En xuño celebramos as xornadas R sobre transformación dixital nas empresas, ás que acudiron 220 clientes para coñecer casos prácticos de grandes referentes galegos e tamén para aprender máis dun especialista de recoñecido prestixio como Marc Vidal.
Ademais, participaron David Hurtado, Microsoft Technology Strategist (quen falou sobre a intelixencia artificial como panca de transformación), Nuria Alonso, Directora de Tecnoloxía e Transformación Dixital de Estrella Galicia e Antonio Sartal, Asesor tecnolóxico de Jealsa Rianxeira.
Marc Vidal
O primeiro en abrir as xornadas foi o coñecido consultor en transformación e estratexia dixital, Marc Vidal. O divulgador falou da importancia en recoñecer os momentos de disrupción para a nosa empresa ou sector, que é cando debemos tomar decisións. Normalmente as empresas tenden a non facer nada porque pensan:
- Que facemos co que temos?
- Realmente isto novo lle vai interesar a alguén?
- Se damos o paso de transformarnos, podemos darlle pistas á competencia.
Un dos exemplos que puxo foi o de Kodak, que a pesar de ter a patente das cámaras dixitais non soubo entender os cambios que se producían no seu sector e, cando quixeron reaccionar, foi tarde.
Vidal insistiu en que non é mesmo dixitalizarse que transformarse dixitalmente. O segundo implica que vas ter novos clientes, procesos, negocios e habilidades na xestión. Ademais, o cliente ten que estar no centro da cadea de valor.
Por último, Marc Vidal recordou que ante os novos retos ou desafíos podemos sumarnos ou ben permanecer como espectadores. A decisión está na nosa man.
David Hurtado, de Microsoft
Dende Microsoft falaron sobre as ferramentas dispoñibles para axudar na transformación dixital. En concreto, falou das utilidades prácticas da intelixencia artificial e da minería do coñecemento.
O Technology Strategist de Microsfot, David Hurtado, puxo varios exemplos de como varias empresas se están a beneficiar dos avances na tecnoloxía. Un dos casos que expuxo foi o dun viñedo moi conectado e sensorizado, pero iso non o tiña unido coa información da adega. Unha vez que uniron os datos, podían actuar e tomar decisións de forma preditiva: podían organizarse mellor a nivel loxístico, saber con antelación os tempos de traballo...
Noutro caso, falou dunha entidade bancaria con 12 persoas analizando reclamacións, saturadas só lendo e clasificando o que lles chegaba. Grazas á minería do coñecemento, o sistema facía automaticamente ese proceso, co que agora poden xestionar adecuadamente o seu traballo e pensar nos clientes e nas súas queixas.
Nuria Alonso, de Estrella Galicia
Pola súa banda, Nuria Alonso, Directora de Tecnoloxía e Transformación Dixital, explicou como foi o proceso de transformación dixital da compañía. O seu obxectivo é optimizar ao máximo o escenario que tiñan, investir en novos modelos de negocios, en facer as cousas de xeito diferente e contaxiar os cambios a toda a organización.
O salto na empresa galega produciuse cando o seu CEO, Ignacio Rivera, incorporou como CDO a JJ Delgado, directivo en Amazon, para acelerar o proceso de dixitalización. A día de hoxe incluso teñen un programa de emprendemento colaborativo, The Hop e outro de intraemprendemento (onde os empregados poden enviar os seus proxectos e incluso desenvolvelos). Colaboran cos eSports e mesmo foron pioneiros aplicando a intelixencia artificial, integrando o seu negocio en Alexa ou co establecemento de modelos preditivos.
Antonio Sartal, Jealsa Rianxeira
Un dos grandes retos que tiña Jealsa, segundo Antonio Sartal (antigo director de I+D da conserveira e actual asesor tecnolóxico da empresa afincada en Boiro) era facer máis con menos e ser máis eficaces.
Sartal explicou que o fundamental en cada empresa é facerse as preguntadas e despois ir a solucións. Indicou que é necesario que se perda o medo a analizar os datos e falou de como no caso de Jealsa se tratou de levar toda a información que tiñan nos diferentes procesos (almacén, produción, trazabilidade...) á nube. Grazas á solución de Mileva teñen unha visión global que lles permite aos profesionais da compañía tomar decisións de forma máis exitosa.
Jorge Fernández
Tras unha mesa redonda onde participaron todos os relatos e o noso director, Alfredo Ramos, o director de empresas de R, Jorge Ferández, falou da necesidade de ter partners que permitan que as empresas poidan afrontar de forma adecuada a súa transformación dixital.
R non só conta con socios de primeiro nivel, como Microsoft ou Mileva, senón que dispón de diferentes datacenters que permiten acceder á informar na nube dun xeito totalmente seguro e replicado. Toda unha garantía para quen busca avanzar cara unha empresa máis áxil e eficaz.