Pasaron 11 anos dende o último Xacobeo. Naquel 2010, Muse e Arcade Fire rebentaron o Monte do Gozo, mentres noutras latitudes gañabamos o primeiro Mundial de Fútbol. Dende o punto de vista tecnolóxico, a cousa estaba un pouco máis verde. Pero nesta década deuse un paso de xigante. E o Xacobeo 21-22 é o mellor exemplo.

Smart Camiño

A web www.caminodesantiago.gal e a app móbil do Camiño de Santiago chegaron para mellorar e facilitar a experiencia de peregrinos e visitantes no seu percorrido a Compostela.

A isto hai que sumar a web de reservas de albergues públicos ou a extensión do wifi a todos os aloxamentos da Xunta para peregrinos.

Pero a experiencia dixital do Camiño de Santiago vai máis aló: a app oficial de Credencial do Peregrino, exposicións interactivas en Google Arts&Culture e ata acender a túa vela online ao Apóstolo Santiago.

App Camino de Santiago en Galicia

App Camiño de Santiago en Galicia

A guía de peto para o teu móbil Android e iOS sobre todos as rutas do Camiño de Santiago.

Moi útil tanto para planificar a túa viaxe como cando estás en pleno percorrido. E non te preocupes por se quedas sen cobertura nalgún tramo, porque a maior parte das funcións da app funcionan igual.

Podes consultar toda a info e personalizar a túa ruta, engadir anotacións e fotos ao teu diario, ou acceder en tempo real á situación sanitaria de cada localidade.

En cada un dos tramos poderás ver onde comer, onde aloxarte ou que visitar. Grazas á realidade aumentada, a cámara do móbil mostrarache todos os puntos de interese situados nas proximidades.

Ademais, tes acceso a toda a información da Rede oficial de albergues e datos de contacto dos centros de saúde e emerxencias.

App Credencial del Peregrino

App Credencial do Peregrino

Obtén o selo dixital dende o teu móbil Android ou iOS, escaneando un código QR naqueles puntos que se deron de alta nesta aplicación.

A Credencial do Peregrino dixital ten a mesma validez que Credencial do Peregrino tradicional, que certifica o teu paso ao longo das diferentes etapas do Camiño.

Google Arts&Culture

Google Arts&Culture

Coñece toda a riqueza cultural do Camiño, na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco, a través do proxecto cultural estrela de Google.

Poderás ver, na súa web ou dende o móbil, a historia e a arte da Catedral de Santiago. Accede aos seus diferentes espazos e ás exposicións temporais do Museo.

Descubre a lendaria orixe do Camiño e as diferentes rutas utilizadas para chegar á tumba do Apóstolo. Ou viaxa polo mundo acompañando as rutas dos peregrinos polo mundo.

Máis experiencias dixitais

Goza dunha visita virtual pola Catedral de Santiago. Unha experiencia en 360º que che dará acceso dende casa á cripta ou ao Pórtico da Gloria.

Tamén online podes acender unha vela ao Apóstolo Santiago ou ver cunhas lentes de realidade aumentada unha recreación do botafumeiro a través da app para móbiles Android e iOS.

Este Xacobeo 21-22 camiña a Galicia e aproveita todos os recursos tecnolóxicos do Camiño de Santiago.

E ti, xa utilizaches algunha destas aplicacións? Lémosche nos comentarios.