilanas.
- 19:39 XXXIII Jran Prix de Carrilanas.
- 21:49 XXXIII Sertame Itinerante da Cansión de Tasca.
- 23:29 RockAndDorna: Concerto de Nativa. Porta do Sol.
Luns, 22 de xullo
- 16:02 XXXII Xojos e Deportes Populares de Mar.
- 18:04 XXXII Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor.
- 21:01 RockAndDorna: Ji JÓ Dorneiro. No malecón.
- 22:58 Actuación John Pollón&Friends.
- 00:37 Batalla de Jallos Dorneiros.
Martes, 23 de xullo
- 11:01 V Maratasón Infantil.
- 16:01 RockAndDorna de Batea: The Tetas Van en concerto.
- 17:06 Trinautlón Dorneiro: Geckos Surf Schul.
- 22:22 XXXIII Examen de Patróns.
- 00:09 RockAndDorna: Concerto de Me Fritos & Gimme Cheetos.
Mércores, 24 de xullo: Día da Dorna
- 11:11 Expovarada de Embarcasións.
- 12:02 Saída das Embarcasións.
- 14.24 XXXIV Rejata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo.
- 15.03 Romería Dorneira.
- 15:31 Consierto Antisiesta: Trécola.
- 16:04 Xojos Dorneiros.
- 17:52 Campionato Mundial de Chichimonei.
- 19:46 Consentrasión da Marea Dorneira.
- 22.42 RockAndDorna: Concerto dos Mojinos Escozíos.
- 00:32 Entreja da XI Copa da Rei.
- 00:38 Actuación de Quinkillada.
- 01:46 Arriada da Pañoleta, Asalto ás Fanequeiras e Entonasión do Miudiño.
Historia da Festa da Dorna de Ribeira
Xa pasaron 76 anos dende que o 24 de xullo de 1948 tivo lugar a “1ª Singradura da Festa da Dorna de Ribeira”, que hoxe está declarada Ben de Interese Turístico de Galicia.
Todo comezou o 17 de xullo de 1948 cando, segundo a historia popular, un boticario da vila, don Emilio Fernández de Sanmamed, decidiu que era o gañador do sorteo dunha dorna que se rifara o día anterior co obxectivo de recadar fondos para as festas da Virxe do Carme.
Para celebralo, o boticario decidiu facer unha festa cos seus amigos. O problema xurdiu cando se soubo que a rifa gañadora a tiña un mariñeiro veciño da vila e non o boticario.
Ao mariñeiro non lle gustou a broma, pero non foi a máis a cousa e o ilustre boticario continuou coa idea de facer unha festa en homenaxe a aquela dorna que non gañara. Alí naceu a famosa Real e Ilustre Confraría da Dorna para organizar a Festa da Dorna o 24 de xullo, véspera da Patrón de Galicia.
Dende a Real e Ilustre Cofradía da Dorna ata as Peñas Dorneiras
Dende a súa creación en 1948, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna encargouse de xeito informal da organización da Festa da Dorna e doutras actividades festivas, solidarias e culturais.
No ano 1988 créase a Asemblea de Peñas Dorneiras, tamén co mesmo carácter que a Cofradía da Dorna, pero máis axeitada á dinámica que levara a festa, integrando nela diferentes peñas que se crearan de forma espontánea entre persoas interesadas en participar activamente. na festa.
En 1991 legalizouse a A.C. Real e Ilustre Cofradía da Dorna para poder ter cobertura legal, acceder a axudas públicas e mellorar a organización da festa. Na actualidade a asociación conta con case mil socios.
As Peñas Dorneiras, o corazón da festa
As peñas son organizacións informais que participan na celebración da festa. Para formar parte da Asemblea de Peñas, o seu patrón ou patroa debe superar o “Exame de Patróns”, e a peña ten que colaborar na organización da festa e participar, polo menos, nalgunha das distintas actividades.
As peñas actualízanse cada ano, xa que as hai que só duran unha edición e outras que participan dende 1988.
Dende 1989 as peñas diferenciáronse polas cores do pano de pescozo e da camiseta. Todos teñen referencias ao mar pero con toques de humor. Algúns exemplos son: “Marajotas fusiñudas”, “As lampreas máis preas”, “Muxo Beti”, “Boi de putas”, “As fanecas bravas e os sinco fodonsiños”, “As pirañas van de cañas”, “As luras andan duras”,”Carallos de rei”, “Caracolas en sirolas”…
A linguaxe dorneira
Se un le o programa, os carteis ou as actividades da Festa da Dorna de Ribeira 2024, entende que a lingua da festa é diferente, ademais dun dos seus maiores acenos de identidade.
Esa lingua ou idioma da festa é a chamada Fala Dorneira. Caracterízase polo uso da fala popular cotiá dos ribeirenses, mestura da variedade dialectal do galego propia do bloque occidental (cheísmo, gheada e seseo, etc.), o chamado "castrapo", e o uso dunha serie de palabras e expresións propias da zona.
Unido todo isto sae a Fala Dorneira, que se reflicte no escrito seguindo os dictámes do famoso “Caderno de Bitácora” dende 1990. Establece, por exemplo, o uso dos grafemas “J” e “S” en palabras que ao falar se expresan con gheada ou con seseo.
Sen dúbida, a chamada Fala Dorneira dálle un toque distintivo á festa, pero é unha seña de identidade que dá xogo ao humor e á retranca, dous dos sinais máis característicos da Festa da Dorna de Ribeira. Achégate os días da festa á capital do Barbanza e poderás escoitalo de primeira man.
Fonte imaxe de cabeceira: Asociación Cultural Festa da Dorna Ribeira.