De todos é sabido que os galegos somos xente emprendedora. Un pobo emigrante por necesidade, xentes do mar, e da terra, afeitas a facer fronte ás dificultades con bravura e arrestos, sempre. Xente creativa, tamén. En fin, que non é porque o digamos nós... tan só hai que botar unha visual ao mundo da empresa galega para ver que temos inxentes exemplos do que estamos a contar. Así que podemos presumir, cremos, de estaren abertos, en Galicia, a novas ideas, suxestións e propostas; de seren un pobo emprendedor, vaia.

Seica por iso un evento da relevancia da Startup Europe Week elixiu dúas cidades galegas (A Coruña e Lalín) para formar parte do grupo de urbes europeas que participan na celebración.

Dende esta mesma semana e ata finais de mes desenvolverase esta iniciativa da Comisión Europea, tal vez o maior evento do continente nesta liña, e cuxo obxectivo é informar e sensibilizar sobre o emprendemento en Europa a través de obradorios, conferencias e outras actividades nun total de 350 cidades europeas.

Velaquí a información que che pode interesar sobre o que se vai facer en Galicia:

Na Coruña

Cando: 4 de Febreiro de 2016 de 11:30 h a 13:30 h

Onde: Sala Juanjo Gallo (6ª planta) - Deputación da Coruña (rúa Alférez Provisional nº2, 15003-A Coruña)

Promovido pola Deputación de A Coruña, o encontro é gratuíto e contará coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia, o IGAPE, ABANCA, o Bufete Pintos & Salgado Abogados, IP Global, ConfirmSign.com e The Bio Factory.

Durante o evento explicaráselles aos asistentes as diferentes formas de financiamento coas que conta un emprendedor a nivel europeo, autonómico, provincial e privado. Tamén terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de tres iniciativas empresarias: ConfirmSign.com, IP Global e The Bio Factory. No programa do evento contas con máis información e neste enlace podédeste inscribir.

En Lalín

Cando: 24-25 de febreiro de 2016, de 09:30 h a 14:30 h

Onde: Viveiro de empresas de Lalín. Polígono industrial Lalín 2000 e Viveiro de empresas de Barro-Meis. Polígono industrial de Barro-Meis.

Promovido pola Deputación de Pontevedra, o encontro é gratuíto e contará coa colaboración da Fundación INCYDE, Cámara de Comercio de Pontevedra, Finnova Regio, Lola Palacios, KPMG e Innovation Segittur.

Os asistentes visitarán as instalacións dos viveiros. Ademais terán lugar diferentes conferencias sobre programas de aceleración do emprendemento da Unión Europea. Contas con máis información do evento no programa do día 24 e do día 25. Deixámosche tamén unha ligazón coa folla de inscrición por se te animas a ir.

Emprender é un camiño difícil e cheo de adversidades. Iniciativas coma esta permítenlles aos novos emprendedores coñecer diferentes redes de financiamento e dánlles a oportunidade de contactar con outras persoas na mesma situación que eles. Oxalá que lle poidas tirar partido a esta información e mesmo asistir a algún destes encontros. E xa nos contarás!