A tecnoloxía 5G está a cambiar a nosa forma de comunicarnos e, ademais, é a primeira tecnoloxía móbil deseñada pensando en diferentes usos empresariais.
No noso día a día, fai posible que obxectos cotiáns, dende a neveira ata os automóbiles, poidan conectarse, connosco e entre si, en tempo real. Para as empresas, é unha grande oportunidade tecnolóxica aplicable aos diferentes sectores e que xa se plasma na práctica en múltiples casos de uso.
A tecnoloxía 5G require realizar as despregaduras de fibra ata o nodo e moita densidade de nodos pero, neste caso, España sitúase nunha posición privilexiada xa que é a zona co despregamento de fibra máis extenso de Europa. En Galicia, en concreto, xa poden gozar desta tecnoloxía máis do 70% dos/as galegos/as, grazas a R, e prevese alcanzar o 98% a finais deste ano 2023.
Os operadores de telecomunicacións estamos a prepararnos para que as empresas aproveitedes todas as vantaxes que supón o 5G adaptando e mellorando a nosa rede e establecendo alianzas e estratexias, ao mesmo tempo que a lexislación e a administración pública avanzan na resolución de temas aínda pendentes, como as licitacións de banda ou a normativa en materia de seguridade.
Pero o 5G é xa unha realidade e non só representa unha revolución para o mundo das telecomunicacións. Chega cargado de vantaxes, novidades e posibilidades para practicamente todos os sectores.
Vantaxes da tecnoloxía 5G para as empresas
A tecnoloxía 5G, a quinta xeración de redes móbiles, proporciona altas velocidades de transmisión e coberturas máis amplas e achega a fiabilidade e unha latencia mínima necesarias para que as empresas desenvolvades con éxito solucións en tempo real.
- Velocidade. Un ancho de banda ata 100 veces maior que coa tecnoloxía actual que multiplica a velocidade de internet ao navegar ou subir e compartir arquivos entre o persoal.
- Capacidade. Permite que máis dispositivos e empregados/as estean conectados/as e/ou traballando á vez. Unha maior capacidade de concorrencia de dispositivos conectados simultaneamente vinculada á fiabilidade da comunicación sen fios.
- Baixa latencia. O tempo de resposta da rede redúcese significativamente, o cal se traduce en máis posibilidades para aplicacións en tempo real. A telemedicina ou os medios de comunicación xa se están a beneficiar destas vantaxes.
- Alta dispoñibilidade, fiabilidade, resiliencia e seguridade. As conexións da vosa empresa están máis protexidas e ofrecen un menor número de erros.
- Menor consumo de enerxía, o que amplía a duración e durabilidade das baterías.
Sectores de aplicación da tecnoloxía 5G
Biociencia e saúde, enerxía e medioambiente, aeronáutica, educación e formación, automoción, electrónica, innovación... Son moitos os sectores de aplicación da tecnoloxía 5G.
O 5G xoga un papel relevante como tecnoloxía habilitadora que permite manexar inxentes cantidades de datos; é dicir, é unha ferramenta idónea para controlar procesos produtivos, realizar análises detalladas en tempo real, xestionar fluxos de actividade, mercadorías e predicir riscos que permiten tomar decisións rápidas nunha industria ou fábrica.
Outro bo exemplo é o sector do transporte. O 5G permite mellorar as conexións internas entre vehículos e os sistemas centrais para, por exemplo, ter máis información sobre o estado de trens ou autobuses en cada momento, a demanda, puntualidade ou incidencias e transmitir maior cantidade de datos en tempo real que permiten coñecer de primeira man o volume de consumo dos usuarios, en lugar de tomar decisións de forma reactiva.
Sen esquecer o seu papel transcendental no funcionamento dos vehículos autonómos. A día de hoxe, multiplicáronse as solucións de IoT conectadas mediante 5G (navegación, entretemento, servizos remotos, sistemas de videovixilancia...).
No sector da enerxía, as compañías eléctricas son á vez usuarias e habilitadoras da tecnoloxía. Xa se levaron ás práctica solucións baseadas no telecontrol remoto de equipamento eléctrico en subestacións e centros de transformación para operar a rede eléctrica de forma centralizada ou teleprotección de liñas eléctricas para que, de ser necesario, se illen de forma efectiva e se evite a propagación de problemas na rede.
A realidade aumentada é outro dos sectores que xa lle está a tirar partido á tecnoloxía 5G, pois permite empregar algoritmos avanzados de realidade aumentada sen aumentar significativamente o consumo de batería, o cal os fai máis lixeiros e baratos. Así, as empresas poden beneficiarse de capturas en vídeo de alta calidade ou canles de audio aberto para guialas en operacións de uso cotián.
Aos poucos, vanse sumando máis proxectos e solucións que fan uso da tecnoloxía 5G para aumentar a produtividade e a competitividade das empresas.
E en R seguimos traballando para ampliar a nosa despregadura da tecnoloxía 5G de tal xeito que poidades levar á práctica as súas vantaxes.
Neste webinar, titulado "5G, o impulso da transformación dixital", dámosvos máis información sobre como esta tecnoloxía pode axudarvos na dixitalización das vosas empresas.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario.