Ola. Hoxe queremos destacar algunhas apps antirroubo que nos poden axudar a recuperar o noso terminal se nalgún momento desaparece . Existen moitísimas apps antirroubo pero nós fixemos unha selección das mellores para Android, iOS e Windows.
Google permítenos localizar os nosos terminais grazas ao Administrador de dispositivos de Android que localiza a localización aproximada do móbil nun mapa e sabe cando se utilizou por última vez. Para poder utilizalo é necesario ter activado o acceso á localización e configurar a conta de Google no móbil. No caso de que o terminal estea apagado ou non teña conexión de datos ou wifi, non se poderá localizar.
Máis de 10.000.000 de usuarios de Android utilizan de forma gratuíta Wheres my droid que obtén a localización GPS, activa o timbre/vibrador e notificación en caso de cambios da tarxeta SIM ou de número do teléfono. Ademais, conta cunhas características de seguridade avanzadas na versión “pro” que permite sacar fotos coa cámara do dispositivo, bloquear o terminal de forma remota e para ser do máis discreto esconde a icona que indica que a aplicación está instalada. Similar a esta app é Lost Android (na que confían tamén millóns de usuarios).
Cerberus é unha app que vai máis aló de ser un localizador do terminal, senón que conta con moitas funcións avanzadas entre as que destaca o bloqueo da opción de apagado. Conta con millóns de usuarios en todo o mundo e ofrece funcionalidades como sacar fotos, capturas de pantalla e mesmo gravar vídeos para identificar o ladrón, gravar audio desde o micrófono ou conseguir unha lista das últimas chamadas enviadas e recibidas polo teu dispositivo roubado. Nin Chuck Norris sería máis efectivo.
Pero a raíña, o Gangnam Style das descargas de apps gratuítas (na súa versión básica) antirroubo para Android é Encuentra mi teléfono que permite a visualización da localización do terminal nun mapa, obter o enderezo exacto de onde desapareceu e proporciona actualizacións en tempo real do cambio de localización.
Prey Anti Robos é outra das máis actualizadas. Permite protexer ata tres dispositivos cunha mesma conta, ademais é 100% gratuíta. Esta app tamén está dispoñible para o sistema iOS e para Windows Phone . E xa que falamos destes sistemas operativos, continuamos con algunhas apps para este tipo de terminais.
Find My iPhone é unha app gratuíta que permite localiza o teu iPhone nun mapa usando calquera dispositivo iOS e para instalala é necesario conectarse co IDE de Apple que se utiliza para o iCloud. Por outra banda, está MSpy que é un software que ademais de localizar o teléfono permite monitorizar a súa actividade nas aplicacións de mensaxería instantánea, emails, mensaxes de texto, arquivos multimedia e chamadas, entre outros.
Microsoft tamén ofrece, entre moitas aplicacións, Encuentra mi teléfono que ofrece o borrado remoto, o bloqueo e pode facer soar o terminal para localizalo.
Ademais das apps antirroubo moitos antivirus teñen esa mesma funcionalidade neste post podes consultar algúns deles.
Roubáronme o móbil… e agora que fago?É recomendable bloquear a pantalla cun pin, patrón ou con recoñecemento de imaxe para protexer a información do noso terminal aínda que moitas veces non podemos evitar que nos rouben o móbil . A continuación indicámosche os pasos para seguir cando te atopes nesta situación:
- A primeira medida que debes tomar é chamar ao teu número, porque ás veces nos despistamos e deixámolo en calquera lugar e un bo samaritano atópao e devólvenolo.
-Se ao chamar o terminal está apagado, debes chamar inmediatamente á túa compañía telefónica para que realicen un bloqueo da tarxeta SIM para que non se poidan emitir nin recibir chamadas.
- A continuación, cambia os contrasinais e claves de acceso de correo electrónico e de todas as apps que tes instaladas no móbil para que non se produza un uso fraudulento.
- Solicita un duplicado de tarxeta SIM para poder manter o mesmo número de teléfono e volver ter servizo.
- Elimina de forma remota todos os datos do dispositivo e da tarxeta SD, incluídos o correo electrónico, o calendario, os contactos, as fotos, a música e os arquivos persoais que teñamos almacenado no dispositivo a través da app Google Sync ou Política de dispositivos de Google Apps
- Asegúrate de que tes unha copia de seguridade no teu correo electrónico da axenda de contactos, as imaxes, os vídeos e outros arquivos que tes no teu terminal.
- En caso de ter un seguro contratado, revisa que cobertura ten.
Esperamos que con todas estas apps e consellos sexan de axuda se perdes ou che rouban o móbil. Senón, sempre podes volver ao método de toda a vida aínda que non sexa tan práctico
Un saúdo!