A educación, alicerce esencial da nosa sociedade, vive momentos de incerteza, cos alumnos confinados na casa dende hai máis de catro semanas. Cando e como acabará este curso escolar? Posiblemente haberá que completalo, total ou parcialmente, por medios telemáticos, o que nos sitúa ante un reto enorme e descoñecido, inédito nas nosas vidas. A tecnoloxía eríxese, agora máis que nunca, na grande aliada para paliar, polo menos en parte, o problema; pero con ela faise evidente a fenda dixital que revela, de novo, a carencia de recursos -tamén tecnolóxicos- nunha parte dos fogares da nosa contorna. Ninguén pode quedar atrás no terreo da educación por mor da crise sanitaria que nos atafega dende hai semanas. Así o entendemos as empresas e tamén a Administración Pública.
Ao fío de todo isto, a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha acción pensada para que un total de 1.000 familias reciban, cada unha delas, un computador, e poidan acceder canto antes a contidos e comunicacións académicas. En R unímonos a esta iniciativa coa achega de 200 tarxetas SIM de 50 xigas cada unha para que o alumnado poida conectarse á rede. A idea é facilitar o seguimento do curso escolar e garantirlles aos/as alumnos/as máis desfavorecidos/as un apoio inmediato a través de ferramentas tecnolóxicas que lles permitan traballar en liña nas súas casas.
Tamén abrimos wificlientes R, a maior rede wifi de Galicia, a 300 novos/as usuarios/as que poderán así navegar e conectarse dende calquera dos máis de 130.000 puntos wifi distribuídos por toda a comunidade galega.
O certo é que esta crise aféctanos a todos: particulares, empresas, mozos/as e maiores. Conscientes disto, adoptamos igualmente outras medidas para axudar a soportar un pouco mellor as restricións impostas polo estado de alarma:
• Abrimos a nosa aplicación de televisión tv comigo para todas as persoas hospitalizadas, sexan ou non clientes de R
• Ofrecémoslles en aberto e sen custo todas as canles infantís e de cine aos nosos clientes
•Regalamos un bono gratuíto mensual de 30 xigas de móbilR
Traballamos cada día, en definitiva, para poñer a nosa tecnoloxía ao servizo de toda a sociedade e especialmente daqueles que máis o necesitan; porque estamos convencidos de que esta crise só a superaremos se permanecemos unidos.