A Mariña de Lugo converteuse nun dos destinos máis visitados e instagrameados. Non é de estrañar vendo as fantásticas paisaxes e areais que hai neste recuncho da costa atlántica. E non podemos falar de praias sen pararnos no Vicedo. Contámosche cales son as praias máis bonitas do Vicedo, como chegar a elas e con que servizos contan.
Praia de Arealonga
Arealonga é a praia máis grande do Vicedo, xa que mide máis dun quilómetro (en concreto, uns 1.300 metros).
Non ten Bandeira Azul e por iso non dispón de gran cantidade de servizos pero é unha praia de fácil acceso e conta cunha zona de paseo que comunica o areal con tres pontes sobre o río Sor.
Existe un pequeno aparcadoiro na entrada da praia e tamén unha zona merendeiro, ademais de duchas e papeleiras.
A praia de Arealonga é un paraíso para os amantes do surf. Ademais, ao seu arredor dispón de zonas verdes dende as que poderás contemplar toda a ría do Vicedo.
Aínda que non hai postos de praia, sempre podes achegarte aos do pobo, xa que se atopa bastante preto, a uns 500 metros aproximadamente.
Praia dos Castelos
Á beira de Arealonga, atópase a praia dos Castelos ou dos Moledos.
Moito máis pequena e tamén menos concorrida, é un areal ao que se pode acceder perfectamente a pé para gozar das súas augas tranquilas.
Ten duchas e resulta unha alternativa cómoda e relaxada, rodeada de natureza e afastada de aglomeracións. É un dos paraísos escondidos do Vicedo.
Praia de Area Grande
Nunha zona de cantís, dunas e conservando a súa esencia natural consérvase a praia de Area Grande, tamén coñecida como praia de San Román, un areal de ondada e ventos moderados.
Dispón de papeleiras, duchas e acceso para persoas de mobilidade reducida.
Tamén ten paneis informativos e un aparcadoiro situado a uns 300 metros da praia, á que se chega a través dunha pasarela de madeira.
Na súa parte oriental, imposible non fixarse nunha gran cruz colocada nun pequeno montículo que lembra ás vítimas dun tráxico naufraxio.
E se te vas de excursión polo próximo cantil descubrirás Os Moutillós, o único asentamento viquingo coñecido da Península Ibérica.
Para comer, á beira do areal tes varios restaurantes, como Area Grande ou Casa Fanego.
Praia Xilloi
Rodeada de piñeiros, eucaliptos e cantís e na entrada da ría do Barqueiro atopamos a praia de Xilloi.
É de area fina e atópase resgardada do vento, así que resulta moi acolledora.
Existe un aparcadoiro gratuíto próximo con acceso ao areal a través dunha pasarela de madeira.
Ten Bandeira Azul (dende 1990) e servizo de socorrista no verán.
A praia de Xilloi dispón dunha área recreativa perfectamente equipada para que non che falte de nada no teu día de praia: ducha, aseos, postos de bebida e comida...
Nela hai tamén un pequeno río e unha zona de dunas. E é un lugar fantástico para ver aves.
Praia de Caolín
Unha das praias máis populares do Vicedo é a praia de Caolín.
O seu nome oficial é praia do Castro pero é coñecida como praia de Caolín polo mineral homónimo, que hai moitos anos era alí cargado e lavado antes de ser levado e utilizado en multitude de obras e construcións.
Está situada nunha contorna industrial; de feito, preto da praia podes observar as ruínas de antigas fábricas de salgadura. Pero, aínda que che sorprenda o contraste, a súa area é especialmente fina e as súas augas teñen un apetecible ton turquesa.
É unha praia pequena e escondida, de pouco máis de 100 metros de longo, á que debes chegar a través de carreiros que discorren por plena natureza. A súa contorna e a paisaxe compensan a ausencia de servizos; non ten Bandeira Azul nin servizo de socorrismo nin postos de comida algún.
Tamén debes saber que, malia o seu relativo illamento, é tal a súa fama que en tempada alta pode estar bastante chea de xente e, ademais, non dispón de aparcadoiro.
Está incluída na Rede Galega de praias sen fume.
Praia de Abrela
Se o teu son os deportes náuticos, encantarache a praia de Abrela.
Conta con bos accesos, con varias entradas e rampla para persoas con mobilidade reducida, ademais de paseo peonil e cómodo aparcadoiro.
A praia de Abrela dispón de Bandeira Azul e de todo tipo de servizos (baños, aseos, duchas, papeleiras...).
Á beira da praia tes un bonito piñeiral que exerce de lugar para merendar.
Outra opción é comer no seu posto de comida a pé de praia.
Tamén podes achegarte á Lagoa dos Amidales, situada na parte de atrás do areal.
Praia de Vidreiro
A praia de Vidreiro ten vistas á ría e está comunicada co núcleo urbano mediante un paseo polo litoral. Quizais por iso é unha das praias máis visitadas do Vicedo.
Está situada a continuación do dique do porto, que a resgarda do vento.
Como é habitual pola zona, a súa area é moi fina e está rodeada de vexetación.
Os accesos están ben sinalizados e acceder a pé é fácil. Ademais, dispón de aparcadoiro.
Praia de Fomento
O porto pesqueiro do Vicedo separa a praia de Vidreiro da de Fomento.
O areal de Fomento é unha praia urbana, situada en pleno centro do pobo.
Non é moi grande, uns 400 metros, e as súas augas son tranquilas. Conta con zona de fondeo.
O acceso é fácil, tanto a pé como en coche ou autobús, e podes aparcar facilmente nas súas proximidades. O que non ten é acceso adaptado a persoas con discapacidade; hai que lembrar que non conta con Bandeira Azul e, polo tanto, non debe dispoñer obrigatoriamente deste tipo de servizos.
Malia a súa localización, non adoita estar moi concorrida, así que é unha boa opción para gozar da praia sen afastarte do núcleo urbano do Vicedo.
Xa elixiches a túa praia favorita no Vicedo?
Fonte imaxe cabeceira: Concello O Vicedo.