A Feira do Viño de Sober 2025 celébrase do 11 ao 13 de abril no recinto feiral instalado na Praza do Concello. É unha das máis antigas e populares da Ribeira Sacra e é unha cita na que podes gozar dos mellores viños das adegas de Amandi. Para que non te perdas nada, dámosche toda a información sobre as actividades e o programa da Feira do Viño de Sober 2025.
Programa da Feira do Viño de Sober 2025

A Feira do Viño de Sober 2025 chega á súa 45 edición do 11 ao 13 de abril. Antes da feira, celébrase o Mes do Amandi, que inclúe cata de viños, charlas, exposicións, xornadas e concursos gastronómicos, visitas a viñedos e adegas e actuacións musicais.
Todas as actividades do programa da Feira do Viño de Sober 2025 celébranse no recinto feiral na Praza do Concello.
Alí terá lugar a inauguración da feira o venres 11 de abril, a cargo da adega A Cividade de Outeiro-Bolmente, en recordo do seu fundador José Verao Rodríguez.
Por diante tres días de feira ata o domingo de Ramos, 13 de abril, cando ten lugar o Pregón. Este ano a encargada será a cantante Lucía Pérez, de Incio, que é o Concello convidado de honra deste ano.
Toma nota das datas e horas de cada acto do programa da Feira do Viño de Sober 2025 no recinto feiral na Praza do Concello:
Venres, 11 de abril
- 19:30 h. Inauguración da XLV Feira do Viño de Amandi, a cargo da adega Cividade de Outeiro-Bolmente, en lembranza de José Verao Rodríguez.
- 20:00 h. Actuación da batucada X de L.
- 22:30 h. Actuación de Louband.
Sábado, 12 de abril
- 11:00 h. Apertura das casetas da Feira do Viño de Sober 2025.
- 11:30 h. Actuación de Grupo de Música Tradicional, do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
- 12:30 h. Actuación da Banda de Música de Sober.
- 17:00 h. Comeza a Precata Oficial.
- 18:30 h. Batukada Baturruca.
- 21:30 h. Concerto de Lucía Pérez.
- 23:00 h. Actuación de Gin Toni’s.
Domingo, 13 de abril
- 10:45 h. Charanga NBA.
- 11:00 h. Pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober.
- 11:15 h. Actuación da batukada Tukupá.
- 11:30 h. Comeza a Cata Final Oficial.
- 11:30 h. Igrexa de Sober: Misa Solemne coa Bendición de Ramos.
- 12:00 h. Animación cunha selección de Tunas de Madrid.
- 12:30 h. Casa do Concello: Recepción de autoridades.
- 13:00 h. Pregón da cantante Lucía Pérez.
- 13:30 h. Entrega de Premios.
- 17:30 h. Actuación da Charanga NBA
- 18:00 h. Actuación de Gaitukada Aikirindo.
- 19:30 h. Orquestra Los Satélites.
Orixe da Feira do Viño de Sober
O viño marcou, e segue marcando, a economía e a vida da zona. En Sober, homenaxéano como se merece a través dunha feira que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que atrae cada ano a miles de visitantes.
A Feira do Viño de Sober comezou a súa andaina a partir da feira do gando que tradicionalmente se celebraba en Sober o Domingo de Ramos.
Para incrementar o número de visitantes, decidiuse convidar a este tradicional mercado a algúns adegueiros da zona e que presentasen alí os seus viños.
Dende as primeiras edicións, nos anos 80, o número de adegas participantes superaba amplamente ao número de cabezas de gando, e a afluencia de público multiplicouse.
Así que a Feira do Viño de Amandi iniciou unha nova etapa centrada no viño e celebrándose cada ano coincidindo co Domingo de Ramos.
Viño de Amandi e Denominación de Orixe Ribeira Sacra

O viño de Amandi é unha das cinco subzonas que pertence á Denominación de Orixe Ribeira Sacra (recoñecida como tal en 1996), xunto con Ribeiras do Miño, Ribeiras do Sil, Quiroga-Bibei e Chantada.
Cultívase no sueste do municipio de Sober; en concreto, nas parroquias de Amandi, Lobios, Pinol, Santiorxo, Bolmente, Doade, Anllo San Martiño e Anllo Santo Estevo.
A súa orientación, o microclima mediterráneo da zona e o cultivo en empinados bancais con desniveis de vertixe converten estes viños en caldos moi apreciados, con personalidade e calidade, recoñecida por numerosos galardóns, mesmo a nivel internacional, e de gran popularidade.
Actualmente, unhas 200 hectáreas de viñedos, máis de 300 viticultores e 29 adegas están inscritas no Consello Regulador.
Na Feira do Viño de Sober 2025 participarán este ano 22 adegas, que presentarán os seus primeiros caldos da tempada e competirán por levar algún dos premios oficiais.
Hai tres premios para viños tintos, un para viños brancos, un para viños rosados e un premio especial para viños envellecidos en barrica.
Achégate a probar os mellores viños de Amandi na Feria do Viño de Sober 2025, do 11 ao 13 de abril.
Fonte imaxe de cabeceira: Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.