En Galicia temos unha ampla oferta de turismo termal. Un bo número de balnearios e spas nos que, ademais de coidar a nosa saúde, podemos practicar deporte, gozar da boa gastronomía e descubrir lugares con encanto. Damos un repaso aos mellores balnearios de Galicia.

Xa os romanos gozaban dos beneficios curativos e terapéuticos das augas termais. Pero, aínda que o obxectivo principal siga sendo o mesmo, a forma de "tomar as augas" cambiou moito dende aquela época.

A día de hoxe, facémolo en modernas instalacións repletas de servizos e opcións para todos os gustos e públicos que, ademais, suman a esa faceta máis saudable, un bo lote de alternativas lúdicas e de lecer.

Hai moito onde elixir. Aquí tes información sobre os mellores spas e balnearios en Galicia.

#1

Balneario de Mondariz

Un dos referentes do turismo termal en Galicia, e en España, é o Balneario de Mondariz, en funcionamento dende 1873.


Con máis de 3.000 m2 adicados ao relax e ao lecer a través da auga mineromedicinal dos mananciais de Mondariz, o Pazo da Auga é un dos lugares máis procurados deste balneario. Nel podes realizar un relaxante circuíto termal, como o Circuíto Celta, ou regalarte algún tratamento termal.


Se che gusta o golf, poderás xogar nun dos maiores campos do norte de España.


Tamén podes gozar da mellor gastronomía nalgún dos seus tres restaurantes e de concertos en vivo no Piano Bar.


#2

Gran Hotel La Toja

Na illa da Toxa atopamos o único hotel balneario de cinco estrelas de Galicia.


O Gran Hotel La Toja incorpora á sabia tradición do seu termalismo centenario técnicas máis modernas, dando lugar a sofisticados tratamentos de saúde e beleza e medicina preventiva.


A illa da Toxa está unida á localidade do Grove a través dunha característica ponte e nela non te aburrirás. Hai campo de golf, casino, pistas de tenis e pádel, actividades náuticas...


Ademais do Gran Hotel, na Toxa hai outros dous hoteis balneario: Eurostars Isla de la Toja e Hotel & Talaso Louxo La Toja, ambos os dous de catro estrelas e tamén con coidadas instalacións nas que gozar das propiedades sanadoras das augas da illa.


#3

Hotel Talaso Atlántico

O Hotel Talaso Atlántico, en Oia, presume de ser o primeiro hotel con talasoterapia nas Rías Baixas.


Un concepto que aplica á utilización, baixo prescrición médica, da auga do mar e dos demais elementos mariños con fins preventivos ou terapéuticos.


Nel tes unha área de Medicina Estética, homologada polas autoridades sanitarias, e tratamentos personalizados que se adaptan ás túas necesidades, dende o punto de vista físico, nutricional ou psicolóxico.


Non perdas o chamado Percorrido Marino, con 18 pasos diferentes, entre eles aquagym, sauna ou camas de relax.


#4

Hotel Augusta Eco Wellness Resort

O Hotel Augusta Eco Wellness Resort representa un novo concepto de benestar onde conectar corpo, mente e alma mediante retiros de benestar e saúde holística.


Dispón de máis de 25.000 m2 adicados de maneira total ao relax, respectando sempre os criterios de sustentabilidade e de eficiencia.


Tamén ofrece talleres de ioga, música ou meditación.


O Hotel Augusta Eco Wellness Resort conta cunha localización privilexiada á beira do mar, en Sanxenxo, un dos grandes centros turísticos de Galicia.


#5

Balneario Termas de Cuntis

O maior hotel balneario de Galicia está en Cuntis (Pontevedra).


Conta cun circuíto lúdico-termal que permite aproveitar os beneficios terapéuticos das augas de Cuntis, con axentes antiinflamatorios, antialérxicos e antioxidantes.


Nas súas máis de 40 cabinas individuais de tratamento, pódese gozar de estufas de vapor, saunas finlandesas, duchas Vichy, pediluvios e maniluvios.


#6

Hotel Balneario de Compostela

O balneario máis novo de Galicia é o Hotel Balneario de Compostela, inaugurado no ano 2004, e situado no val da Maía (Brión).


Nútrese das propiedades terapéuticas do histórico manancial do Tremo e conta con programas de fisoterapia, rehabilitación, consulta médica, masoterapia e tratamentos de beleza.


Na planta baixa do balneario, hai unha piscina de 5 x 11 metros, con auga a 30Cº, na que se tratan múltiples afeccións a través da hidroterapia (exercicios na auga).


#7

A Quinta da Auga

Tamén na contorna de Santiago de Compostela, está A Quinta da Auga.


Un ecohotel exclusivo con 51 habitacións, todas elas diferentes, que alberga un coidado spa con piscina de hidroterapia, sauna, ducha de contrastes e esencias, jacuzzi e fonte de xeo. Mesmo dispón de zona privada para grupos.


