Institucións públicas, axentes sociais e empresas traballan pensando nun horizonte que demandará persoas formadas e cualificadas en contornas dixitais que sexan capaces, ademais, de sumar os seus propios coñecementos e aptitudes ao potencial e 'intelixencia' das máquinas.

Así o recolle o Dictame do Comité Económico e Social Europeo sobre 'Digitalización, IA y Equidad — Cómo fortalecer la UE en la carrera mundial de las futuras capacidades y educación, al tiempo que se garantiza la inclusión social'.

A cooperación, clave para a UE

O CESE (Comité Económico e Social Europeo) considera que unha cooperación intensa entre os Estados membros é esencial para triunfar na carreira mundial. Debería fomentarse a creación de redes entre universidades europeas co fin de mellorar as competencias relacionadas coa IA (Inteligencia Artificial). Así mesmo, é preciso aumentar a cooperación no ámbito da formación profesional, apoiar as reformas necesarias, o intercambio transfronteirizo e a cooperación en materia de educación e formación, incluída a reciclaxe dos traballadores para superar a transición dixital.

Todo iso sen perder de vista a inclusión: todo o mundo debe contar con acceso a tecnoloxías dixitais e de IA, así como ás capacidades necesarias, con independencia do xénero, a idade e a orixe socioeconómica.

R, aliado para a transformación dixital

A importancia de mellorar as capacidades e competencias en dixitalización e IA foi tamén o eixo do relatorio impartido recentemente polo conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García, co título 'Traballo novo e formación profesional. Os efectos da automatización, como pode afectar ao mercado laboral a robótica e o Internet das Cousas?'.

O conselleiro delegado do Grupo Euskaltel lembrounos que estamos nun momento que pasará á historia e temos a sorte de ser actores protagonistas, mesmo de asumir un rol influínte. E en calquera momento de grandes cambios hai que decidir: ou defendemos o status quo anterior ou sumámonos á nova corrente. Como asesor e facilitador tecnolóxico, o grupo Euskaltel aposta por esta revolución dixital que vai modificar por completo a nosa sociedade tal e como hoxe a coñecemos.

Debemos ser conscientes de que a oferta educativa e laboral cambiará nos próximos 20 anos. E gran parte deses cambios virán derivados do impulso da tecnoloxía e da Intelixencia Artificial. É certo: moitos dos traballos actuais quedarán obsoletos e desaparecerán, sendo substituídos pola automatización deses procesos, pero isto non debe verse como unha ameaza senón como unha grande oportunidade que abre as portas de par a par a novos roles profesionais que traerán consigo o reto de vivir nunha aprendizaxe permanente.

Un mundo no que todo está conectado

O grupo Euskaltel leva décadas 'conectando' nos territorios nos que operan as súas tres marcas: Euskaltel en Euskadi, R en Galicia e Telecable en Asturias. Falamos de conectar as persoas, conectar os nosos fogares, conectar as nosas empresas e agora sumámonos tamén a conectar cousas co IoT (Internet das Cousas) desenvolvendo unha plataforma propia de IoT e de Big Data.

Home e máquina deben convivir social e laboralmente. Non son excluíntes: as máquinas poden xestionar grandes volumes de datos ou facer bos razoamentos estatísticos pero só os seres humanos somos capaces de xestionar algo tan necesario e complexo como o sentido común, as actitudes ou a cultura corporativa.

En definitiva, o profesional do futuro reunirá pensamento crítico, intelixencia social, perfil creativo e grande afán innovador.