Que tendencias tecnolóxicas están a marcar a actualidade? Cales son os principais retos que vos atopades as empresas na vosa transformación dixital?
Entre o 4 e o 8 de marzo, celebramos, xunto a expertos de empresas tecnolóxicas punteiras a nivel mundial, a 3ª edición da Semana das tendencias e infraestruturas TIC, unha maneira de achegarnos ás principais tendencias, o futuro e os retos do sector en plena era da dixitalización.
Especialistas de Fortinet, Aruba, Microsoft, Ozona e Commvault ofreceron a súa visión estratéxica do actual escenario tecnolóxico en sesións dixitais de 30 minutos ás que se podía acceder de maneira gratuíta en liña, previa inscrición, a través da plataforma Microsoft Teams.
Na nosa Semana das tendencias e infraestruturas TIC abordáronse temas como a ciberseguridade, a conectividade, a Intelixencia Artificial, o teletraballo e a seguridade dos datos na nube.
Fortinet: O futuro da seguridade da rede na nube
A primeira sesión da Semana das tendencias e infraestruturas TIC, o luns 4 de marzo, correu a cargo de Iñaki Quintanilla, enxeñeiro de sistemas de Fortinet.
Abordou a integración da seguridade do cloud co posto de traballo nunha contorna actual cun ecosistema "moi, moi, moi distribuído tanto de usuarios como de aplicacións".
En concreto, falou de como estender a seguridade dende o perímetro cara á LAN/WLAN para ter visibilidade de todos os activos conectados e como aplicar mecanismos de protección avanzada cun sistema de detección e resposta a incidentes baseado en Machine Learning.
Así se consegue integrar seguridade, visibilidade e control da nube no posto de traballo e pódense simplificar as operacións, baixar os custos e mellorar tanto a experiencia de usuario/a como o rendemento das aplicacións, independentemente de como ou onde se conecten os/as diferentes usuarios/as da empresa.
Aruba: A Directiva NIS2 e a ciberseguridade
O martes 5 de marzo foi a quenda de Aruba, empresa líder en solucións Wireless LAN en contornas empresariais.
O enxeñeiro de sistemas Ángel de la Encarnación analizou presente e futuro da tecnoloxía da conectividade na empresa e como conseguir a axilidade e a resiliencia necesarias nos negocios para adoptar novas capacidades e procesos apoiados na tecnoloxía.
Ángel detívose especialmente na Directiva NIS2, a máis recente lexislación en materia de ciberseguridade da UE. A partir da obrigatoriedade para os países de definir e identificar as que serían as súas empresas esenciais, Europa quere marcar unha ciberseguridade completa, dende que se fai un produto ata que se lle entrega ao público, e aí entran en escena as solucións "edge" de seguridade de Aruba, grazas ás cales cada empresa terá o seu propio nivel de seguridade, adaptado ás súas necesidades e tamaño.
Microsoft: IA xenerativa no posto de traballo
A Semana das tendencias e infraestruturas TIC continuou o mércores 6 de marzo co relatorio de Antonio Cruz, Senior Customer Success Manager de Microsoft.
Antonio abordou a incorporación da IA xenerativa ao posto de traballo e como as ferramentas de Microsoft fan dese posto flexible unha realidade para enfrontarse ás novas problemáticas xurdidas; por exemplo, a gran carga dixital que hai nas empresas ou o descoñecemento sobre como modificar e adaptar o uso das ferramentas.
Así, realizou un repaso aos retos e oportunidades que ofrece Microsoft 365 Copilot para as organizacións e os/as seus/súas responsables de Tecnoloxías da Información.
Na práctica, as empresas son máis produtivas, conseguen aumentar a calidade do traballo dada a alta capacidade de análise das ferramentas que utilizan IA e, ademais, conseguen que os/as empregados/as estean satisfeitos/as co seu uso, as vexan útiles e queiran seguir utilizándoas.
Ozona: Seguridade, dispoñibilidade e flexibilidade en tempos de teletraballo
O Chief Technology Office de Ozona, Marcos Paredes, foi o relator da xornada do xoves 7 de marzo.
Nos últimos tempos, todo o que era o perímetro de control dos departamentos de IT foise difuminando pola aparición das contornas de nube pública, nube híbrida e dispersión de aplicacións, pero tamén pola necesidade de teletraballo, puntual ou permanente.
Isto lévanos a modelos moito máis abertos e flexibles nos que se prioriza, por suposto, a produtividade e a experiencia de usuario/a. Pero non podemos esquecernos de establecer as políticas de control e de seguridade necesarias, máis aínda cando os ciberataques non deixan de medrar.
Ante este panorama, Ozona aposta por Desktop As a Service, unha solución que reforza a eficiencia e a seguridade da empresa e proporciona, á súa vez, un control do rendemento das aplicacións e do/a traballador/a.
Commvault: Datos vs Intelixencia Artificial
Juan Esquivel, Sales Engineer de Commvault, abordou o venres 8 de marzo a xestión do dato como activo estratéxico clave nas compañías agora sometido a ameazas maiores polo auxe do Machine Learning e a IA Xenerativa. Así que se fai necesario un novo enfoque que consolide, racionalice e lles permita aos CISO e ás Tecnoloxías da Información tomar a dianteira.
Commvault ofrece solucións tecnolóxicas de Intelixencia Artificial que brindan seguridade nativa dos datos na nube para combater os riscos e perigos derivados do propio uso da IA.
Ao longo destas cinco xornadas, na Semana das tendencias e infraestruturas TIC achegámonos ás tendencias tecnolóxicas máis disruptivas da actualidade. É a nosa maneira de axudarvos ás empresas galegas a analizar os retos derivados da dixitalización e a optimizar a vosa competitividade en calquera mercado a nivel mundial.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.