Para complementar a túa estancia, un bo plan é achegarte a degustar os exquisitos pratos do seu restaurante Filigrana.


#8

Hotel Balneario Río de Pambre

Entre bosques centenarios atopamos o Hotel Balneario Río de Pambre.


Atópase en pleno Camiño de Santiago e conta con habitacións con vistas ao río ou ao castelo.


Entre os seus servizos termais, dispón dunha piscina activa, poza fría, baños a vapor, sauna seca, camas de auga e fervenzas de auga.


Tamén ten zona de cabinas para baños de burbullas, chorros termais, masaxes, tratamentos con envolturas e faciais.


#9

Hotel Augas Santas Balneario & Golf

Na localidade lucense de Pantón, na Ribeira Sacra, atopámonos cun dos balnearios máis completos e grandes de Galicia, que dispón de 118 habitacións.


No Hotel Augas Santas Balneario & Golf tes augas sulfuradas bicarbonatadas e sódicas que proveñen do propio manancial de Augas Santas e están indicadas para afeccións reumatolóxicas, dermatolóxicas e respiratorias.


Ademais de gozar dos baños e tratamentos terapéuticos, podes xogar ao golf e gozar da gastronomía e dos fantásticos viños da zona no seu restaurante.


#10

Balneario Acuña

Benvidos ao coñecido como o Balneario dos Peregrinos.

Situado no Camiño de Santiago Portugués, o Balneario Acuña, en Caldas de Reis, é famoso polos moitos peregrinos que acoden a el para relaxarse cos tratamentos e, de paso, gozar da boa gastronomía galega.

O seu maior reclamo é a piscina de auga mineromedicinal, cuxa temperatura rolda os 30ºC e que renova constantemente.

O Balneario Acuña está integrado por dous edificios de gran beleza arquitectónica situados na beira do río Umia, que podes contemplar dende os coidados xardíns e miradoiros acristalados.

#11

Hotel Balneario Laias

Este Hotel Balneario está en Laias, no Ribeiro, a tan só 15 quilómetros da cidade de Ourense.

Trátase dun hotel-balneario de catro estrelas con 98 habitacións, boa parte delas con terraza dende a que desconectar contemplando a relaxante paisaxe que o rodea.

No interior do balneario, o lugar de referencia é a súa zona “Termarium”. Un espazo que sorprende polo seu innovador deseño e no que podes gozar coas máis modernas técnicas, dende bañeiras aromáticas a piscinas de contraste ou cadeiras de brazos térmicos.

E se che apetece unha pequena excursión para gozar da contorna, a tiro de pedra do hotel atópase unha das xoias da cultura galega prerromana: o Castro de San Cibrao de Las.

#12

Hotel Balneario Arnoia

Entre os ríos Miño e Arnoia, lecer, termalismo e natureza combínanse á perfección no Hotel Balneario Arnoia.

Un lugar con augas hipotermais de mineralización débil onde se levantou un establecemento no que destacan as aplicacións a presión, parafangos, terapias manuais e tratamentos de estética faciais e corporais. Ademais, hai dúas piscinas interiores e un circuíto termal.

Para redondear a sensación de relax e escapada perfecta, o hotel está rodeado de xardíns e, se che apetece facer algo de turismo, Ribadavia atópase a tan só catro quilómetros de distancia.

#13

Hotel Balneario de Lobios

Imos agora á Baixa Limia-Xurés, preto da fronteira con Portugal.

Trátase dunha zona de gran valor ecolóxico e, por iso, o Hotel Balneario de Lobios está especializado en cicloturismo e é punto de información de BTT Galicia.

Ademais, nesa zona as auga son súper quentes e brotan a uns 77ºC, o cal as fai idóneas para tratar procesos crónicos dixestivos, respiratorios, reumatolóxicos ou dermatolóxicos.

O Hotel Balneario de Lobios é un bo lugar para beneficiarse de chorros de pescozo de cisne, técnicas de masoterapia e tratamentos de fisioterapia.

#14

Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas

Terminamos a nosa viaxe termal por Galicia na ría de Viveiro, onde atopamos o Hotel Thalasso Cantábrico.


Conta con piscina dinámica con chorros, sauna seca, jacuzzi, pediluvio, salga relax, bañeira de hidromasaxe, zona fitness e cabinas para diferentes tratamentos, como masaxes, envolturas ou peelings.


Non perdas o restaurante con terraza panorámica situado no alto do edificio principal.


E, ademais, podes dar unha volta polas veciñas praias de Sacido ou Covas.


Saúde, lecer, natureza, gastronomía, cultura, deporte... Os balnearios e spas de Galicia son un planazo para gozar a tope en calquera momento do ano.

Fonte imaxe cabeceira: Balneario de Mondariz