Despois das vacacións toca a volta á rutina, e como non, ao traballo. A volta é dura, xa o sabemos, pero acadar a concentración de boas a primeiras tamén vai ser difícil. Pero ánimo que o vas conseguir.
A concentración marca a diferencia entre facer ben ou menos ben o traballo. Se es dos que che custa concentrarte de vez en cando, aí van algúns consellos para desconectar do mundo mundial durante a xornada laboral.
Consellos
- Descansa ben durante a noite. Está claro que hai veces que non pode ser porque o neno chora, o veciño fai ruído ou simplemente porque Morfeo non te visitou esa noite.
- Planifica a xornada de traballo nun xestor de tarefas ou nunha libretiña e prioriza un proxecto principal, e logo as outras tarefas menos urxentes.
- Fai pausas breves para dar un paseo, ir ao baño ou beber un vaso de auga. Recorda que non somos máquinas e as nosas mentes téñense que osixenar, pero non demasiado tempo que che faga esquecer a tarefa que estabas a facer.
- Fai as tarefas máis complicadas ao comezo do día que é cando máis enerxía tes. E logo continúa coas menos complicadas e prioritarias.
- Evita a multitarefa. Fai unha detrás de outra, porque se andas cambiando a marxe de erro é máis elevada e vaste volver tolo .
- Dedica un tempo a responder os correos e os chats, pero cando te poñas “ao allo” desconecta. Logo entre tarefa e tarefa podes contestar as mensaxes.
- Á hora de xantar recorda non abusar de alimentos pesados. A razón é que van facer que despois che pese a barriga, teñas sono e non sexas capaz de seguir coa concentración no traballo.
Ladróns de tempo
Son moitos pero o principal é o móbil. Róubache moito tempo contestar ao Whatsapp, consultar as redes sociais, mirar a app do tempo ou o que diantres fagas todo o día pegado á pantalla do móbil. Así que o mellor nestes casos é que cando chegues ao posto de traballo, silencies ao móbil e o deixes na mochila ou nun caixón. Consúltao un par de veces durante a xornada por se tes algún aviso importante.
As interrupcións telefónicas ou as conversacións cos compañeiros (aínda que sexan de traballo) tamén rouban moito tempo. Así que é mellor dicir que nese momento non podes atendelos, a non ser que sexa moi moi urxente, e falar con eles máis tarde coa máxima concentración.
O ruído que se produce no teu lugar de traballo vai facer que te desconcentres e perdas tempo de traballo. Así que se es dos que te concentras con música xa o tes moi fácil, pos os cascos e a túa música preferida e xa está. Pero se non es deses tes tres opcións: ir traballar a outro punto da oficina, poñer uns tapóns nos oídos ou poñer uns cascos moi ben illados.
E ti, tes algún truco para concentrarte mellor no traballo?
Imaxe de rawpixel.com