Case 1.600 quilómetros de costa. A comunidade de España con máis quilómetros de costa, mesmo por diante das Canarias. 112 bandeiras azuis este ano 2022. Non imos discutir que as praias de Galicia son variadas e de calidade. Algunhas mesmo saíron na clasificación das mellores do mundo. Foi o xornal "The Guardian" quen nomeou no 2007 a praia de Rodas, nas Illas Cíes, coma a máis fermosa do mundo.
Imos tentar seleccionar 10 das mellores praias galegas, pero tentando facer unha selección variada. Desde as que destacan polo seu tamaño e as súas augas cristalinas, ata as que son pequenas e solitarias sen a afluencia de turistas.
A costa de Galicia agocha todo tipo de areais e agardamos que che guste a listaxe que che preparamos porque non podes perdelas. Imos facer unha viaxe de norte a sur:
1. Praia das Catedrais (Ribadeo-Lugo)
Comezamos pola Galicia setentrional. Polo norte de toda a vida, onde o clima é máis suave. E comezamos por unha praia que máis que a propia praia, é a contorna a que a fai especial e única. Unha das máis visitadas da costa norte galega. A súa escarpada orografía e a verticalidade dos seus impoñentes muros fan das fotos dos seus arcos centenarios un capricho que todo visitante busca. Tanto é así que durante os meses de verán hai que reservar con antelación (gratis) para poder acceder a ela. Iso si, asegúrate antes de que a marea estea baixa para non ter unha sorpresa e chegar alí e non poder pasear.
2. Praia de Covas (Viveiro-Lugo)
Preto da ría de Viveiro seleccionamos unha praia urbana de quilómetro e medio. Praia resgardada, de area fina e na ribeira dos Castelos, unhas rochas impresionantes que destacan na parte máis occidental do areal e que lle dan un toque maxestoso. Praia do norte, de temperatura moderada e chea de visitantes pola súa proximidade a Viveiro.
3. Praia do Caolín (O Vicedo-Lugo)
A súa localización, oculta e pouco transitada, fan que a praia de Caolín, no Vicedo, sexa máis apetecible. Un areal no que non falta nin a espesa vexetación, que fai de refuxio, nin as augas cristalinas e transparentes. Que estea un pouco escondida non quere dicir que non teña todas as comodidades e accesos posibles.
4. Praia de Carnota (Carnota-A Coruña)
Imos agora xa cara á Costa da Morte, á praia máis longa de toda Galicia. A praia de Carnota ten case 7 quilómetros de lonxitude nunha contorna natural envexable: marismas, o alto do monte Pindo e todo tipo de fauna e flora silvestres. Non podemos esquecer a area branca e fina que a cobre.
5. Praia de Area Maior (Muros-A Coruña)
A contorna desta praia é de fantasía. Areal virxe, de fina e branca area situado ao pé do monte Louro e tras el a lagoa de Xalfas, rodeado por unha cadea de dunas e comunicado co mar por unha pequena canle. Os amantes da natureza e dos paseos por contornas naturais quedarán encantados.
6. Praia de Arealonga (Porto do Son-A Coruña)
Tamén é coñecida coma a “Praia do Castro” porque se atopa na zona do centenario Castro de Baroña, o asentamento celta que os expertos cren que foi abandonado no século I d.C. O que caracteriza este areal, ademais da súa area branca e fina e a súa amplitude (35 metros de ancho por 350 metros de lonxitude), é que é unha das praias emblemáticas do nudismo galego, á que se accede tras baixar unha pequena pendente. Aberto ao océano Atlántico, sempre ten unha boa ondada para os amantes do surf.
7. Praias da Illa de Arousa (A Illa de Arousa-Pontevedra)
En pleno corazón das Rías Baixas, en plena Ría de Arousa, a Illa de Arousa é un paraíso cheo de praias de todo tipo. Pequenas e apartadas, amplas e de area fina, medianas e sombrizas, recollidas e de augas cristalinas... Aquí podes atopar todo tipo de areais e todos eles rodeados de natureza e paz.
8. Praia da Lanzada (O Grove-Pontevedra)
É unha das praias máis impresionantes da costa pontevedresa. Entre os concellos do Grove e de Sanxenxo, cunha lonxitude de 2,5 quilómetros de area fina e forte ondada, as súas augas transparentes chaman a atención de visitantes e usuarios/as. Areal apto para pasar o día, facer surf ou practicar todo tipo de deportes acuáticos.
9. Praia de Rodas (Illas Cíes-Pontevedra)
É unha das praias que sempre aparece en todas as clasificacións españolas, europeas e mundiais. Compárase, a maioría das veces, coas praias do Caribe pola súa area fina e a cor esmeralda das súas augas, aínda que algo máis frías que as da costa centroamericana. 1.300 metros de area que unen as illas de Monteagudo e de Faro. Un espectáculo visual para pasar calquera día sen présa...
10. Praia do Vao (Coruxo-Pontevedra)
Rematamos a selección nunhas augas cristalinas de cor verde transparente, con area branca e fina. A baía de Toralla, na zona de Coruxo, a tan só oito quilómetros do centro de Vigo, dános a benvida con esta praia que, aínda que é máis pequena que a súa irmá de Samil, a contorna faina única. Os seus 45 metros de ancho, as dunas e a ponte que conduce á illa privada de Toralla conforman un pequeno mural representativo do que se pode ver neste areal. Sen esquecer que conta cun pequeno monte cunha zona de sombra para descansar ou tomar a merenda.
Dez praias variadas, de toda a costa galega que esperamos que, se non as coñeces, as visites porque non as podes perder. Dende areais nudistas, pequenos e escondidos de augas cristalinas ata amplas e animadas praias, especiais para practicar deporte ou rodeadas de natureza. Escolle a que máis che guste e goza do verán galego.