Pontevedra viste de gala cada ano para recibir o Nadal cun programa repleto de actividades e, sobre todo, cun impresionante despregamento de luces que transforman as súas rúas nun escenario de conto a partir do día 5 de decembro. E á tradicional iluminación súmase un popular mercado do Nadal, Poboado de Nadal, e unha chea de actividades que farán as delicias de toda a familia.

Pontevedra brilla en Nadal. Luces, Poboado de Nadal, Estación do Bosque, pista de xeo, actuacións musicais... Aquí tes a guía imprescindible do Nadal en Pontevedra.

A que hora acenden as luces de Nadal 2025 en Pontevedra?

navidad pontevedra programa
Fonte: Concello de Pontevedra

Pontevedra arranca oficialmente o Nadal co acendido das luces. En 2025, será o venres 5 de decembro ás 19:00 h na Praza de España.

Haberá animación, algunha que outra sorpresa e contará coa Banda de Música de Pontevedra, Conservatorio de Música de Pontevedra e Pasarrúas Ritmos da Vía Láctea.

Como serán as luces de Nadal en Pontevedra 2025-2026

navidad pontevedra luces
Fonte: Concello de Pontevedra

No 2025, sabemos que haberá sorpresas e que unha das grandes novidades da iluminación do Nadal de Pontevedra serán as novas figuras en 3D.

En total, haberá 233 motivos luminosos e 163 arcos. E catro grandes árbores; o máis alto, con 60 metros, estará na Praza de España, e a el súmanse outro de 25 metros e dous de 10 metros.

Completan a decoración do Nadal catro bólas xigantes, a iluminación dos 16 camelios dos Xardíns de Casto Sampedro e os rótulos luminosos instalados nas entradas á cidade e no Parque Municipal de Bombeiros.

Onde ver as luces de Nadal en Pontevedra

Aínda que atopamos luces por gran parte do centro, hai varios puntos neurálxicos onde a decoración do Nadal é especialmente espectacular e que non podes perder:

• Praza de España e Alameda: Este é o epicentro do Nadal en Pontevedra. Aquí adóitanse instalar os grandes elementos decorativos, como as árbores de Nadal monumentais e, na contorna da Alameda, a popular Estación do Bosque e o tobogán "de xeo".

• Praza da Peregrina e Rúa Benito Corbal: As principais zonas comerciais engalánanse con arcos de luces.

Programa Nadal de Pontevedra 2025-2026

Pero o Nadal de Pontevedra é moito máis que luces.

Aquí tes un resumo do máis destacado:

• Recepción de Papá Noel: Os nenos e nenas de Pontevedra teñen cita con Santa Claus o día 24 de decembro ao mediodía.

• O Apalpador, acompañado pola Banda do Monte Furado, realiza pasarrúas itinerantes por diferentes rúas da cidade.

• Cabalgata dos Reis Magos: O gran broche final das festas ten lugar o día 5 de xaneiro. A Cabalgata percorre as principais rúas da cidade (Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, etc.). A recepción oficial das súas Maxestades será por primeira vez no Salón de Plenos do Concello ás 11:00 h.

• Nadal no Mercado: O Mercado de Abastos acolle talleres creativos sobre botánica, mini kokedama ou poinsetia.

E, ademais, Poboado de Nadal, Estación do Bosque, animación e música, Nadal nos barrios. Agora che contamos máis detalles destas actividades imprescindibles no Nadal de Pontevedra.

Poboado de Nadal: o mercado de Nadal de Pontevedra

navidad pontevedra poboado mercado
Fonte: Concello de Pontevedra

A Praza da Ferraría acolle do 5 de decembro ao 5 de xaneiro o tradicional mercado de artesanía e agasallo coñecido como Poboado de Nadal.

Que podes atopar neste mercado do Nadal?

Artesanía Galega e produtos feitos a man, como xoias, cerámica, téxtil e todo tipo de elementos para a decoración do Nadal. Tamén produtos gourmet, repostería do Nadal, licores típicos ou conservas.

Estación do Bosque no Nadal 2025 - 2026 de Pontevedra

Os máis pequenos teñen cita na Estación do Bosque, un gran espazo de lecer familiar distribuído en tres lugares, Praza de España, Montero Ríos e Alameda, e que está integrado por Estación de Xogos, Tirolesa e Pista de xeo.

Horario Estación de Xogos e Tirolesa
  • 5 ao 18 de decembro: 16:15 a 19:30 h.
  • 19 de decembro ao 3 de xaneiro: 11.45 a 14.00 h e 16.15 a 19.30 h.

Na Estación do Bosque atopamos tamén a pista de xeo. Situada en Montero Ríos, a pista de xeo é un dos grandes reclamos do Nadal de Pontevedra. Tes nestoutro post do noso blog toda a información sobre os seus horarios, prezos e demais.

Ten en conta que para poder acceder á Estación do Bosque debes presentar un ticket de compra nalgún comercio local de Pontevedra.

Animación e música nas rúas no Nadal 2025-2026 en Pontevedra

navidad pontevedra concierto
Fonte: Concello de Pontevedra

A programación de Nadal 2025 -2026 de Pontevedra inclúe tamén música e animación na rúas, con pasarrúas, espectáculos de maxia, teatro e talleres gratuítos repartidos polo centro histórico e diferentes barrios.

Podes aprender a facer coroas de Nadal, acudir a talleres de cerámica ou gozar do Circo Krasnovarak.

Tamén escoitar jazz, coas actuacións de Sunil López Trío ou Gloria Pavía & Rafa Moraes.

Ou gozar das Danzas de Reis o día 3 e dos Cantos de Reis o día 4 de xaneiro.

Axenda cultural Nadal 2025 - 2026 de Pontevedra

Doutra banda, non perdas de vista a axenda do Teatro Principal e do Pazo da Cultura, onde podes gozar de música, cinema ou panxoliñas e dos tradicionais concertos de Nadal e Aninovo.

Na axenda de Nadal 2025 - 2026 de Pontevedra destacan dúas citas: o día 9 de decembro, poderás ver no Teatro Principal un dos ballets máis populares, "El Cascanueces"; e o 30 de decembro, Os Bolechas estarán noTeatro Principal.

Sobresaen tamén dous nomes propios: Carlos Núñez e Café Quijano, que actuarán os días 20 de decembro e 11 de xaneiro, respectivamente.

Non perdas tampouco a exposición "Do final e do comezo" no Pazo da Cultura.

Nadal 2025 - 2026 de Pontevedra nos barrios

Ademais, o Nadal tamén chega aos centros culturais e locais sociais de barrios e parroquias, a través de diferentes actividades que teñen lugar entre decembro e xaneiro. Teatro, maxia, contacontos...

O Nadal é momento de diversión pero tamén de solidariedade. E o toque máis solidario encárnao o programa (en)Volve, organizado polo Concello, para que ningún neno ou nena en situación de risco de exclusión social quede sen agasallo este Nadal. Podes inscribirte na campaña 2025 do programa (en)Volve cubrindo este formulario.

Preparado para gozar do Nadal 2025 - 2026 en Pontevedra? Bo Nadal!

Imaxe cabeceira: Concello de Pontevedra.