Hai moitas formas de coñecer que pensan da vosa empresa, produtos e servizos os/as clientes/as, e os/as que aínda non o son.
Focus Group, estudos observacionais en campo ou redes sociais (cada vez máis demandados), probas de campo, análise da competencia, avaliacións proxectivas... Pero, nos últimos tempos, unha opción que se converteu nunha das máis usadas por ser eficaz, rápida, non requirir demasiados recursos nin implicar grandes custos son as enquisas e estatísticas en liña.
Para empezar, crear unha enquisa en liña é sinxelo, inmediato, personalizable e permítevos recoller moita información útil.
No mercado existen diferentes opcións entre as que podedes elixir en función do voso tamaño ou necesidades pero, en calquera caso, asegurádevos sempre de que a plataforma ousoftware cumpra coa normativa vixente en materia de protección de datos e sede transparentes cos usuarios, pedíndolles o seu consentimento e explicándolles o obxectivo das vosas preguntas e o uso que ides facer das súas respostas.
Pola nosa banda, recompilamos aquí algunhas das ferramentas e apps en uso a día de hoxe.
Visitor Analytics
Visitor Analytics é unha aplicación de análise todo nun que realiza seguimento e analiza estatísticas e visitantes na mesma aplicación. É compatible con case calquera sitio web e procesa os datos de maneira instantánea.
Conta con detalladas estatísticas de tráfico do sitio web e con gravacións de sesións de visitantes, mapas de calor e embudes de conversión.
Survey Monkey
Survey Monkey é un dos software máis populares, especialmente polas súas múltiples posibilidades: permite crear enquisas con fichas certificadas por métodos especializados, realizar investigacións de mercado e, a nivel interno, coñecer o que os/as vosos/as empregados/as opinan da empresa.
As enquisas de investigación de mercado achegan opinións de clientes/as potenciais e existentes para pescudar exactamente o que desexan, necesitan e esperan, poñen a proba conceptos e miden o coñecemento da marca.
Google Forms
Google Forms é o software gratuíto de Google para crear formularios en liña e analizar as respostas en tempo real.
A sinxeleza de uso é unha das súas principais vantaxes. Permite seleccionar entre distintos tipos de preguntas, arrastrar e soltar as preguntas para cambiar a orde.
Tamén personaliza as cores, as imaxes e as fontes dos vosos documentos para que se axusten á imaxe corporativa de marca.
Crowdsignal
Crowdsignal é unha plataforma todoterreo que permite realizar sondaxes e enquisas en CMS como WordPress ou en redes sociais como Twitter ou Facebook, ademais de enviar sondaxes interactivas por correo electrónico.
Tedes control total sobre os datos e podedes exportar os datos dos resultados a aplicacións excel ou Google Drive.
QuestionPro
QuestionPro é unha plataforma moi intuitiva para crear enquisas útiles que se visualizan en diferentes dispositivos (tableta, pc, móbil…). Deixa facer cuestionarios dende cero ou elixir entre máis de 100 plantillas e máis de 50 tipos de preguntas.
Ademais, usa a lóxica intelixente e análise de texto avanzado para colleitar datos de maior valor.
Survicate
Se queredes conectar facilmente os datos da enquisa con outros sistemas cos que esteades a traballar na vosa empresa, unha boa opción é Survicate. Intégrase, por exemplo, con HubSpot ou Intercom e obtén un fluxo constante de información do cliente/a en todas as etapas.
Especialmente útil resulta a posibilidade de manter todos os comentarios dos/as clientes/as nunha única ferramenta.
Survio
Outra popular ferramenta é Survio, un software para a creación de enquisas en liña de satisfacción do/a cliente/a, investigación de mercados ou estudos de opinión.
Podedes engadir imaxes e vídeos ás enquisas para que resulten máis atractivas e permite compartilas vía enlace, correo electrónico ou redes sociais e mesmo inserilas na vosa páxina web.
Zoho
Só tardaredes uns minutos en crear unha enquisa e veredes os resultados de forma gráfica e en tempo real. Os seus informes personalizables permiten visualizar as tendencias das respostas para axudarvos a tomar decisións fundamentadas.
Ademais, pode axudarvos coa adquisición de respostas. Só tedes que elixir a zona demográfica que desexedes e en Zoho encárganse de recompilar as respostas.
Videoask
Videoask é un cara a cara virtual. Resumindo, gravades unha mensaxe, compartides a ligazón e observades as respostas. É ideal para interactuar coa vosa audiencia e construír relacións comerciais máis sólidas.
Typeform
O toque humano é o máis importante nesta ferramenta en cuxas enquisas se realiza unha pregunta cada vez, como nunha conversación natural, e nas que podes mostrar unha pregunta ou outra dependendo das respostas do enquisado.
O resultado son respostas máis reflexionadas e maiores taxas de finalización.
Ata aquí a nosa selección de ferramentas, na súa maioría gratuítas ou con versións free, coas que podedes realizar sinxelas enquisas en liña para enviar á vosa base de datos e coñecer de primeira man as súas necesidades, preferencias, suxestións ou queixas.
Xa sabedes que canta máis información teñades dos vosos clientes, mellor poderedes adaptar a vosa oferta e ser eficientes, rendibles e posicionarvos no mercado.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario ou o teu asesor persoal.