Se hai meses nos dixeran que en breve estariamos confinados/as nas nosas casas 24×7, que tendas, bares, oficinas, centros de lecer ou fábricas botarían o peche, que levariamos luvas desechables para comprar (só alimentos e medicinas) ou que sairiamos todos os días ás 20:00 h ás nosas xanelas para aplaudir…; se nolo contasen, non o creriamos. Pero, dende hai semanas, estamos a vivir todo iso e outras moitas situacións inauditas, nun permanente estado de incerteza e perplexidade.

O mundo parou, pero a vida segue. E as telecomunicacións emerxen -con permiso da Sanidade con maiúsculas- como un dos denominados sectores 'esenciais' onde recae boa parte da responsabilidade para manter o planeta en funcionamento. O papel dos operadores nesta complexísima conxuntura pasa, en primeiro termo, por garantir a calidade duns servizos que lles permitan ás empresas continuar traballando e ás persoas, que sigamos conectadas cos nosos seres queridos para facer máis levadío este illamento forzoso.

É, ao final, un paso máis na nosa evolución como sociedade, do que -estou convencido- rexurdiremos máis fortes e mellor preparados para os novos retos

Conceptos como transformación dixital, teletraballo, ferramentas colaborativas (Teams, Skype…) ocupan un primeirísimo plano do noso día a día e revelan que o compromiso das telecomunicacións con empregados, clientes e sociedade transformouse nunha auténtica proba de lume. En R marcámonos como obxectivo número un garantir a máxima calidade dos nosos servizos para axudar a xente a soportar o momento; e facelo sen poñer nunca en risco a seguridade dos nosos profesionais, que teletraballan maioritariamente.

Hai inxentes retos ocultos na loita contra un virus pandémico. E está resultando unha experiencia incrible para min e para todos/as os meus compañeiros/as constatar ese compromiso tácito do equipo R (e do Grupo Euskaltel, ao que pertencemos), e aínda diría de todo o sector, para saír canto antes desta crise.

O pasado 15 de marzo asinamos, xunto ao resto de operadores de telecomunicacións nacionais, un acordo para aconsellarlle á poboación sobre o uso máis racional das redes durante o período de confinamento. E cinco días despois rubricamos outro compromiso coas compañías do sector e o Goberno de España para garantir a conectividade de persoas e empresas. Para estas últimas habilitamos plataformas especiais de atención ao cliente e soporte técnico capaces de soster as actividades de teletraballo, e definíronse plans de continxencia específicos nunha situación tan excepcional.

Seremos iguais ou mellores cando isto acabe? Viviremos da mesma maneira de agora en diante?

Disparáronse as porcentaxes do trafico de voz móbil e de banda ancha fixa ata nun 50% e 40% respectivamente, e o consumo de televisión ata nun 50%. Abrimos canles de tele ou a nosa aplicación de televisión a todo o mundo e tamén regalamos bonos de datos. Son só pequenos xestos. O importante virá́ despois, e tentaremos estar tamén á altura para reconstruír o país.

Seremos iguais ou mellores cando isto acabe? Viviremos da mesma maneira de agora en diante? Falamos dunha crise que excede os límites da saúde e que lles afecta a todos os ámbitos da sociedade e da economía poñendo en xogo, ademais, o futuro das novas xeracións.

Pero non dubidamos de que, 'con sentidiño', como dicimos en Galicia, sumando forzas e unidos/as, sairemos desta. É, ao final, un paso máis na nosa evolución como sociedade, do que -estou convencido- rexurdiremos máis fortes e mellor preparados para os novos retos que, sen dúbida, o futuro traerá.

APD A menos de un metro de ti

Isidro Fernández de la Calle
Director Corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel