Unha das noticias destes días é o ciberataque de ransomware que se propagou en máis de 150 países.

Como a Interpol cre que os 200.000 usuarios afectados por este programa informático malicioso van aumentar sensiblemente e dende R consideramos que toda información é poca, queremos facer fincapé nunha serie de recomendacións.

Actualizar o sistema operativo

O ransomware, como sabes, afecta a sistemas Windows, cifrando todos os seus arquivos e as unidades de rede ás que están conectadas, infectando ademais ao resto de sistemas Windows que haxa nesa mesma rede. Polo que se despois queres ver algo, non o podes facer. E só che dan a opción de pagar (algo non recomendable porque non tes garantía de recuperar nada e terían motivos para seguir con estas prácticas fraudulentas).

Para evitar sufrir algo así, dende o  Centro Criptológico Nacional (CCN-CERT) aconsellan actualizar os sistemas á súa última versión. Pasámosche o enlace por se tes unha antiga, non segura:

https://technet.microsoft.com/en-us/library/security/ms17-010.aspx

Sistemas afectados

Os sistemas afectados son os seguintes:

  • Microsoft Windows Vista SP2
  • Windows Server 2008 SP2 e R2 SP1
  • Windows 7
  • Windows 8.1
  • Windows RT 8.1
  • Windows Server 2012 y R2
  • Windows 10
  • Windows Server 2016

No caso de Windows XP e 2003, que non tiñan soporte, o xigante informático acaba de lanzar uns parches que é recomendable instalar canto antes.

Mentres non poñas o parche actualizado, recoméndase desactivar SMBv1.

Antivirus

Ademais de actualizar o teu sistema operativo, lembra que sempre é fundamental ter un bo antivirus. E telo actualizado. Ás veces sabemos que é unha lata que cada pouco cargue unha nova versión, pero é precisamente o que permite que teñamos a seguridade de que o noso equipo vai estar protexido.

Este é un dos ataques máis grandes coñecidos a nivel mundial, pero pensa que hai miles de programas maliciosos, que controlan de forma remota o teu equipo ou ben que o espían sen ti sabelo. Polo que unha ferramenta deste tipo limita moitísimo estes perigos.

Para os clientes que nos preguntan, o antivirus que comercializamos en R está totalmente actualizado e preparado fronte a este ransomware. Polo que se  volve á carga, estate tranquilo porque seguridade R actuaría e o teu equipo estaría protexido. Lembra, de novo, telo activado (podes telo en ata 3 equipos) e coas actualizacións funcionando.

Copia de seguridade

Ademais de ter un sistema operativo actualizado (no relativo aos parches de seguridade) e de ter un antivirus actualizado (con soporte antimalware), o terceiro elemento a ter en conta ante estas situacións, é a copia de seguridade. No caso de que alguén encripte toda a nosa información, é imprescindible ter unha copia de seguridade para poder recuperar todos os nosos arquivos e documentos.

Isto para empresas é crítico. Pódese recurrir a discos duros (pero se está enchufado ao noso equipo vaise ver afectado) ou ben a solucións como as de back up que temos en R (que ao estar noutra localización garante a copia con seguridade).

Máis ferramentas

Por último, comentar que dende o CCN-CERT puxeron tamén á disposición dos usuarios diferentes ferramentas para previr a infección co malware e irán actualizando a súa web con calquera novidade.

Pola nosa parte, tamén quedamos á túa disposición para calquera dúbida que teñas.