A transformación dixital e a pandemia trouxéronnos un novo modelo de oficina: a oficina virtual. Aínda que a súa función principal é a de sempre, dispoñer dun espazo con todos os recursos necesarios para que os empregados poidan realizar o seu traballo de forma eficiente, o escenario cambiou.
Porque ese espazo xa non é unicamente un lugar físico estático con postos e recursos asignados para cada xornada. Agora a vosa oficina atópase deslocalizada e para que funcione de forma eficaz é necesario dispoñer de ferramentas apropiadas.
Ante este panorama, as solucións na nube convertéronse na opción favorita das empresas. As súas vantaxes son evidentes: facilitan a mobilidade, melloran a comunicación, aumentan a produtividade, reducen o consumo de enerxía e aforran en papel e espazos físicos. É dicir, xestionades a vosa empresa dunha forma integral con ferramentas de primeiro nivel que vos permiten traballar na nube dende calquera dispositivo e lugar.
Vantaxes económicas e humanas dunha oficina virtual
En primeiro lugar, reduce custos xerais e permite aforrar en gastos de administración, infraestrutura ou mantemento.
Atopar e habilitar un espazo físico acorde ás características do voso negocio é un investimento importante e, ademais, require de certa estabilidade. Se as necesidades cambian, algo habitual na contorna actual, sempre será máis fácil, rápido e económico adaptarse nun espazo virtual. Neste sentido, unha oficina virtual pode ser temporal ou permanente.
Un dos principais motivos deste menor investimento é que optimiza a necesidade de persoal sen que a atención ao cliente se vexa afectada.
Podedes conectarvos e desconectarvos cando queirades ou necesitedes dende calquera localización e o consumidor sempre percibirá unha atención 24 horas. Contades para iso cunha gran variedade de posibilidades e formatos para comunicarvos interna e externamente, como chats ou mensaxería, ferramentas para videoconferencia ou solucións para a edición colaborativa de documentos.
O obxectivo é que o voso equipo poida acceder en tempo real e sempre que o necesite aos datos da empresa e, por suposto, que estea permanentemente interconectado.
O aforro de custos non é só para a empresa, tamén o é para o persoal. Aforro en desprazamentos, transporte e mellor conciliación de vida laboral e persoal propician empregados/as máis contentos/as, menos tensos/as e, resultado de todo iso, máis eficientes e produtivos/as.
Ao mesmo tempo, ofrécevos a posibilidade de acceder a talento novo noutras localizacións, xa que é posible traballar a distancia dende calquera lugar.
O camiño cara a unha sociedade dixital
En cuestión de imaxe, unha oficina virtual achégavos aos mercados e aos usuarios dixitais, que medran cada día. As redes sociais ou o comercio electrónico xogan un papel esencial na economía actual e unha oficina virtual encaixa nesta nova percepción da economía na que os teus clientes poden aparecer en calquera lugar e a calquera hora.
E no momento en que as distancias xeográficas se difuminan, medran as vosas opcións para achegarvos a mercados novos, máis afastados, amplos ou mesmo internacionais.
Sen dúbida, é unha aposta polo futuro. Os estudos confirman que as empresas que máis invisten en innovación e tecnoloxía conseguen atender mellor as necesidades do mercado e dos clientes, o cal redunda en maiores beneficios.
Contornas seguras e flexibles
As oficinas virtuais achegan seguridade e fiabilidade. Os vosos datos estarán protexidos conforme aos estándares de seguridade e normativas vixentes. Ademais, estaredes seguros de que os vosos datos non se perderán, xa que estas solucións incorporan a xeración de copias de seguridade ou back up. Así que teredes os datos críticos do voso negocio en contornas seguras e deslocalizadas.
As oficinas virtuais son ese espazo no que dispoñedes, entre outras, de ferramentas ofimáticas, almacenamento na nube ou solucións para reunións en liña sen necesidade dun custoso espazo físico estándar. Unha nova forma de afrontar a vosa actividade facendo uso da tecnoloxía.
En R, como sabedes, acompañámosvos nos procesos de transformación da vosa empresa. Agora, ademais, somos axentes dixitalizadores do ‘Kit dixital’.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta con noso equipo da área comercial Empresas.