Es de burgers clásicas, hamburguesas gourmet ou prefires opcións máis innovadoras? Quizais propostas vexetarianas. Sexa cal for a túa preferencia, en Vigo atoparala. Aquí tes unha recompilación de locais nos que desfrutar das mellores hamburguesas en Vigo.
En Vigo, a hamburguesa é toda unha arte. Hai locais que prefiren o clásico, con materia prima local e de calidade; outros establecementos apostan pola fusión e pola innovación. Ti elixes. Pola nosa banda, aquí tes unha listaxe das hamburgueserías imprescindibles en Vigo.
La Pepita
La Pepita ou como darlle a volta á hamburguesa de toda a vida e triunfar no intento.
Unha aposta por carne de primeira feita á grella e acompañada de ingredientes frescos e sorprendentes, con ata dez opcións diferentes de queixos, deliciosas patacas de iuca e salsas que son receitas orixinais do local.
Que dicir do pan: fresco, artesanal, con masa nai e enfornado cada día por panadeiros locais.
Tamén hai opcións sen glute nesta hamburguesería aberta en Vigo en 2012 (foi a primeira burger gourmet) e que hoxe xa conta con tres establecementos.
Pits
Pits ten dous locais en Vigo. Un está no centro e outro na zona de Bouzas.
En ambos os dous, non faltan as hamburguesas smash salvaxes, ao estilo americano, pero elaboradas con carne galega madurada, a Roxa D’ouro Dry-Aged.
As salsas, exclusivas do local; os encurtidos Pits, artesanais e con receita secreta da avoa.
Non deixes de acompañar as hamburguesas coa cervexa artesanal Pits, a cervexa quilómetro 0 feita en Vigo e servida directamente, sen filtros nin conservantes.
Caracuchos
Caracuchos aposta nas súas hamburguesas por un "sabor furiosamente divertido". A fusión de sabores latinos e europeos consegue unhas mesturas moi orixinais que contan con lexión de fans.
As fins de semana, hai Sugar Burgers, con versións "Dálmata", "Atrevida" ou "Cuadrada".
E todos os días, o seu grande éxito: "La Chiqui", elixida a terceira "Mellor Hamburguesa de Galicia" en 2023, a base de carne de vaca vella e con redución de whisky incorporada.
As hamburguesas convértense nunha "delicatessen gastronómica" que podes degustar nos dous locais de Caracuchos en Vigo, na rúa Sevilla e na rúa Canceleiro, ou no teu propio domicilio.
Berty\'s
As hamburguesas gourmet de Berty's son un clásico en Vigo dende a súa inauguración, en pleno centro da cidade, no ano 2016.
Na súa carta, non faltan as opcións de polo, como "Chicken Truffle"; as ideais para os máis carnívoros, como "Gonssuri", con 180 gramos de carne 100% vacún; alternativas para os que prefiren algo máis vexetal, como a "Green Burguer"; e, por suposto, a especial da casa, Berty's (e a súa salsa caseira). Todas elas ofrecen a opción de elixir pan sen glute.
Baruta
Apetéceche unha hamburguesa con toque latino? O "punch da sazón venezolana" é o que converteu a Baruta nun templo das hamburguesas na cidade olívica.
Utilizan pan brioche artesanal e carne de Galicia, unidos en propostas orixinais como as "Stuffed Burgers".
Baruta é un habitual dos certames gastronómicos, como o Campionato de España de Hamburguesas, e está situado en pleno corazón da cidade.
Veggie Burger Vigo
En Vigo tamén hai espazo para as burgers veganas. Ese lugar é Veggie Burger.
Alí espérante un bo lote de opcións vexetarianas, acompañadas con queixo e touciño vegano.
Entre as súas especialidades, "Beyond Burger Mexicana", con chili 100% vegano a base de millo e feixóns; a "Beyond Burger Italiana", con mortadela vegana; ou a "Burger Kalamar", con todo o sabor do mar e salsa cítrica, pero respectuosa co coidado animal.
Rayos y Centellas
Rayos y Centellas é unha sandwichería e tamén unha das hamburgueserías máis populares de Vigo.
Un dos segredos do seu éxito é o tamaño XXL das súas hamburguesas.
Resultan impoñentes a "Hamburguesa la Rocket" ou a "Hamburguesa de Buey", pola súa envergadura, e pola calidade da súa carne.
Ademais, o local dispón de múltiples opcións de menús e complementos.
Leyenda Burguer
Esencia americana e autenticidade galega, con chuletón de vaca. Así son as hamburguesas de Leyenda Burguer, todo un referente da gastronomía viguesa.
Nos seus dous locais, hai opcións para diferentes gustos e apetitos: "Dinamita", con pico de galo crocante; "Jaiteira", con lacón; "La Cabrona", con rulo de cabra á prancha...
Todas as hamburguesas sérvense acompañadas da gornición que ti elixas.
Efímero Vigo
Efímero Vigo aposta polas hamburguesas de edición limitada; é dicir, cada 30 días tes unha nova burger na súa oferta. E podes atopar burgers creadas por Yayo Daporta ou Maruja Limón.
Así que a mellor opción é que fagas a túa reserva da hamburguesa do momento e pases a degustala no local de Efímero Vigo, aberto no 2024 na rúa Rosalía de Castro.
La Urbana
La Urbana é unha burger de autor e aposta por hamburguesas artesás que se afastan da industrialización.
Ofrecen hamburguesas delicatessen para os máis devotos da carne, deseñadas e asinadas por renombrados cociñeiros, e pezas frescas de carne 100% raza galega.
Tamén hai opcións veggies.
Así de variada e apetitosa é a oferta de hamburguesas en Vigo. Bo proveito!