Se non vas estar na casa e non queres perder ningunha chamada que che fagan ao fixo, activa o desvío de chamadas a través de app gratuíta de cliente de R para móbiles Android ou iOS ou dende a Área Cliente da web. É súper fácil, explicámosche como facelo en moi poucos pasos.
Desvío de chamadas desde a app de cliente
Configura o desvío de chamadas do teu fixo de casa comodamente, esteas onde esteas, dende o móbil.
Entra na app de cliente de R para móbiles Android e iOS. Selecciona “Teléfono” nos teus servizos de cliente. A continuación, pulsa o botón “Configurar teléfono” e despois “Configurar desvíos do teléfono fixo” e selecciona a túa liña de casa.
Aparecerache o despregable “mostrar desvíos” onde poderás elixir a opción que che interesa
- desviar todas as chamadas: se queres desviar todas as chamadas que recibas no teu teléfono fixo en calquera circunstancia. Se elixes esta opción, o teléfono non recibirá nunca ningunha chamada; podes desactivar o desvío no terminal con #21#
- desvío se comunicas: desviarás as chamadas cando esteas a usar o teléfono con outra chamada
- desvío se non contestas: o desvío producirase cando soa o teléfono, pero non contestas á chamada nun tempo determinado
Selecciona se queres facer o desvío ao contestador ou ao número de teléfono fixo ou móbil que debes indicar xusto debaixo.
Dálle a modificar e recibirás nuns segundiños de nada a confirmación de que o desvío se realizou correctamente.
Desvío de chamadas dende a Área Cliente da web
Tamén podes configurar os desvíos de chamadas dende a Área Cliente da web.
Para facelo segue estes pasos:
- Accede á área cliente
- Selecciona “Teléfono”
- Pulsa en “Configurar desvíos do teléfono fixo”
- Selecciona o teléfono fixo que queres modificar
- Elixe a opción de desvío que queres realizar
Podes desviar todas as chamadas recibidas, só se comunicas ou se non contestas nun tempo determinado. Debes indicar o número fixo ou móbil ao que queres desviar as chamadas de casa ou ao contestador.
Nun momento (20-30 segundos) recibirás unha mensaxe de confirmación.
Lembra que a activación do servizo é gratuíta pero a súa utilización conleva gastos. As chamadas que desvíes a outro número cóbranse como chamadas realizadas dende a túa liña; os desvíos ao contestador son gratuítos.
Como ves, o proceso é sinxelo e rápido porque sabemos que o teu tempo é moi valioso. Iso si, se tes calquera dúbida, deixa a túa mensaxe en comentarios e axudámoste.