Coa inflación disparada e as festas de Nadal á volta da esquina, agradécese máis que nunca un desconto nas compras. Por terceira vez, a Xunta pon en marcha os Bonos Activa Comercio, que podes solicitar e utilizar do 9 de outubro ao 31 de decembro de 2023. Contámosche que son, como solicitalos e en que establecementos podes utilizalos.
Que son os Bonos Activa Comercio
Os Bonos Activa Comercio son unha iniciativa da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Comercio e coas Asociacións Provinciais, que busca apoiar e revitalizar o comercio local e de proximidade.
Trátase dun bono desconto de ata 30€ que poderás utilizar para realizar compras nos establecementos comerciais adheridos á iniciativa.
Con cada compra que fagas neles terás un desconto, en función do importe total, ata que esgotes o saldo do teu bono.
Así que, con este Bono Activa Comercio, podes aforrar un pouquiño mentres contribúes á modernización e a sumar vendas aos comercios do teu barrio ou cidade. E todo iso de forma rápida e sinxela.
Cando podo utilizar o meu Bono Activa Comercio
Dende xa mesmo. Podes utilizar o teu bono do 9 de outubro ao 31 decembro de 2023.
Só unha excepción a ter en conta respecto a estas datas: se se esgota o orzamento do programa, xa non poderás utilizar o bono. Aínda que o descargaras previamente, todos os bonos expiran automaticamente.
Esta é a terceira vez que a Xunta pon en marcha esta iniciativa e, en concreto, a segunda no que vai de ano. Nesta ocasión, dispuxo 5,5 billóns de euros para o programa Bonos Activa Comercio.
As anteriores convocatorias foron un exitazo; como seguramente ocorra o mesmo nesta nova ocasión, non perdas nin un minuto e solicita xa o teu Bono Activa Comercio.
Como consigo o Bono Activa Comercio
Non hai un número máximo de usuarios que poidan beneficiarse do bono pero, iso si, só se permite descargar un único bono por persoa.
O Bono Activa Comercio ten formato dixital QR e funciona a través dunha aplicación móbil.
Descargalo é moi sinxelo e totalmente gratis. Só tes que seguir estes pasos:
En primeiro lugar, darte de alta en https://www.bonosactivacomercio.gal. Podes facelo no espazo cliente, tamén vía móbil, introducindo os teus datos persoais.
Rapidamente, recibirás un sms para a confirmación do rexistro.
Unha vez o valides, xa podes activar o teu bono e descargalo dende a web oficial.
Para engadir o bono no teu teléfono móbil, debes ter instalada a app Wallet, xa que se abre cunha aplicación de carteira dixital. Se usas Android, é recomendable que utilices Walletpasses; no caso de usuarios de Apple, a opción máis habitual é Apple Wallet.
E, xa co teu bono operativo no móbil, chega a mellor parte: buscar un comercio adherido á iniciativa e aproveitar os descontos.
Iso si, para que che apliquen o desconto, debes mostrar o teu bono no comercio cando vaias pagar.
Como pago co Bono Activa Comercio
Como che diciamos, lembra levar o teu bono, pero non te preocupes porque, polo demais, o proceso de cobro e desconto é moi fácil e ti non terás que facer nada especial.
Para que che apliquen o desconto, ensina o código QR do teu bono.
O comercio introducirá na app do Bono Activa Comercio o importe da compra. Así se calculan, de maneira automática, o desconto aplicable e o importe final.
Ademais, a túa compra xa queda rexistrada e, de paso, o teu bono é actualizado coa cantidade que aínda che resta por descontar.
Descontos co Bono Activa Comercio
O Bono Activa Comercio irase consumindo en función do valor da compra e o desconto varía dependendo do importe.
Para compras entre 20 e 30€, o desconto son 5 euros.
Se realizas compras entre 30 e 50€, o desconto ascende a 10 euros.
E 15 euros de desconto terás en compras iguais ou maiores a 50€.
Aclarar que falamos sempre de importe final, con IVE incluído.
Comercios adheridos ao Bonos Activa Comercio
Todos os comercios que se adheriron aos Bonos Activa Comercio están identificados co distintivo oficial da campaña. E xa son máis de 4.000 repartidos por localidades de toda Galicia.
Nesa amplísima listaxe figuran tendas de moda, zapaterías, librerías, xoierías, moblerías ou salóns de peiteado. Multitude de opcións entre as que procurar, por exemplo, o agasallo perfecto, o que necesitas para os/as máis pequenos/as da casa ou para as túas mascotas.
Ademais, non é unha listaxe pechada, xa que o prazo para adherirse comercios segue aberto ata o día 15 de decembro.
Para maior comodidade, a web incorpora un buscador co que podes filtrar por provincia, localidade ou por palabra clave.
Consulta a listaxe de todos os establecementos adheridos ao Bonos Activa Comercio.
Xa ves o fácil e práctico que é o Bono Activa Comercio. Accedes á web, descárgalo e lévalo no teu móbil listo para ser usado no que máis che apeteza.
Imaxe cabeceira: Bonos Activa Comercio.